Opinión

Resultados positivos sen convicción

Imaxinen a seguinte situación. Uns excursionistas na neve son arrastrados por un alude e quedan pendurados dun risco. O que está más abaixo, a pique de caer, precisa agarrarse como sexa ao pé do excursionista que está inmediatamente máis arriba para que o fío do que quedaba colgado, e que se vai desfiando pouco a pouco co peso, non se rompa e poida sobrevivir á fatídica experiencia. Nesa situación anda o Deportivo, por méritos propios e sen ningún alude que o empurrase cara ese risco. Pero o precipicio asoma. 

Así era a situación antes de que chegase o Betis naquel partido que interrumpeu o temporal, e así seguía sendo tras dous partidos de Mel no Deportivo. Este era un encontro tan importante como o de Xixón hai tres días. Precisaba a mesma mentalización, a mesma intensidade. E que pasou? Que volveu o relax. E o Dépor non está para vivir de rendas. Ao equipo branco e azul convénlle o rebumbio, meter a máis rivais entre o grupiño pendurado desa corda que se desfía paseniñamente.

Por que o Dépor non saíu con tensión? Onde perdeu a intensidade? As dúbidas aparecen de novo sobre algúns futbolistas e ábrese o debate de se realmente todo era cousa de adestrador.

Este era un encontro tan importante como o de Xixón hai tres días. Precisaba a mesma mentalización, a mesma intensidade. E que pasou? Que volveu o relax

O que si está claro é que Víctor Sánchez del Amo fixo ben os deberes. Aprendeu da situación vivida na Copa. Sorprendentemente, tomou a iniciativa en Riazor e non deixou que o Dépor repetise o ridículo da eliminación. O Betis plantexou un bo partido. Creou perigo, desbordou na primeira metade con moitísimo perigo, chegou con moitos homes á área herculina. Brasanac toleou a centrocampistas e defensas. Faltoulles definición. Unha sorte que si tivo Lux que, unha vez máis, estivo centrado, aínda que tampouco foi agobiante o Betis en canto a ocasións de perigo. Ao Betis faltoulle pólvora.

O Dépor de Mel non compareceu, polo menos como se esperaba. Fixo un mal partido. Non xogou a nada ou case nada. Para os que queren ver xa a man de Pepe Mel sobre o ex equipo de Garitano, este partido ante o Betis non vai ser o exemplo para sacar conclusións. Ou si. Que a vida segue. Que o Dépor non mudou tanto como puidera parecer ou esperar. E aquí hai que subliñar o papel de Mel. Se alguén coñece o Betis ben, moi ben, ese é Pepe Mel, que viviu ata hai dúas semanas en Sevilla, e ademais o adestrador deportivista ten un pasado bético moi próximo. Pero hai que recoñecer que fixo mellor os deberes o ex adestrador deportivista Víctor Sánchez del Amo, que leva máis semanas dirixindo o equipo hispalense.  

O que é incuestionable é que a chegada de Mel causou un efecto positivo no equipo que se ve, sobre todo, no cambio de tendencia nos resultados. O Dépor suma puntos sen un bo xogo. Pero son suficientes para lograr un cambio de dinámica que era preciso para evitar que a corda pendurada do risco se rompese. Ese efecto positivo aporta algo moi bo, que o equipo cre en si. Demostrouse porque soubo aguantar ata igualar un resultado en contra na casa. Esta actitude estaba borrada na mente dos futbolistas coa baixada de brazos en Leganés.

Mel xa leva tres partidos co seu novo equipo. Os efectos positivos pasan con rapidez. Ten que atopar fórmulas para conseguir novas sensacións que inclúan bo xogo e resultados. Que o adestrador non está contento co que viu ante o Betis quedou claro na rolda de prensa posterior ó partido, onde dixo que hai máis xogadores ós que pode poñer se os que saen non cumpren. E non lle falta razón ó técnico porque Carles Gil e Çolak defraudaron. Tamén Joselu, pero tivo moito menos tempo. Destacaron Luisinho, o mellor do partido, e Andone que o deixa todo no campo. Nunca falla por traballo. Deu cun dos seus disparos á porta no pau e estivo a piques de lograr outro que se cantou en medio Riazor polo efecto óptico que causou o coiro sobre a rede da portería de maratón.

Veñen partidos duros para o Dépor. Unha proba de lume para o novo técnico. Será capaz de manter a tendencia positiva? O domingo recibe o todopoderoso Barça, capaz de marcar seis goles ó PSG e deixalo na cuneta, e que leva a escandalosa cifra de 17 goles a favor en tan só 8 días entre Liga e Liga de Campións; e, unha semana despois, o derbi co Celta. Os dous partidos son en Riazor. 
Aí te quero ver Mel!

Comentarios