Opinión

O outro partido que fixo perder dous puntos ao Dépor

Todos vimos o que pasou en Riazor, dentro do terreo de xogo. O que quizáis non se viu foi outro partido que eu seguín desde o meu asento en Riazor. E aquí lles conto outra clave do que puido ser e non foi.


Minuto un de partido. Fernando Vázquez manda a Marchena a quecer pola banda. Marchena abre os brazos en xerras e pide explicacións. A ollada cara á zaga. Insua tócase a perna. Marchena comeza a facer carreiriñas con cara de poucos amigos e facendo acenos e dirixíndose cara ao banco. Semella que vai ben. Minuto 10. Manolo Pombo érguese do seu asento a dirixir o traballo de Marchena na banda. O central sevillano aproveita para pedir explicacións. Ó cabo dun rato, Marchena deixa de correr e senta. Minuto 25. Insua lévase a man a perna otra vez. Ipso facto, sen que lle digan nada, Marchena sae coma unha bala do banquiño e volve correr pola banda, retomando o traballo do minuto 1. Falsa alarma. Insua está ben. Marchena volve sentar. Chega o tempo de lecer.    

O campión do mundo está fóra de si. Non acepta o que está a pasar. Un empregado do campo, dos de toda a vida, achégase a el a dicirlle algo. Marchena bracea e evidencia que algo lle pica. Trala pequena bronca, fala cos compañeiros entre toque e toque e segue dando mostras de que hoxe non é o seu día e que está tendo unha mala tarde.

Quecendo na banda

Comeza a segunda metade. Marchena segue quecendo na banda agora máis acompañado. Aí están Wilk, Ifran, logo Borja. Chega o minuto cincuenta e sete. Wilk xa está mudando a camiseta para saír. Marchena aínda non o ten claro. Sabe que ten que xogar pero non llo dixeron. De súpeto, un aceno e unha frase. “¿A ver que. Salgo o no salgo?”. Intúo a situación desde a miña posición. Un minuto despois chaman o central. Marchena está nervioso, atacado. Múdase rápido. Corre onde Wilk, que xa espera para substituír Juan Carlos. Marchena vai dando brincos raros, descoordinados, con présa, unha perna semella non seguir á outra, como querendo adiantarlle o traballo ó cuarto árbitro, ensinándolle os tacos das botas ameazante, como dicindo “está todo ben, j… acaba dunha vez que teño presa! Hoxe non estou para moitos contos".

A Marchena saíulle unha arroutada de falta de madurez. Orgullo mal xestionado

Minuto 60. Marchena sae por fin ó terreo de xogo a cumprir co previsible plan de Fernando Vázquez, un esquema fixo nas últimas semanas: acabar o partido cunha liña de cinco defensas. Minuto 64. Na segunda xogada na que intervén o veterano central mundialista, nunha xogada dentro da área, sen aparente perigo, coloca o pé, infantilmente, provocando o derrubo de Ayoze Pérez. Penalti. E gol. Adeus ó plan Vázquez. Media hora por diante e o equipo tocado.

Marchena estivo unha hora quecendo na banda. Braceando. Atacado dos nervios. Disconforme. Protestando pola situación que estaba a vivir.

O central non estaba nas mellores condicións mentais para xogar. Estaba ferido pola súa situación de suplente. Aí estivo a explicación do empate. A Marchena saíulle unha arroutada de falta de madurez. Orgullo mal xestionado. Descentrouse e non tiña a mente posta no colectivo. E preocupado pola situación particular prexudicou os compañeiros. O penalti é unha acción evitable noutro estado. Ben é certo que case emenda o erro ó cabecear o coiro na última ocasión do partido que de non ser por un defensa remataría en gol.    

Pois se ese penalti non se producise, o único que fixo o Tenerife en todo o partido, a vitoria podería ser deportivista. Ten que pagar a culpa diso o adestrador? O outro partido afectou ó encontro onde realmente se está a xogar o futuro deportivista.

O protagonismo de Sissoko

Se non se provocase ese penalti falaríase máis dun Deportivo que mellorou a imaxe. Que foi máis ofensivo. Que tivo moitas ocasións de gol. Onde Sissoko gaña protagonismo como mediapunta tirando pases o dianteiro de referencia con moito perigo. Falaríase do gran partido de Insua en defensa. Da aportación de Rabello, e de outros detalles positivos.

Mesmo se destacaría que o Dépor vai mellorando os seus números partido a partido se os comparamos coa primeira parte da Liga. Ten máis puntos, 18 puntos agora polos 17 conseguidos nos primeiros encontros. Agora ten 12 goles a favor e daquela 9. Encaixou 10 nestes últimos once partidos xogados polos 7 que só recibiu neses partidos. A diferenza de goles é a mesma, só que agora marca máis goles. Encaixou en sete dos primeiros once partidos. Dos últimos once marcáronlle en 8 xogos.

Próxima estación en Madrid co Real Madrid B. Na xornada 12, o Dépor gañou 2-0. A partir da vindeira xornada verase se o Dépor é quen de colleitar a mesma racha que o levou ó liderado da categoría de prata.

Comentarios