Opinión

Plan de rescate urxente

Era un partido temido. Por que?

Era un partido temido. Por que? Tralo tropezo en Granada, o debut en Riazor cun novo proxecto en Primeira División, con novos xogadores e novo adestrador, viña con veleno: fronte competía un dos teóricos equipos da Liga por evitar o descenso, un dos rivais singulares na competición dos herculinos. Logo, os resultados dirán se os camiños do Raio ou do Deportivo se cruzan.

Pero os temores do lado branco e azul son fundados porque o esquema desde retorno á Primeira non está completo e tras dúas xornadas disputadas vese que se precisan tapar buratos do tamaño da mina das Pontes. A iso hai que engadir que o ritmo e a velocidade da competición de ouro do fútbol español non permite erros nin distraccións. 

Igual que en Granada, os de Víctor Fernández comenzaron ben o encontro, mandando, xogando a pelota. En fresco os deportivistas son unha cousa. Pero co paso dos minutos e, sobre todo, tralo descanso son outra diferente. Falta físico, pero sobre todo, falla a táctica. Tamén se repiten vellos problemas, como a concentración a balón parado por onde chegou o primeiro gol de Alberto Bueno. É certo que hai calidade de mediocentro para arriba, pero coxea, e de que maneira, toda a zona defensiva. Hai pezas que non están ben engranadas aínda. Tamén hai homes que agora xogan máis retrasados do habitual e que están afeitos a ter máis liberdade de movementos e coa vista posta no xogo máis ofensivo, como é o caso de Juan Domínguez, agora sofren máis durante o partido e no locen. Fariña, que encandilou en pretemporada, tampouco se atopa no seu lugar como extremo porque precisa estar máis despegado da banda con máis metros de terreo para él.

A vigorosidade de Bergantiños 

Cos trocos, mediado o segundo tempo, o Dépor xogou mellor. Notouse a vigorosidade de Álex Bergantiños que xunto a Medunjanin deu moita máis seguridade ó centro do campo e a defensa sufriu menos. Víctor aí fixo unha boa lectura de partido, pero cando fixo os trocos, xa lle faltaba osíxeno e ideas para marcar. Só lle quedou o empuxe de remontar o resultado. 

 Ao equipo de Víctor fáltalle a seguridade e o sistema férreo que tiña na zaga Fernando Vázquez.

O factor sorte equilibrou un marcador que xa tiña os tres puntos de viaxe a Madrid. Sorte ou chamémoslle o xogador número doce do Deportivo. É dicir, Abdoulaye Ba levaba a camiseta dos vallecanos pero foi como un infiltrado, un home da quinta columna branco e azul, para o Dépor. Primeiro por deixarlle a José Rodríguez unha corredoira para que puidese marcar e despois cunha man que fixo posible un penalti vivificador. Toda esa sorte que viu do rival non a atopou Toché na primeira metade para marcar a porta baleira co 1-0, e igual, de subir ó marcador outro galo lle cantaba ó Dépor. 

Mudar moitas cousas

Vistos xa 180 minutos está claro que Víctor Fernández precisa mudar moitas cousas. Un plan de rescate urxente. Algo que mude o sistema que pon en práctica. Ser ofensivo está ben, pero cando se ten ben armado o xeito de defender. Ao equipo de Víctor fáltalle a seguridade e o sistema férreo que tiña na zaga Fernando Vázquez. Víctor achégase na forma de pensar a Oltra, pero esa experiencia o Deportivo xa aprendeu. Iso require que Víctor teña claro como pode xogar e non como quere xogar co tipo de futbolistas que manexa. Tan importante é ter como saber que facer co que hai. O Dépor ten potencial, pero se as pezas do xadrez aínda non están colocadas no seu sitio sobre o taboleiro, e así é moi difícil que saian os movementos correctos, por ben meditado que estea todo. O Dépor precisa dun plan de choque, un rescate técnico, e pechar novas contratacións que pulan os erros de arranque de temporada. Por iso, se espera que axuden os catro futbolistas que na xornada deste luns han vir. O parón de Liga ha de vir ben.

A partir de entón, co cadro de xogadores feito, cun Deportivo reconstruído e liberado do prazo para fichar haberá máis elementos para xulgar e ver se o traballo planificado ten posibilidades de cumprir cos obxectivos marcados para esta temporada: non descender. Senón, sempre quedará o mercado de inverno. Se daquela non é tarde.    

Comentarios