Opinión

Obxectivo cumprido

Por fin. Cumpriuse o obxectivo. Non era sen tempo. Un obxectivo que hai moitas semanas debía estar cumprido, pero por moitos erros no camiño só se pode dicir que chegou a tempo aínda que tarde de máis. Si, tarde de máis porque hai que lembrar que este foi cualificado como cadro revelación da primeira volta. Porque o seu adestrador foi elixido o mellor adestrador da Liga coa chegada do frío inverno. Porque o Deportivo tiña nas súas filas ó dianteiro nacional máis produtivo da Liga española. Tanto que Lucas Pérez ben puido ser o dianteiro da selección para o Europeo de Francia, senón se malograse todo o bo traballo da primeira volta.

Non é un día para análises profundas do que foi un final de temporada angurioso, un equipo  programado ó inicio do ano para un final tranquilo. Os cálculos iniciais da dirección técnica fixeron pensar que este equipo debía sumar polo menos 50 puntos durante este campionato. Pero o equipo de Víctor vai quedar lonxe dese obxectivo da tranquilidade esperada. 

Con todo, hai que saudar a permanencia do equipo. Para iso se programara esta campaña. Para que o equipo permanecese na máxima categoría. Iso é o positivo. 

De partida, Víctor sostivo o pulso que mantén con Tino Fernández ó deixar fóra da convocatoria a Luisinho e a Lopo. Estaba e está no seu dereito. Pero do que non hai dúbida é de que se tratou dun pulso. O consello de administración é consciente diso. Esa será unha das causas polas que Víctor non seguirá ó mando do equipo o ano que vén, malia ter un ano máis de contrato. Pero non é a única. Tampouco semella que desde o club se vaian debullar as causas do que será un despido seguro ó final da Liga. Agradecer, calar e continuar para adiante. Esa vai ser a consigna cando todo isto remate.

Víctor sostivo o pulso que mantén con Tino Fernández ó deixar fóra da convocatoria a Luisinho e a Lopo. Estaba e está no seu dereito

O Dépor mandou no partido. Manu Fernández resolveu todas as xogadas complicadas que se lle presentaron diante. Algunhas foron boas intervencións do meta asturiano. Cumpriu no partido máis importante dos que tivo. Era importante amosarse firme. Dar seguridade. Tivo moitas críticas todas esta semanas. Pero soubo manterse alleo a elas e non pórse nervioso no momento máis delicado. 

O equipo non tivo unha grande intensidade. Tampoco pareceu necesaria. O Vilarreal deixou xogar. Salvo algún pequeno susto dun ex deportivista, Adrián, que parecía que tiña algún tipo de conta pendente. Pero o Dépor resolveu en dous momentos decisivos. Puido ser mellor se o disparo de Luis Alberto no canto de pegar no pau entrase na porta vilarrealesa.

O equipo non tivo unha grande intensidade. Tampoco pareceu necesaria. O Vilarreal deixou xogar

Un golazo de Fayçal, un futbolista de grande calidade se xogase máis onde ten que xogar, puxo ó seu equipo co taboleiro de marcas de cara. Coa vantaxe, os herculinos son un pouco máis fiables. Desta volta así foi. O Dépor foi un pouco máis Dépor, polo menos o máis recoñecible deste curso. Nunha boa galopada chegou o segundo tanto, o de Lucas. Que seria deste Dépor se non contase cos goles de Lucas! É un premio xusto para este rapaz, que dos dezasete que leva, este último certifique a permanencia do seu equipo. O valor do seus goles, déronlle 24 puntos dos 42 que suma agora.  

Na vitoria do Dépor non hai que esquecer, porque non é casual, a importancia do regreso de Álex Bergantiños ó equipo. Era un secreto a voces. Álex dá outra consistencia ó equipo e máis seguridade ó traballo a Pedro Mosquera.   

Chegamos á estación final. Haberá festa en Riazor e cun título de Liga en xogo. Quen sabe se o Dépor pode devolver o favor recibido a temporada pasada!

Comentarios