Opinión

Sen remedios ou sen remedio?

Meigallo. Mala sorte. Gafados. Sexa o que sexa o Dépor segue sen gañar. E van doce xornadas de Liga, catorce partidos en total cos de Copa. Polo menos, un empate. Un punto. Corta a xeira de tres derrotas. Pero un punto suma pouco. Non resulta balsámico. Agora si que a preocupación está instalada. Outra vez. A sorte é que hai partidos para tratar de recobrar a calma malia todos os negros nubarróns que asoman. Todos sabemos que non hai treboada que non escampe, porque se de algo sabemos en Galicia é de chuvia. Por estar, ata estamos vacinados. Así que a choiva non pode ser unha escusa, agás para os de terra de secaño.

Pero tampouco se pode mercar eternamente a mala sorte. Porque a mala sorte, tanta, tan seguida, non existe. As alertas sobre esta situación hai moitas semanas que saltaron. Alarmas que soaban para dar un aviso: evitar a situación actual.

Dos últimos 48 partidos, os deportivistas só gañaron 8 partidos. Os últimos 48 encontros deixan 25 empates e 15 derrotas

O clima que hai en Riazor, que non da prensa, non é pesimismo. É unha realidade. Riazor está en alerta. Pero moito antes de que chegaran as derrotas. Onde non están en alerta é na caseta. No vestiario o clima segue en calma. Non se ve o perigo. Iso é o que transmiten. Manexan o calendario con esperanza e convicción. O caso é que esa mensaxe non cala coa bancada. Non convence. Botando unha ollada á estatística igual se entende por que: dos últimos 48 partidos, os deportivistas só gañaron 8 partidos. Os últimos 48 encontros deixan 25 empates e 15 derrotas. O Dépor igualou esta tempada a marca de empates que tiña en Primeira: quince. Foi na 91-92 e na 2004-2005. Pero a esta Liga anda lle quedan dez xornadas. A marca vai caer fixo (os datos son de @pedritonumeros). 

Cada vez que o Deportivo marca un gol en Riazor desde a megafonía cántase con grande emoción e a seguir anúnciase que hai que facerse socio do equipo. Gran estratexia. Claro, porque os goles, as vitorias, fidelizan, levan máis xente ó estadio. Sen goles, sen vitorias, non hai paraíso. E o que é peor, non hai novos proxectos.

Non sería máis lóxico un xogador como Lopo no campo cando Lucas pediu o troco? 

Co Málaga só houbo pequenos signos de recuperación. O mellor foi a capacidade do equipo para levantar o partido en dúas ocasións. Pouco máis. Pero o equipo segue tendo problemas e bota en falta o seu puntal defensivo: Sidnei. Sen o brasileiro, o equipo creba. Os goles dos andaluces, os tres, chegaron en xogada a balón parado. Dous por falta de marca nos saques desde o curruncho. O terceiro, por unha falta máis unha fatalidade de Arribas, que, obviamente, non quería rematar a porta. O Dépor, despois do Celta, é o equipo que máis goles recibe neste tipo de xogadas. Por algo será. O que hai que engadir a falta de tensión nos últimos minutos. O Dépor encaixou goles, cumprido o minuto 90 en Riazor, co Villarreal, co Valencia e co Málaga. Goles que costaron un empate e dúas vitorias, que se deixaron escapar. Sen eses erros, o Dépor tería agora 7 puntos máis.

Co Málaga fallou algo máis que a cabeza de Arribas. Fallou non saber pechar o partido tras unha difícil e esforzada remontada. Non sería máis lóxico un xogador como Lopo no campo cando Lucas pediu o troco? 

Pendentes do Calderón, pero sobre todo, da próxima cita en Riazor co Levante. Pode ser unha final ou un final. 

Comentarios