Opinión

O xen C

Que xen lles falta aos xogadores do Dépor para repetir constantemente os mesmos erros, sexa quen sexa o adestrador que os dirixa? Onde está o elo perdido e que está vencellado á concentración? Que terapia ten que seguir o Dépor para poder manter a alerta durante 90 minutos unha vez á semana?

O Dépor volveuno facer. Nun erro fatal, propicia unha ocasión do rival e logra converter a xogada en gol. Se xa é de seu decepcionante ver este tipo de erros no equipo herculino, case sempre antes do minuto 15, ante o Athletic de Bilbao fíxoo por partida dobre. O Dépor acostumouse a vivir con lastre este curso. Apenas coñece ocasións nas que foi por diante no taboleiro de marcas -un exemplo positivo foi o partido en Levante- e demostrarlle á súa afección que sabe mandar nun partido.   

Mirar á táboa polo lado da diferenza de goles dá arrepíos. En catorce partidos oficiais -un é de Copa- foi recoller o balón ó fondo da rede en 29 ocasións, a unha media de máis de dous goles por partido. A estatística di que para que o Dépor gañe un partido con seguridade ten que marcar, polo menos, tres goles no partido. E con 3 goles a favor non lle chegaría para gañar partidos de Liga en Málaga ou en Riazor coa Real Sociedade en Liga ou coas Palmas en Copa, xa que os rivais marcaron 4 tantos en cada un deses partidos. Seguindo con datos… O Dépor xogará en Sevilla o sábado ás 18:30. Nos últimos 79 partidos disputados polo equipo branco e azul só foi capaz de gañar 14 encontros, só o dezasete por cento dos partidos que disputou.

A estatística di que para que o Dépor gañe un partido con seguridade ten que marcar, polo menos, tres goles no partido

 

Tendo en conta estes resultados e tan baixa rendibilidade, máis que falar dos milagres de Caión, habería que falar dos milagres de Riazor. Porque acoller no estadio case 21.000 seareiros ten moito mérito.   

Parralo quixo esperar uns metros máis atrás que de costume o Athlétic de Bilbao. O debuxo táctico non mudou, aínda que si tivo varios futbolistas diferentes a outras ocasións anteriores. A entrada de Adrián, tras dous meses de lesión, foi unha nova excelente. O asturiano foi o mellor sobre o céspede. Marcou un gol e deu outro. En defensa, Navarro polo sancionado Luisinho e Albentosa polo lesionado Sidnei. Ambos tiveron protagonismo negativo. 

Manter a liña defensiva uns metros máis atrás e concederlle a iniciativa ó equipo de Ziganda non foi unha estratexia brillante. O Athletic aceptou a proposta de ter o pulso do encontro. Os primeiros quince minutos foron un pesadelo. Os vascos chegaban e chegaban e chegaban á área deportivista. No minuto 15, como nos clásicos contos da factoría Disney, soou a campá visitante. Un erro nun pase no medio do campo de Navarro propiciou un rapidísimo contragolpe no que participaron Aduriz e Susaeta. O dianteiro vasco plantouse diante de Rubén e, aínda que con metros, por diante disparou ó encarar o gardamallas de Coristanco.

Co gol en contra, o Dépor intentou espelirse. Con Fede Valverde preciso e a intelixencia e a frescura de Adrián o equipo de Parralo imaxinou outro escenario. E foi precisamente Adrián o que conseguiu á primeira igualada. 

Co gol en contra, o Dépor intentou espelirse. Con Fede Valverde preciso e a intelixencia e a frescura de Adrián o equipo de Parralo imaxinou outro escenario

 

Pagou os desaxustes defensivos e a falta de contundencia no centro do campo Pedro Mosquera, que ó descanso quedou no vestiario deixando paso a Edu Expósito. E de novo, no fatídico minuto 15 do segundo tempo, sucedeu outra vez. Un erro en tarefas defensivas abriu unha autoestrada para que Williams marque o segundo tras un excelente pase de Raúl García por un oco enorme que quedou sen cubrir polos deportivistas.

Schär, aínda que non tivo un gran día, aproveitou habilmente a súa posición nun saque de esquina. Previamente, o balón tocara en Adrián. Co empate a 2, o Dépor recuperou a vista da praia na que quere tumbarse, e na que todo fai pensar que cando chegue a pisar a terra da permanencia, o equipo estará esgotado. Para iso queda moito. 

O resultados son aínda moi pobres na xeira de Parralo. Urxe no Dépor a vitamina “C” e moitos adestramentos de concentración.

Comentarios