Opinión

O Dépor xoga con pólvora

O Dépor de Mel deu un pouco máis a cara, pero nada máis. Outro partido malo e cheo de borróns do equipo de Mel. Inocente. Morno, por non dicir frio. Case cero en intensidade. Outra vez, o equipo saíu pensando en Babia. Non pasara un minuto xusto de partido, e Lux xa estaba recollendo «peixe podre» das súas redes. 

A defensa do Deportivo con Mel perde moita consistencia. Lux non sempre pode ser milagreiro. Por riba, en Sevilla puxéronlle o sol de fronte, cegándoo en cada ataque. Cunha defensa totalmente ineficiente, sendo un puro coador, os xogadores de Sampaoli atoparon ocasións propicias para golpear como un martelo pilón contra a porta de Lux. Sidnei perdeu os galóns de marechal no centro da zaga. É o mal do poscontrato. Xogador que asina a renovación, xogador que anda atoballado polo campo. Arribas sempre borda unha media suficiente. Non se complica a vida e suple as súas carencias resolvendo como pode, aínda que as veces non pode. En Sevilla non puido, como o brasileiro. Pero o de Sidnei é más preocupante porque é a súa tendencia nos últimos partidos. Se o zagueiro brasileiro non está, a contundencia da defensa branca e azul desaparece. En defensa, desde que está Mel, os números lanzan unha alerta, hai catro goles de diferenza entre o saldo positivo de goles e os maioritarios tantos en contra.

Tampouco estivo vivo o centro do campo herculino en Sevilla. Guilherme non fixo un bo partido. Borges tampouco foi desequilibrante. Pero máis que o corpo central desesperan os homes de creación. Marlos tivo xa demasiadas oportunidades. Non vale para o Dépor. Está excesivamente verde. Non aporta nada. Todo o que fai é errático. Çolak está en fase intermitente, sen credibilidade. Máis preocupante é Joselu. Absolutamente ineficaz. Non hai explicación para que Mel confíe máis no punta de Silleda que no romanés Andone, dianteiro do cadro herculino si ou si, porque ten moito maior olfato, mellor sentido da ubicación da portería e máis puntería.

Kakuta foi a única excepción. Pode que o seu pasado sevillista o tivese estimulado, pero o certo é que o futbolista congoleño foi a única chispa do Dépor. Kakuta sabe o que fai, é un bo futbolista, con calidade técnica individual e capaz de desbordar ou de facer algo diferente. O perigo de Kakuta non só pode vir combinando unha xogada, tamén é moi fino a balón parado. O problema do extremo é a condición física, xa que aínda non pode estar ó nivel desexable todo o partido.

Kakuta sabe o que fai, é un bo futbolista, con calidade técnica individual e capaz de desbordar ou de facer algo diferente

A falta de calidade do equipo volve aparecer unha vez máis, confirmando que non é só cousa de adestrador. Os problemas de xogo e solvencia do Dépor non son só culpa de Mel. Están aparecendo defectos moi similares da época de Garitano, o que confirma que a calidade do cadro de futbolistas está máis comprometida do que semejaba ó inicio da temporada. Claro que tamén hai unha boa parte de responsabilidade do técnico actual. Comezando de partida coa aliñación. Outra vez un experimento, outra aliñación distinta. A confianza depositada en Marlos e Joselu no equipo titular é un exceso que non se sostén. Prescindir de Andone é un luxo inadmisible. O punta tamén viviu unha seca de goles nos partidos da primeira volta, pero asegurou unha xeira suficiente para manter ó equipo fóra dos postos de perigo. A Marlos xa se lle veu en Granada o que vale. Un potosí, non. Nada ou case nada. Polo menos neste momento. É un futbolista que sobra no Dépor. Inconcebible que estea tapando unha oportunidade a Óscar Pinchi. Para o Dépor sería moito mellor colocar no escaparate a Pinchi no canto de Marlos, polo menos con vistas ó negocio. Co colombiano non vai facer caixa, con Pinchi nunca se sabe. O de Joselu sigue sendo tamén decepcionante. Hai futbolstas que teñen moita sorte de poder vivir desta profesión. Cando observamos a traxectoria de Toché no Oviedo en Segunda División, que leva catorce goles, un pensa por que se deixou marchar a este futbolista discreto, de club, e moito máis solvente. Un erro deixar que o murciano marchase da Coruña. Un complemento moito máis rendible e máis compatible con Andone.

Marlos é un futbolista que sobra no Dépor. Inconcebible que estea tapando unha oportunidade a Óscar Pinchi

O Dépor está a complicarse a vida só. É prioritario poñer un muro de seguridade respecto ó Leganés, ó Sporting de Xixón e ó Granada. Os futbolistas herculinos non poden estar permanentemente agarrados a unha candea desexando a derrota dos rivais da cola para aliviarse. O resultado da temporada desde o punto de vista do xogo está sendo absolutamente desastroso, máxime se se teñen en conta as perspectivas. O Eibar é un producto envexable desta competición. A istas alturas do ano está claro que se o Dépor se salva, que é o que parece, só é porque hai tres equipos rotundamente peores. E menos mal que así é para o Dépor. Por iso, preocupa a temporada que vén, porque o límite salarial da vindeira temporada, se o equipo consegue a permanencia, vai ser un dos máis baixos da categoría, probablemente, ó nivel do Sporting ou Granada. 

Prima o sentido práctico. Quedan sete partidos de Liga. Xa non é tempo para probaturas. O equipo non pode ser un cadro esquizofrénico, que cambia de once un día si e outro tamén. Seguramente, co equipo, outra vez en crise e sen convencer, sería unha boa idea tirar dos xogadores da casa, os máis comprometidos. Como Álex Bergantiños e Mosquera, que, probablemente estean recuperados para o encontro co Málaga en Riazor o vindeiro sábado. Hai máis xente da casa da que se pode demandar compromiso, sacrificio e intensidade, como é o caso de Laure ou de Pinchi. É hora de que Mel, a quen lle gusta facer concesións de cara a galería, dea un paso ao fronte, sexa valente, e dea a responsabilidade a quen a merece de verdade. Iso inclúe ter, con canteiráns e todo, un equipo, un once titular regular, estándar.  Xa non hai tempo para cambios ou probas. Acabáronse os experimentos. Só vale como dicía Luis Aragonés, gañar, gañar, gañar e gañar. E, outra vez, gañar, gañar, ganar e gañar.

Non fallar en Riazor é absolutamente fundamental. Pero o Málaga vén de gañar ó Barça, e Míchel semella que, agora si, colleu o punto ó seu novo equipo.

Hora de non durmirse e de poñer a pólvora a producir para que non pareza que a permanencia na categoría é un agasallo de tres equipos desafiuzados. 

Comentarios