Opinión

As Palmas, o anxo da garda do Deportivo

Pois non, non me valen os agasallos dos rivais. Pois non, non me vale a excusa de que o rival tamén xoga

Pois non, non me valen os agasallos dos rivais.

Pois non, non me vale a excusa de que o rival tamén xoga.

Pois non, non me vale que o equipo utilice as matemáticas para excusarse.

Pois non, non me gustan os equipos que abusan do conformismo.

Pois non, non son masoquista e non quero estar sufrindo por que si.

Non quero un equipo que presuma de ser o menos malo entre os malos.

Non quero un equipo que saia ó campo a xogar sen actitude, sen gañas, sen esforzarse, morto.

Non quero un equipo que se abona á lei do mínimo esforzo.

Non quero un equipo que viva só das rendas e dos erros alleos.

Non quero un equipo que me faga mirar o reloxo constantemente como se me fora a vida cada minuto que pasa.

Pois si queridos lectores, por que non ser esixentes, neste punto do ano en que contamos con que este equipo vai ascender? (porque non o dubiden, vai ascender a Primeira División aínda que non queira)
Por que non ser críticos, ou autocríticos?

A que obedece que o cadro de Fernando Vázquez xogue atenazado, con medo?

Por que o cadro deportivista se arruga e se fai pequeno, sobre todo na casa, despois de xogar aparentemente media hora ó fútbol aínda que o faga sen brillantez?

Por que un líder da categoría sae así o terreo de xogo, sen intensidade?

Outro discurso

Non pensen que me volvin tolo, non. Podo comprar un discurso máis positivo. Seguro que si. Dicir que todo vai ben porque o Deportivo é o líder. Si, podo. E ademáis é certo. Podo suscribir o discurso que destaca o esforzo deste cadro de xogadores e que é moi meritorio. Sí, é certo, sobre todo se analizamos a tempada no seu conxunto. E nesta columna así quedou escrito moitas semanas atrás. É crible e plausible porque ó principio desta temporada nin tolos soñaban os deportivistas cun ascenso e que a situación actual é coma un milagre. Certamente o é. Pero négome a acollerme a un discurso branco porque a este quebracabezas lle falta algo: suar a camiseta de verdade.

Fernando, como Simeone

Dixo Simeone tras proclamarse campión de Liga esta fin de semana que se pode gañar doutra maneira, que todas as formas son válidas. Unha afirmación que ben se pode usar para os deportivistas máis críticos con Fernando Vázquez, que os hai, e moitos. Porque a ese discurso, o de gañar de outra forma, tamén é un lema ó que se agarra o técnico herculino. Pero a diferenza neste momento da temporada, é que o Deportivo non corre, non se esforza, non amosa intensidade. Iso fai que non teña alma de líder. Que non o transmita cara o seu público, aínda que a clasificación diga todo o contrario. Con maior sobrecarga física e emocional, o Atlético demostrou máis e mellor que o Deportivo actual.

Aí teñen o caso do Eibar, para min un grande equipo. Exemplo de esforzo, de sacrificio. Un cadro de futbolistas moi humilde, cun orzamento modesto e ascendido recentemente da Segunda B. Forte mentalmente. Ben físicamente, a estas alturas de campionato. Cometendo moi poucos erros. E sabendo elixir as súas cartas en cada momento. O Eibar puxo moita intensidade, pero sen agresividade. Construiu máis ocasións de perigo que os branco e azuis e puxo moitas gañas ata o remate do encontro. Foi fiel ó seu estilo sacando sempre algún recurso das infinitas xogadas a balón parado que ensaia durante a semana.

O Deportivo non corre, non se esforza, non amosa intensidade. Iso fai que non teña alma de líder.

O Dépor de Vázquez quere xogar como un equipo compacto, pegado, moi xunto, preservando a portería de Lux. Defensivamente compórtase como un equipo rocoso, case imbatible. Unha característica ben pensada e ben concebida polos futbolistas. Pero esa sensación tornouse enganosa. Como se viu nas últimas semanas esa baza que tan bo resultado lle dou agora amosa síntomas de insuficiencia. Así, o Dépor da primeira volta sácalle tres puntos máis ao Dépor da segunda volta. E o Dépor da primera volta encaixaba menos goles que o da segunda.

Sen gañar desde o 12 de abril

O cadro deportivista non gaña desde o 12 de abril. Pasou máis dun mes. En Riazor cústalle un mundo gañar e ser o dominador real dos partidos. Agora ten por diante, teóricamente, un calendario asequible pero seguro que non vai estar exento de sustos: Numancia en Soria, Xaén en Riazor e Xirona. O Numancia semella, con reservas, o máis propicio xa que o Xaén e o Xirona poden xogarse a salvación do descenso contra os coruñeses.

Aquel que leve moitos anos como seareiro deportivista xa sabe que non hai ano tranquilo. Non hai ano sen sufrimento. Dá igual o que se xogue. Unha Liga, unha Copa, unha semifinal de Champions, un ascenso, un partido para evitar o descenso…. con Bebeto, ou sen el. Con Djalminha ou sen el. Con Tristán ou sen el. Sempre é igual. Sempre toca sufrir.

Claro que desta vez o Dépor conta cun aliado que ata agora nunca tivo. Ten a As Palmas. Será por Valerón. Será por Aythami. Será por Ayoze. Pero aí está o equipo canario, velando polos branco e azuis como se fose un anxo da garda para salvar ó Deportivo de calquera tropezo se é que se produce de novo. Xa que logo, podería dicirse aquelo de… menos mal que queda As Palmas.

Comentarios