Opinión

Como pode ser Fernández Borbalán internacional?

Foi unha semana especialmente mala, polémica, desastrosa desde o punto arbitral.

Foi unha semana especialmente mala, polémica, desastrosa desde o punto arbitral. A despedida e apertura de ano foi escandalosa. A Liga NonStop sentoulle fatal ós colexiados, e, en particular a Fernández Borbalán, un trencilla que leva a escarapela da FIFA no brazo con moito orgullo, pero, a xulgar pola arbitraxe de Riazor, resulta inexplicable.

A arbitraxe foi desastrosa para os dous equipos na primeira metade. Un cartón amarelo a Luis Alberto antes dos dez primeiros minutos de partido por unha protesta elevou o nivel das amonestacións inxustificadamente e condicionou o dianteiro para o resto do encontro. Deixou de pitar faltas onde as había, maioritariamente as que beneficiaban ó Deportivo. Deixou sen pitar un agarrón claro a Lucas Pérez na área que debeu ser castigado con penalti. Foi clamoroso. Logo chegou o penalti a Arribas. A parte de que o encontronazo foi brutal, impresionante, arrepiante, o colexiado volveu deixar outro penalti moi claro sen pitar. O golpe foi tan duro que o defensa caeu literalmente noqueado ao chan e xogou media hora sonado sobre o céspede, segundo manifestou Víctor Sánchez del Amo. En cambio, si viu un penalti nun choque, menor e sen intención, na área do Deportivo, que decantou un partido moi igualado, con máis oportunidades favorables para o equipo herculino.

Como sería a igualdade, e por que non dicilo, a superioridade branca e azul, que ata Marcelino, ao adestrador visitante, recoñeceu ó remate do encontro que o resultado máis xusto sería o empate

Como sería a igualdade, e por que non dicilo, a superioridade branca e azul, que ata Marcelino, ao adestrador visitante, recoñeceu ó remate do encontro que o resultado máis xusto sería o empate. Conclusión: arbitraxe nefasta, que condicionou o desenvolvemento do encontro.

Esquecéndose dos laios, chamou a atención no primeiro gol do Vilarreal a asombrosa falta de marca a Mario que puido recibir un balón sen que ningún o estorbase para meter un balón no centro da área onde Bruno, amén libre de marca, tivo o camiño despexado para rematar. Foi o único erro de concentración dos de Víctor Sánchez del Amo, pero un erro moi costoso. Luis Alberto tiña intención de cubrir a marca de Dos Santos, percatado do asunto, pero o técnico deulle a orde de volver a posición de ataque coa idea de obter vantaxe numérica se houbese un esperado contragolpe que non chegou. Asumiu un risco elevado. Probablemente, Marcelino estudou moi ben esta situación defensiva do Dépor do que sacou tallada con intelixencia.

Agora o Dépor ten que ir a Madrid para pechar a primeira volta. Con Benítez discutido, o bo momento dos coruñeses e as pifias defensivas dos merengues, quen sabe se soa a frauta e o Dépor pode compensar a inxusta derrota co Vilarreal. Din que con auga revolta, gañancia de pescadores. Non hai canas que cheguen… E logo, máis… cañas.
 

Comentarios