Opinión

Moral alta con medo non casan

O Dépor segue camiñando entre a decepción e a inxustiza. 4-3 foi un castigo excesivo probablemente. Unha goleada inmerecida case seguro. O Málaga non fixo as cousas tan ben como para marcar catro goles, pero fixo o Dépor todo que puido para evitalo? 

O problema é o Dépor. O equipo de Garitano ten o don de estragar o pouco que fai ben. Disimula ser un equipo que sabe facer ben as cousas moi ben, e a seguir cambia o rumbo e faino todo mal. E niso de facer as cousas ben e mal vai todo nun pack inseparable: xogadores e adestrador.

Estamos contemplando nas últimas semanas que o técnico prepara ben os partidos durante a semana e que saen ben de inicio, pero logo fai mal as lecturas dos partidos e pésimos os cambios, algúns decisivos. Trocos que non só non pechan os encontros senón que os abre de forma sorprendente en beneficio do rival. Garitano non atina. Con outro tipo de decisións abofé que arestora no taboleiro de marcas habería unha minifenda pola parte de abaixo, co Dépor un pouco afastado do descenso. O troco de Arribas en Riazor abrindo unha autoestrada de sentido único ó Sevilla é unha desas decisións incomprensibles, que custaron un ou tres puntos. En Málaga sucedeu o mesmo co troco de Mosquera. Un home de refresco, que só xogou cinco minutos, e que non soubo parar a tempo a Ontiveros. 

Estamos contemplando nas últimas semanas que o técnico prepara ben os partidos durante a semana e que saen ben de inicio, pero logo fai mal as lecturas dos partidos e pésimos os cambios, algúns decisivos

O problema nos trocos do equipo coruñés, a efectos prácticos, é que non suman, restan. Si, restan, porque cando xa está a tocar os puntos (un en Málaga, ou tres co Sevilla en Riazor, por exemplo), eses puntos, quítanllos dos fuciños (Arsenio sempre na memoria para este tipo de expresións). Por tanto, un gran problema é non saber pechar os partidos.  

Era visto, é visto, que o problema do equipo branco e azul non é de malas actuacións arbitrais. Ou non só iso. Tampouco e só de adestrador. Exemplificando este asunto hai que recoñecer que Borges non pode agarrar ou abrazar a un rival durante interminables segundos sen permitir que este se poida mover. Ó árbitro non lle queda outra que pitar penalti. Tampouco se poden facer faltas reiteradas, tres seguidas diante da área, facilitando unha falta perigosa a un especialista. Esta vez foi Albentosa. Así foi como o Dépor de ir por diante no marcador arrastrou a derrota unha boa parte do tempo do partido.

A entrada de Carles Gil, este troco si foi acertado, un descoñecido, case tanto como Álex Bergantiños, foi un bo revulsivo para o xogo ofensivo

Foi meritoria a reacción. A entrada de Carles Gil, este troco si foi acertado, un descoñecido, case tanto como Álex Bergantiños, foi un bo revulsivo para o xogo ofensivo. O Dépor tivo máis chegada, máis velocidade, máis perigo e máis gol. Por que está case inédito este futbolista cando Bruno Gama anda tan mal? É desexable que nin sexa por torpeza nin cabezonería, pero paréceo.  

O Dépor non é tan mal equipo. Sofre extrañas transformacións. Non pode transmitir a idea de comportarse como un equipo pequeno, aínda que sexa un dos modestos da categoría. De feito, este equipo ten fases en que compite con nivel, loce. É incompresible que o Dépor se desfaga de súpeto. Os trocos á defensiva son os que condenan o traballo e o esforzo deste grupo. A lectura que se lle dá ó rival é de que non pode máis, de enrugarse, de ser pequeno, de renderse, de non ter capacidade para dar a cara, de desexar que chegue dunha vez o final do partido. Porque o Málaga é un equipo da Liga do Dépor, se non que equipo o é? 

Ao equipo fáltalle un bo estratega e un capitán. Un home -o estratega- sen complexos. Sen medo. Outro - o capitán- que mande

O fútbol tamén é cousa de bos estrategas, sobre todo, cando a tropa que manexas é xustiña. Iso non significa que co que hai non se pode gañar. Ao equipo fáltalle un bo estratega e un capitán. Un home -o estratega- sen complexos. Sen medo. Outro - o capitán- que mande. A tropa é a que ten que ter moral alta e non perdela en ningún momento do partido. A falta de intensidade é alarmante. Tamén custa puntos. Hai alguén que dea algunha voz dentro do campo e a tropa siga esa voz a unha? Non debería ser ese capitán Álex Bergantiños?

Ser defensivo é respectable, defendible. O que non é argumentable é confundir estratexia con medo. Ou cambia o equipo xa ou haberá outro tipo de cambio antes dos turróns de Nadal.  

Comentarios