Opinión

Os penaltis non se erran nun derbi

Un penalti nunca se debe desaproveitar nun derbi, e menos cando o partido está a piques de rematar. Iso está prohibido, por norma. 

Un penalti nunca se debe desaproveitar nun derbi, e menos cando o partido está a piques de rematar. Iso está prohibido, por norma. Haris Medunjanin é o especialista o home encargado de tiralo todo no Dépor. Nas grandes ocasións, como é un derbi, é onde hai que demostrar o porqué da confianza do adestrador. Nos once metros é onde hai que saber estar nos momentos difíciles. Ter templanza. Frialdade. Non deixarse levar pola presión. Haris é o xefe do Deportivo, o líder, e un xefe marca o camiño para que o resto siga a senda.

Medunjanin é o xogador con máis categoría do equipo, o que ten máis calidade. Pero ata os bos, o mellor desta nova etapa do Dépor, caen en desgraza. Un penalti non é un acerto do porteiro, é un erro fatal dun lanzador. Onde van as horas de adestramentos? 

A noite non estivo para Haris, que se converteu en vilán e cedeulle a Sergio Álvarez a honra dos lendarios

Un penalti contra o eterno rival a tres minutos para o final do tempo regulamentario, cun partido tan axustado, é o soño dos heroes. No fútbol, xa se sabe, é moi sinxelo fabricar heroes. A noite non estivo para Haris, que se converteu en vilán e cedeulle a Sergio Álvarez a honra dos lendarios. Porque un penalti parado, aínda que sexa parado polo erro dun especialista, e por riba adornada cunha boa estirada, é para subir ós altares dos paganos (enténdase, por paganos, poucas horas após a demisión de Gallardón, polos que pagan a entrada).  

Sempre se di antes dun clásico aquilo de “marcar de penalti no último minuto aínda que sexa inxusto”. Aquí déronse todos os siloxismos, salvo o de inxusto, porque por riba a pena máxima foi xustísima. A situación ideal que espera todo afeccionado, sobre todo, cando no cómputo dos noventa minutos o “teu" equipo non deu a sensación de ser mellor, ou polo menos superior, sobre o terreo de xogo ó rival.

Pero non só hai que poñer o foco nunha fatídica xogada marrada. Hai máis cousas para poñer na cocteleira dunha derrota escrita.

Sidnei e Lux, retratados por Nolito 

#Onosoderbi semellaba que lle ía durar ó Dépor tres minutos. O tempo que tardou en marcar o Celta. Sidnei e Lux quedaron retratados nunha espectacular xogada persoal de Nolito. O peso da derrota co Madrid podía ser como unha lousa para #Onosoderbi. Sorte que un clásico sempre é un clásico e está aberto a que poida pasar de todo. Malia todo, o guión facía presumir que o Celta dominaría no primeiro tempo, e que o Deportivo tería que esperar un momento de debilidade para agarrarse a soñar. E non se saíu do debuxo esperado, salvo polo penalti xa comentado.

Ese primeiro gol, orixinado nun tremendo erro defensivo, coa colaboración de Lux, sementou dúbidas no equipo. E como consecuencia quedou a sensación de que o Dépor non se atopaba en Balaídos. Bastante foi que o Celta tampouco soubo estar mellor, coas oportunidades que tivo ó seu favor nos primeiros corenta e cinco minutos. Iso foi a táboa de salvación dos herculinos que se libraron dun afundimento maior se a primeira metade seguise.

Víctor Fernández ten que pensar en poñer cerrollo á portería coruñesa. Ten que porlle solución ó preocupante burato defensivo, sobre todo os erros de concentración.

Pero o grave da situación, se a estas alturas xa se pode falar de gravidade, é a análise do número de goles en contra do equipo coruñés (catorce). E por como lle foi en catro dos cinco partidos de Liga disputados, Víctor Fernández ten que pensar en poñer cerrollo á portería coruñesa. Ten que porlle solución ó preocupante burato defensivo, sobre todo os erros de concentración. A falta de seguridade defensiva arrastra a Lux, que semella outro porteiro, sen seguro de protección contra o gol.

O único partido que gañou o Dépor de Víctor foi o de Éibar. Para conseguir esa vitoria, o seu equipo tivo que loitar coas gadoupas dun león, sen descanso. E foi só para vencer por un gol a cero. Esa vai ser a referencia do cadro herculino ata o final do campeonato regular. Esa é a medida na que ten que centrarse o cadro deportivista. O fútbol de toque non é, polo visto ata agora, para este Deportivo. Víctor tense que dar de conta que o tikitaka non está feito para estes xogadores.

Comentarios