Opinión

Renglóns tortos

Coidado con tanta tranquilidade. Coidado con iso de relaxarse tanto. Coidado con baixar o listón e pensar que xa está todo feito.

O normal é que non pase nada. O normal é que a finais de abril o Dépor teña xa as contas feitas para esta tempada. O normal é que o Dépor este ano non teña que esperar ata a última xornada para saber que futuro lle espera. Pero tanta normalidade adormece. 

A etiqueta de ser o único equipo de Primeira que aínda non coñece a vitoria en todo o 2016 ou ser o rei do empate, e só iso, comeza a ser un dato estraño. Empates e derrotas causan efectos anestesiantes e de desconexión. Os empates non fidelizan, sobre todo cando se repiten machaconamente. Se o paso seguinte son as derrotas, estas amolan. Certo é que o número de derrotas aínda non é preocupante, pero cada unha delas asombra a solaina da primeira volta e desmoraliza o persoal. Do equipo espérase que ofreza tamén vitorias.

Os empates non fidelizan, sobre todo cando se repiten machaconamente. Se o paso seguinte son as derrotas, estas amolan

O Dépor viaxou a Barcelona sen Lucas. Unha baixa máis que sensible. A Lucasdependencia é un feito. Non hai máis que repasar a importancia dos goles de Lucas para darse conta que, para o Dépor, o dianteiro coruñés é a vida, osíxeno puro, o pan de cada fin de semana. Sen Lucas parecía previsible que a merma sería notable en Barcelona. Non habería que laiarse se o resultado final fose… un empate, outra vez. Porque a afección é consciente de que o equipo sen Lucas é menos equipo. 

Pero o problema agrandou coa lesión de Sidney. Porque se Lucas é o pan, o central brasileiro é o sal do equipo branco e azul. Por riba ameazou a continuidade de Arribas no campo, tamén por outra lesión. Finalmente, non foi así. A catástrofe podería ser de dimensións diabólicas.

O Dépor escribe o paso pola Liga no 2016 con renglóns moi tortos. Só gañar algo, de vez en cando, pode endereitar a liña. A comparación coa primeira volta comeza a ser desoladora. E o calendario propicio, pouco a pouco esgótase. Xaneiro e febreiro aló van. Pero tampouco e cousa de esperar a que chegue a primavera para ir poñendo sol ás sombras.

Comentarios