Opinión

Perdidos

Lémbranse de aquela serie de tv na que un avión cae misteriosamente nunha illa atraída por unha forza invisible? Aquela serie americana, que deu moito de si, chamábase Lost, que traducido o noso idioma sería Perdidos. Pois o Dépor se comportou na illa canaria como aqueles pasaxeiros. Cada un foi polo seu lado. Toshack diría que o Dépor xogou “como polos sen cabeza”, menos mal que a cousa non foi tan fea como para acabar vendo “porcos voando”. Toshack sempre foi un visionario animal. Tamén é certo que os galegos somos máis ben de gardar as cacholas para facer tremendos cocidos, e dá igual se a situación é de emerxencia, como estar perdidos nunha illa, ou non.  

Do partido case nada que rescatar. Só un gran pase de Çolak, o único balón que tocou con sentido, a Andone e o dianteiro resolveu unha gran xogada ó contra golpe por velocidade e colocación. Un tiro a porta e un gol. Nada máis. E grazas. 

As Palmas na primeira metade pegoulle un repaso ó equipo de Garitano, que estivo totalmente descoñecido. Ata no gol canario. Sidnei, un defensa sen case erros, volveu ser fatal nunha xogada en área propia. Un mal posicionamento e un balón mal defendido concebiu un gol en contra, outra vez. É o segundo erro inesperado deste enorme defensa nesta temporada. Será a síndrome da renovación? Cando Sidnei erra, o Dépor págao.

No estadio Gran Canaria o Dépor quedou sen compás. Unha “estraña forza magnética” -aínda  que puidera parecer que a culpa era de Trump, que acababa de ser o novo POTUS tres horas antes, non tivo culpa da catástrofe deportivista- fixo que os xogadores branco e azuis se movesen polo campo de forma totalmente descoñecida. Garitano ten deberes para a segunda volta: atopar, como fixo no mes de decembro, unha fórmula para sacarlle todo o rendemento ó equipo e facer que este teña todo o sentido cando xoga.

Joselu e Andone xuntos non pegan, por agora. Aí é onde o sistema do equipo se afoga e perde toda a súa eficacia

De momento, semella que se atragoa xogando de partida con dous dianteiros. Çolak queda sen sentido, perdido, sen xogadores cos que entenderse. Joselu e Andone xuntos non pegan, por agora. Aí é onde o sistema do equipo se afoga e perde toda a súa eficacia. O incríble é que o Dépor, dunha soa xogada, atopase un salvavidas. Pero nas circunstancias actuais ben pode dicirse que é suficiente. Estrañamente suficiente. Pero bendita sexa.

O empate pecha unha primeira volta discreta. Moi mellorable en xogo, pero suficiente para os obxectivos do club. A sorte que ten Garitano, e o Dépor, é que os perseguidores do pelotón de cola están desafiuzados. Con só manter a distancia basta e sobra. Facer ese “simple” traballo custa un mundo, pero para Granada, Sporting, Osasuna e Leganés non chega unha galaxia para pagar o esforzo. E que dure. Porque iso significa que o club se fortalece máis financeiramente mentres pasan os anos, xa que por moito esforzo deportivo que faga, onde máis afogado anda é na defensa das súas contas anuais. E as contas non teñen amaño ata que pasen catro anos máis seguidos en Primeira División. Despois chegará a hora doutras esixencias. Porque entón, si que lle tocará o club xogar noutra división e as descargas á cadeira eléctrica han ser moito máis sensibles.        

Posdata: Que paciencia hai que ter escoitando as retransmisións de GolTv! Que pouco saben do Dépor e canto de leas alleas!

Comentarios