Opinión

Menos xogo pero máis rendibilidade

Que curioso é isto do fútbol! Con menos xogo, ofrecendo menos, pero asegurando un resultado positivo, a primeira vitoria da temporada fóra da casa e tamén o primeiro triunfo do ano 2017, todo perdoado. Ao equipo, digo. 

O xoves viuse que o cambio de entrenador veu ben porque parecía que os deportivistas asumían un cambio positivo. No segundo partido da era Mel o cambio vaise confirmando. É cedo para ser rotundos. Só se pode afirmar, por agora, que o equipo é un pouco máis consistente en canto a que é quen de dominar mellor a situación defendendo o escaso resultado que colleita no marcador. Para este equipo máis que suficiente. De aquí ó remate da Liga, esa vai ser a esixencia. Sumar. Importando pouco se o xogo é mellor ou peor. Pero o pesadelo de estar transitando no aramio xornada tras xornada ten que mudar. 

Tamén é curioso ver como os seareiros encaixan mellor o resultadismo que as sensacións positivas. É lóxico. Os afeccionados tamén miran a clasificación todos os luns. Así que quen máis quen menos se apunta o resultadismo con ahínco.

Mel non leva nin unha semana na Coruña. Ben pouco puido transmitir ó equipo. Pero hai un principio que se ve: serenidade. En dous partidos, vimos sobre o terreo de xogo como os once futbolistas están mol xuntos. Case pegados. Aos once que elixe, ademais, esíxelles intensidade. Moita intensidade. Con eses dous elementos conseguiu que o equipo non teña grandes sustos. Non é que o equipo non se sacrificase antes, pero con Garitano había algo maldito, pese a que o equipo estivese mol traballado e se ofrecese máis en ataque. Agora o xogo é menos vistoso, pero máis eficiente. E que importa iso se o equipo suma? Ese é o cambio positivo de Dépor de Mel. Xoga menos, pero máis racional. Con máis rendemento.

Agora o xogo é menos vistoso, pero máis eficiente. E que importa iso se o equipo suma? Ese é o cambio positivo de Dépor de Mel. Xoga menos, pero máis racional

Ademais desas sensacións, hai xogadores que volveron a reaparecer. Non só no once titular, senón que reapareceron como os futbolistas recoñecibles que un día espertaron o interese da secretaría técnica. Este si vai ser xa o primeiro mérito destacable de novo adestrador e esperemos temen que o principal. Si, principal. Porque sobre o equipo comezaba a instalarse no descrédito. Os malos resultados proviñan dos xogadores ou do técnico? A pregunta vaise despexando, non sen certo grao de mala sorte que acompañou a xeira do adestrador vasco. Sorte non tivo ningunha. Ás veces, o éxito está na invisible e fina liña da fortuna. Con traballo só, no fútbol non chega.  

Mosquera estaba perdido, desaparecido. Concretamente, desde que renovara contrato hai xa un ano. Moito tempo. Garitano coidou a este futbolista porque sempre foi un dos seus. Pero acabouno sacando do once, por méritos propios. Oportunidade que Guilherme aproveitou. Agora a réplica vén do canteirán. Mosquera aproveitou o troco de adestrador para recuperar o sitio. Está centrado. O sea papel volver ser sentido. Mosquera recuperou o nivel que se espera del. E en Xixón marcou un gol. O segundo da temporada da súa conta particular. Mosquera é un xogador rehabilitado. Unha excelente noticia para o Dépor. Por Mel sabemos que falou con el nada máis chegar reclamando ó Mosquera de verdade, non o dun irmán xemelgo que xoga o fútbol por afección, non como profesional. Mosquera creu. E volveu. Ás veces, un simple mimo basta. Hai aloumiños necesarios. Os futbolistas tamén son sentimento. 

Pero o caso de Mosquera non é o único. Poroto Lux, outro dos que desapareceron do equipo por non estar ó nivel que se esperaba del, regresou para quedar. Lux é de novo ese porteiro que dá puntos ó Dépor. Cómo necesitaban os seus compañeiros esta seguridade baixo os paus!. Lux, con marcador a favor, fixo unha parada impresionante. Unha man salvadora, que vale tanto como un gol de Andone. Lux é o novo Lucas Pérez do Dépor. A súa presenza, en forma, é tan importante como a dun dianteiro. O xoves unha parada do arxentino deu un punto ó equipo tras un tremendo e certeiro disparo de Fernando Torres.

Lux é o novo Lucas Pérez do Dépor. A súa presenza, en forma, é tan importante como a dun dianteiro

Con esta seguridade na portería, os centrais tamén volveron a cobrar fortaleza. Sidnei e Arribas teñen outra vez consistencia. Especialmente, o caso de Arribas, que sofre as constantes saídas e entradas na zaga. O central co brasileiro ó seu lado ten moita seguridade. Forman unha boa parella. Tamén é certo que se coñecen máis porque levan máis tempo xuntos. Arribas foi un dos mellores en Xixón. Iso vai asegurarlle un posto como parella indiscutible de Sidnei. O brasileiro, que levaba uns partidos moi despistado, tamén está cambiado. Máis pausado. Non arrisca e ocúpase das súas responsabilidades sen outras complicacións.

Ao único ó que non se lle ve melloría é a Joselu. O dianteiro de Silleda foi a menos. Ata o punto de non aportar nada. Chocou que Pepe Mel prescindira de Andone gran parte da segunda metade para darlle unha oportunidade a Joselu. Probablemente, pretenda recuperar ó rapaz. Como acontecía con Garitano, o novo técnico non acaba de ver que os dous dianteiros convivan xuntos en ataque. 

Das sensacións positivas, sen resultados, o Dépor entrou, ou polo menos iso semella, nunha nova fase de cambio positivo que ofrece maior rendibilidade estatística a costa de que o xogo non sexa tan vistoso. E tamén de fortuna. Iso tamén vai no xiro que deu o equipo desde que chegou Pepe Mel. O mal fario abandonou o Dépor un par de semanas. Pero ollo, aínda gañando o mércores ó Betis, os branco e azuis seguirán dous puntos por debaixo dos colleitados na primeira volta da pasada tempada. A iso, hai que sumarlle a reacción, que como sempre chega, do Granada. Tamén do Leganés. Osasuna e Sporting esfórzanse por mudar os seus resultados, pero seguen lonxe de atopar a fórmula. Coidado coas confianzas porque á Liga aínda lle quedan sorpresas. E o Dépor é peza prezada a cazar.   

Comentarios