Opinión

Mellor con máis goles

Mellorou a imaxe do Dépor, pero non os resultados na casa. As dúas últimas vitorias déronlle confianza e un certo aplomo, que perdera totalmente en Riazor na segunda volta. 

O equipo de Martí fixo o que tiña que facer Natxo no mes de xaneiro, coa diferenza que o novo adestrador herculino fíxoo en quince días e Natxo tivo toda a primeira volta para darse de conta. O diagnóstico de Martí semella, por agora, acertado. Conta cun grupo de confianza. Deulles tranquilidade de que son os seus pupilos e colócaos no seu sitio, sen facer cousas estrañas. Martí tivo quince días erráticos, que coincidiu cun dos pésimos partidos de Riazor o que provocou un enorme enfado de Tino Fernández, de palco para adentro, e da bancada, pedíndolle a demisión e sacando panos brancos rexeitando a imaxe que daban os branco e azuis.

Co Cádiz, o Dépor foi moi diferente. Fixo todo o que se espera dun equipo do seu nivel. Tivo a iniciativa desde o primeiro momento, non tomou riscos, moveuse como un equipo ordenado, os xogadores estaban no seu sitio, non houbo vetos, como o caso de Saúl, que por fin volveu a xogar en Riazor e foi incisivo en ataque. Máis produtivo en ocasións que en acerto. Ese foi o único detalle que non foi capaz de mudar. A conversión en gol das oportunidades; nin as claras nin as menos claras.

Martí cumpriu, agora sí, a máxima que din que o caracteriza como técnico. Non se complica. Da confianza a un grupo e vai a morte con eles. O técnico fixo unha escolla entre os futbolistas que ten. O veto a Saúl, xa inexistente, abriu unha alternativa de profundidade para o equipo que agradece. 

É certo que agora Martí pode contar con homes que con Natxo desapareceran gran parte da segunda volta por lesións. Carlos Fernández, por exemplo. Unha diferenza salientable. 

Queda por saber se a recuperación da confianza é suficiente para defender en catro xornadas unha posición para a promoción do ascenso e, logo, xa se verá, se nesa lotaría é quen de acadar o obxectivo da temporada. A misión non é doada. Pode que a marcha de Natxo se producise tarde.

En todo caso, para que o equipo defenda, primeiro, un posto de promoción, e segundo, a eliminación dos rivais que lle toquen para ascender, unha cousa ten que mudar radicalmente: a efectividade. Cun só gol a favor en noventa minutos, a tarefa é case misión imposible. Os herculinos teñen, si ou si, que buscar a forma de facer máis rendibles as súas citas.

Pero, polo menos, por algo se empeza. Agora, o Dépor ten orde e ten algo máis de valentía. E iso ó público agradéceo. E con iso xa hai base para que os afeccionados volvan soñar un chisco máis.

Comentarios