Opinión

Proxecto verde

O único que se intúe que está maduro no Dépor é a portería e a defensa. En fase de madurez, parte do centro do campo. O grao de maduración non alcanzou o punto máis óptimo nas bandas cun Fayçal e Bruno Gama a baixo nivel, ou o que pode ser peor, os dous andan perdidos tal e como están a ser utilizados nesa posición. Pero o que anda verde, verde, verde é a dianteira. 

O equipo de Garitano é o segundo que menos marca de toda a competición, despois do Celta. O equipo coruñés só marcou dous goles. Os dous no mesmo partido. O resto de partidos son dous empates a cero e unha derrota sen goles dos branco e azuis.

O equipo de Garitano é o segundo que menos marca de toda a competición, despois do Celta

O equipo herculino está desconectado. Moi desconectado. Andone é a única referencia que semella ter algo de perigo. Pero o romeno tivo dúas ocasions claras que non soubo rematar con acerto. Marlos Moreno e Andone non se entenden. A Marlos fáltanlle partidos de integración, incorporouse tarde á pretemporada. Non axuda nada velos discutir. Un primeiro plano de televisión descubriu o dianteiro recriminándolle ó colombiano que non estaba no seu sitio. Non foi a única vez. Malia todo, Marlos xogou boa parte do encontro. Andone busca compañeiro. Un compañeiro que combine con el, que o entenda, que lle asista oportunidades para converter. Preocupante é tamén ver a Fayçal e a Bruno sen capacidade de conexión cos atacantes. Ós dous, a parroquia coruñesa coñéceceos ben, pero distan de aportar ó equipo o que xa demostraron que saben.

O partido tivo pouco que contar porque foi tremendamente aburrido. E mentres os goles non cheguen, mentres a seca sexa tan severa, é imposible non lembrarse da ausencia de Lucas Pérez. Se as cousas non cambian con rapidez vai parecer que o Dépor cambiou goles por cartos. E no fútbol vívese máis de goles que de cartos.

A nova positiva é que dos catro partidos disputados puntuou en tres. A semana vai ser dura. En dous días outro partido de Liga e tres máis tarde outro, este último fóra da casa. E neses partidos nin estarán Sidnei, nin Joselu, nin… Lucas Pérez.

Comentarios