Opinión

Naufraxio total

Non hai panos quentes. Non hai excusas.


Non hai panos quentes. Non hai excusas. O da Rosaleda era un partido para gañar. Un encontro para lucir o fútbol que o Dépor foi capaz de amosar na primeira etapa da Liga. En Málaga, nada de nada de nada. Todo decepcionante. Todo. 

Unha vez máis, Víctor Sánchez del Amo, e xa é o segundo partido consecutivo, non acertou co once titular. Logo xa sabemos como se fraguou o desastre. Un naufragio en toda regla nun partido feo, moi feo. Malo, malísimo.

Ademais de que o Málaga fixo moi pouco, case nada, obtendo un excesivo froito para o que os de Javi Gracia puxeran sobre o terreo de xogo, o Dépor fixo augas en todo. Pases desacertados, non lle durou o balón nos pés, erros en defensa -non é a primeira vez- nos que deixa ocos moi preocupantes, incapacidade para abortar as entradas do rival por banda, principalmente pola banda dereita do Deportivo, escasa creatividade e nulo acerto na definición. Bater no pao non é un acerto, é un erro. 

Víctor Sánchez del Amo, e xa é o segundo partido consecutivo, non acertou co once titular

Non valen lamentacións. O desastre foi absoluto. Borges non apareceu. Cando era necesaria a presión e o bloqueo na acción do segundo gol quedouse parado. Cartabia desaproveitou a ocasión da titularidade. Espérase moito máis deste futbolista que levanta admiración pola súa clase. Outro problema, este máis recurrente, pasa no centro da defensa. Sidnei e Arribas xuntos non acaba de crear seguridade. Sorprendeu Fayçal Fajr, Lucas e Pedro Mosquera. Os tres tiveron un mal día. Non luciron. De Oriol, só pedir que acerte. Desde abril non marca un gol. Escasasima rendibilidade deste futbolista da canteira culé. Incrible. Un dianteiro vive do gol. Oriol está negado, gafado, enlamado. 

De Oriol, só pedir que acerte. Desde abril non marca un gol 

Tampouco funcionaron os trocos. O manual a Víctor non lle serviu para arranxar case nada. O peor é que ante os goles non houbo case reacción. Escasa. Tímida. O resultado foi un fracaso total porque o Málaga estaba nun momento moi propicio para rabuñar un resultado moi positivo. O equipo malacitano non lle marca un gol o arco da vella -en toda a Liga marco tres goles nun único partido ante a real Sociedade na casa- e onte lle fixo dous ó Depor cun pouco de presión. Spórting de Xixón e Athlétic de Bilbao marcaron a pauta da febleza do equipo branco e azul que amosa moitísimas dificultades e enormes descosidos cando é atacado polas bandas. Os centros á área herculina son foco de preocupación porque o perigo se cheira a distancia. Úrxelle amañar iso.    

O Dépor xa leva tres partidos sen gañar. E ollo que o calendario se complica. O venres chega o equipo do Cholo Simeone. En menos dun mes será o derbi co Celta. Non só vale con mirar a clasificación. Confianzas as xustas.

Comentarios