Opinión

Rematou a lúa de Mel?

Segundo fracaso da era Mel. Unha nova derrota coa que hai que ser crítico, comezando desde o principio do partido ata a fin do encontro. A vantaxe para o adestrador e para os xogadores é que desta vez non hai tempo para rumiar a derrota. Volven as semanas de fútbol cada tres días. Esa, a do fútbol cada tres días, foi a mellor situación para Pepe Mel. Con este tipo de calendario Mel púxose mans á obra sen facer plantexamentos raros, sen tempo para darlle tantas voltas á cabeza. Cada vez que o técnico tivo unha semana completa para traballar o resultado foi nefasto. Ter demasiados días para adestrar resultou desastroso para o equipo. Os resultados están aí. Non son discutibles. 

Estrañas alineacións, onde non se escolleron os mellores onces posibles, desaparición nos onces de futbolistas que están no seu mellor nivel, esquemas tácticos complicados de entender e de exercer, futbolistas en misións que non ofrecen a rendibilidade desexada pola posición encomendada, son causas que explican dous fiascos aos que o Dépor ten que poñer punto e final pola vía rápida.

Cada vez que o técnico tivo unha semana completa para traballar o resultado foi nefasto

Está claro que os nervios pola situación poden dominar algún tipo de decisión, para poder entender os esquemas tácticos dos dous últimos partidos. Tamén é certo que hai un bo colchón cos postos de descenso, pero ningunha das dúas escusas poden ser unha xustificación convincente. O resumo para o futuro que queda é que o escenario ideal ten que contemplar menos ataques de adestrador, menos inventos, e moito menos traballo sorpresa. Porque iso é o que precisa o Dépor agora. Tranquilidade. Unha liña a seguir. Continuidade. Credibiilidade. Dar pasos con sentidiño. Pasos para asegurar a permanencia na Primeira División. Ese é o único sentido, a única dirección válida, para os branco e azuis. O cadro de xogadores precisa estabilidade e menos cambios. 

O escenario ideal ten que contemplar menos ataques de adestrador, menos inventos, e moito menos traballo sorpresa

É preocupante que o bo comezo que namorou os seareiros coa chegada do novo adestrador comece tan cedo a abrir dúbidas. E volven xurdir preguntas dos últimos partidos de Garitano sobre os futbolistas. Cos malos resultados volve cuestionarse todo no equipo. E a fase da bancada de estar namorada con Mel desaparece. As derrotas xeran frustración.  

A análise do partido en Valencia non pode estar completa, nin sequera pode comezar sen ter en conta a nefasta actuación arbitral. Totalmente decisiva no partido. Nesa análise tamén teñen que entrar os erros propios. Imperdoables. Primeiro, o penalti mal lanzado por Fayçal. Tendo tantos días por diante para adestrar, quince, esta xogada ante o porteiro que máis penas máximas para da Liga ten que estar máis que ben ensaiada. A execución de Fayçal foi moi defectuosa. Non é a especialidade do marroquí, por outra banda. Non se entende que se o penalti llo fixeron a Andone, non é o romanés o que lance desde os once metros. Xa sucedeu noutra ocasión na que Çolak se emperrou en tirar el, e tamén errou nesa mesma distancia. O Dépor errou tres penaltis esta temporada. Pero insisto, o penalti, precisamente xogando contra o Valencia, tiña que estar máis que ben aprendido. A execución foi lamentable. Demasiado fácil para un home que ten un currículo de 24 penaltis parados de 50 lanzamentos. Alves, esta temporada, xa parou cinco. Un penalti, por certo, que tiña que repetirse, porque non está permitido o zig zag que fixo o gardaredes antes de que o balón se poña en movemento. Pero de aquí a que remate a Liga, o equipo de Mel non pode volver perder a execución dun penalti. Esta temporada a cifra xa comeza a ser escandalosa. Tres penaltis perdidos por mala execución e pouco mérito do porteiro na detención da xogada. Do contrario habería que preguntarse, que é o que ensaian estes rapaces en Abegondo cando practican as xogadas a balón parado? Non foi o único erro propio. Porque xa está ben de erros defensivos inocentes. Cando non é un penalti absurdo é un gol en propia meta. Hai conceptos que deben estar aprendidísimos. Albentosa está absolutamente só para poder defender a súa posición e sacar o coiro sen problema e sen perigo. Pero, cabecear contra a portería propia? Para iso non se precisan inimigos! Albentosa non lle pode saír tan caro ó Dépor. Hai que lembrar que é un dos xogadores máis caros do cadro de futbolistas do equipo branco e azul actual, xa que logo a esixencia é obrigada. A temporada de Albentosa, para un defensa da súa condición e prezo, é moi mellorable.    

O Dépor errou tres penaltis esta temporada. A execución foi lamentable. Demasiado fácil para un home que ten un currículo de 24 penaltis parados de 50 lanzamentos

E logo está o do árbitro. De Burgos Bengoetxea. Porque o Dépor marcou un gol legal, o de Carles Gil, que foi anulado por un fóra de xogo que non houbo. É curioso que no mesmo minuto, ese exceso de vista do liña non seguiu os mesmos parámetros. Porque outro exceso visual permitiu un gol, este si, en fóra de xogo, de dous futbolistas do Valencia que participan no gol que finalmente marca Garay. O da repetición do penalti polos movimentos de Alves xa está comentado. Ese é un erro técnico moi sinxelo de ver e solucionar. Ademáis, están os liñas para axudar.

Independientemente destes erros fatais, o Dépor deixou unha imaxe pobre en Mestalla. Sorte tivo Lux de non ter que recoller máis balóns do fondo da rede. De feito, fixo dúas paradas extraordinarias con cero a cero no marcador. O esquema, a actitude, a preparación, os homes elixidos, non foron os axeitados. Se algo se aprendeu durante a temporada é que Joselu e Andone xuntos non pegan nin con cola. Este equipo non funciona con dous dianteiros. Se por riba un deles ó final ten que rogar pegado a unha das bandas, perde todo o sentido táctico xogar con dous puntas. E en todo caso, Andone necesita un enganche, un filtrador, un bo pasador, un creador para que o dianteiro romanés defina coa precisión que o caracteriza. 

A imaxe e o resultado de Valencia teñen que valer como reflexión para ver que o partido ante o Granada é como unha final. E tamén o será o do Málaga. Os dous son en Riazor. Un e outro partido son dos que o Dépor non pode perder baixo ningún concepto. Para enfrontarse ós equipos andaluces terán que saír con outra mentalidade, co mellor dos equipos posibles e buscando máis a eficacia que o control do partido ou dar unha boa imaxe, que visto o visto son factores secundarios.

Comentarios