Opinión

Riazor faise valer

Cambiou o Dépor. Mellorou. Gustou. Non só foi unha cuestión de resultado, a segunda na casa no que vai de campionato. Dúas vitorias de dous partidos xogados en Riazor. Que dure. Foi tamén a sensación de que o partido non correu risco, onde o dominio, globalmente, foi do cadro branco e azul. 

Dos dous partidos disputados na Coruña hai un elemento común. Spórting e Granada arrugáronse, xogaron con excesivo respeto, con medo. Iso proporciona un elemento extra ós de Natxo. Poder xogar con tranquilidade e co repouso axeitado para controlar o partido. Na primeira metade o Granada non foi capaz de tirar a porta. O Dépor, coa iniciativa toda de seu, achegouse tecendo boas combinacións, errando na definición, pero creando. Unha sensación en conxunto moito máis positiva.

Un bo exemplo da melloría foi Quique González que amosou sobre o céspede que ten calidade, que ten gol e que sabe do seu oficio. O segundo gol é dunha gran beleza plástica e, sobre todo, de gran intelixencia, característico dos bos futbolistas zurdos. Tamén foi unha agradable sorpresa Saúl, do que se esperaba un papel pouco representativo. Pero as lesións dos laterais brindáronlle unha oportunidade que soubo aproveitar con nota destacada. Fabuloso. 

A diferenza co Dépor de semanas pasadas é o de saber estar, destacando pola súa sobriedadade. Hai que tomar este partido con cautela aínda. Se o Dépor non baixa deste nivel e medra a partir de aquí haberá fútbol e gustará. A mellor nova foi ver que esta vez os de Natxo co un a cero non recuaron. Mantiveron as posicións e incluso reforzaron o ataque coa saída de Cartabia, que sorprendentemente viu gran parte do encontro desde o banco dos suplentes. 

A mellor nova foi ver que esta vez os de Natxo co un a cero non recuaron. Mantiveron as posicións e incluso reforzaron o ataque coa saída de Cartabia

 

Hai futbolistas que aínda están verdes. O caso máis chamativo é o de Didier Moreno, pero no seu favor hai que dicir que o técnico non está colocando o colombiano no seu posto natural, o de pivote defensivo. Na súa contra pesa o rigor técnico co balón nos pes. Está excesivamente xusto, errando moitas entregas e perdendo numerosos balóns, probablemente, por xogar desubicado, nun dos vértices, o dereito, que non lle corresponde. 

Se o Dépor que xogou ante o Granada é o que está a sentar as bases para o resto da temporada será unha moi boa nova. Se é quen de manter a disciplina táctica e, sobre todo, a efectividade dará moitas alegrías. Pero claro, xogar só ben na casa non chega para alcanzar o ascenso. Manter este nivel, e melloralo, lonxe de Riazor será chave. Que Riazor se faga valer é un paso moi positivo que o equipo ten que seguir asegurando así de ben.

Comentarios