Opinión

Rei do empate… con certificado

Outro empate. Un partido que comezou a favor e deu a volta, como se os deportivistas estivesen metidos no medio nunha treboada. Algo que non debería de sorprendernos estes días, levado ó climatolóxico, por aquelo de andar en consonancia co mal tempo. Porque por haber houbo ata unha borrasca en pleno partido. O resultado que se puxo moi ben co gol de Álex Bergantiños, con baile de sardana previo de Fayçal e Lucas Pérez no curruncho para amenizar o espectáculo, rolou á contra por dous erros inocentes. Un deles por non rematar unha xogada na área bética -Pedro Mosquera puido elixir tirar a porta e rematar xogada pero conectou un pase a un compañeiro que levaba outra camiseta- que produciu un rapidísimo contragolpe dun interesantísimo Musonda ó que lle fixo falta o propio Mosquera ó borde da área. Barreira mal colocada e gol. 

Hai que recoñecer que o empate non foi xusto. Na segunda metade, co Dépor más adiantado en ataque, e con moitísima iniciativa, puido remontar de sobra o partido. Non se pode negar que desta vez os herculinos fixeron todo o posible por gañar. Como se di agora: gañar, non, o seguinte. Gran parte do empate foi culpa do porteiro verde e branco, Adán

Se completamos o dato, e engadimos os partidos do ano pasado con Víctor á fronte do equipo, son 19 empates en 32 encontros -máis da metade dos partidos que disputou

Pero a sorte no Dépor só chega este 2016 para empatar. Xa leva 5 empates consecutivos. Tanta é a sorte por empatar, que o equipo deportivista é o primeiro equipo en toda a historia da Liga que empatou 14 dos seus primeiros 24 partidos. É unha nova marca branca e azul, que leva o inconfundible selo de Víctor Sánchez del Amo. Moitas veces se cualifica como rei do empate os equipos que redundan este tipo de resultado. Pero ningún outro como o Dépor. Porque agora xa ten certificado “oficial” (é un dato de Mister Chip que foi publicado en twitter). Pero se completamos o dato, e engadimos os partidos do ano pasado con Víctor á fronte do equipo, son 19 empates en 32 encontros -máis da metade dos partidos que disputou-. Só falta que a Liga patrocine agora un premio para o rei do empate. Así, polo menos lle sairía máis rendible, economicamente, aos coruñeses. A falta de vitorias, bos son os cartos. Na xeira dos negocios, bos son todos aqueles que xeren xuros, que non xuramentos. Así que aquí queda a proposta para que os “santos benefactores" da Liga, enténdase en termos organizativos, teñan un premio que recompense tanta “bendita” igualdade. Porque ten o seu mérito. Empatar tanto e estar fóra de perigo non é tan sinxelo. Intente a facelo vostede, eh!, estimado lector… 

Eu son máis do gusto da media británica: que o equipo gañe na casa e empate fóra

Aínda que se me preguntan pola miña opinión, eu son máis do gusto da media británica: que o equipo gañe na casa e empate fóra. Este ano, o Dépor non presenta candidatura pola media inglesa, pero como rei do empate non hai mellor candidato. Dise que as casas de apostas van prohibir o empate como resultado posible no Dépor, porque a banca sempre perde. E claro, a banca non está para regalar nada. Que llo pregunten a Mario Draghi.

Hai empates que cansan. Porque empatar cansa cando é redundante. Moi redundante. Pero este do Betis hai que recoñecer que non foi deses porque o público se divertiu do lindo pensando que esta vez si ía caer o gol da vitoria. E non foi gol, foi “fol”. Sobre todo o público divírtese porque Luis Alberto e Lucas Pérez viven unha lúa de mel brillante. Dá gusto ver como combinan, como xogan, como se entenden e como se buscan. Tanto a un como o outro faltoulles un golpiño de fortuna nesta ocasión.

Tal e como están as cousas, fortuna é empatar. Haberá que poñerlle un premio a tal mérito. Fáganme caso. Polo menos, así, o Dépor gañaba algo. Dito queda para quen queira escoitar na Liga. Aínda queda negocio que patrocinar.

Comentarios