Opinión

Negra Sombra

A marcha de Lucas Pérez deixa unha alongada sombra no Dépor. Pero se a iso lle engadimos que o seu recambio, Joselu, só durou 20 minutos sobre o terreo de xogo tras unha durísima entrada de Raúl García e que Andone aínda non atopou portería oficialmente, porque ante o Athlétic de Bilbao lle birlaron un gol, a sombra amósase, por agora, asombrosa.

Estrada Fernández foi, para o Dépor, un punto negro. Negrísimo. Errou en case todo. Polo menos, en todo o importante. Deixou sobre o terreo de xogo unha entrada sen castigar: a de Raúl García sobre Joselu. A entrada era de cartón vermello. A cacería, ademáis, tivo puntos extra. Deixou K.O. a Joselu. Pero non só para este partido, tamén para unhas cantas xornadas máis. Polo menos, no mellor dos casos, ata que pase o Nadal. Mentres exploraban o maltreito xeonllo dereito do rapaz de Silleda, o seu cazador marcaba un golazo impecable en Riazor que valeu 3 inxustos puntos. Inxustos porque Raúl García non debía seguir nin un segundo máis sobre o céspede herculino tras a saída de Joselu por grave lesión. A cousa non quedou aí. O arrogante Raúl García, coa fechoría recén feita, chuleouse de Riazor poñendo a man sobre a orella provocando á bancada tras conseguir anotar o gol. Miserable actitude. Un bo deportista nunca faría iso. Raúl García non será recordado pola súa elegancia nin a súa deportividade.

Tampouco será lembrado Estrada Fernández con agarimo porque aparte da súa cegueira na xogada clave do partido, estivo máis inoportuno aínda anulándolle un gol, legal, ó rumano Florin Andone. Non había fóra de xogo. O colexiado birloulle o empate ó equipo de Garitano.

O colexiado birloulle o empate ó equipo de Garitano

O 1-1 sería un resultado xusto para este encontro. O Athéltic non fixo nada en Riazor. Salvo lesionar a un rival e marcar un gol por un só tiro a porta. Pobre imaxe. Excesivo premio. Miserable actitude.

A sombra foi máis negra neste partido. Sidnei tivo que marcharse tamén lesionado, por un problema muscular. Suficiente para seguir trastocando os plans concebidos durante a semana de preparación. O brasileiro é o único xogador con calidade en defensa para sacar o coiro da zona de perigo con sentido e conectar ca segunda liña deportivista. O de Sidnei semella que vai ser por pouco tempo.

A primeira derrota da temporada vaille saír por un pico ao Dépor. E mentres non veñan goles, seguirá presente que Lucas foise co vento. Quedou a sombra. E con tanto mal fario o partido cos vascos convertiuse nunha sombra negra.    

Comentarios