Opinión

Mel como Oltra, cara ao fracaso

Cinco cambios no once inicial e ninguna mellora. O Depor fállalle o conceto, que diría Manquiña en Airbag. Todos os conceptos: portería, defensa e centro do campo. O único que funciona na liña esperada, a dianteira. En catro xornadas, o Depor consuma o advertido nesta columna na segunda xornada, é dicir, que é un equipo coador, con 11 goles en contra, o máis goleado do campionato. Só logrou sumar un punto nun mes. Os seis predecesores, na era Tino, tiveron uns arranques moito máis notables. Fernando Vázquez, seis puntos; Víctor Fernández, seis puntos; Víctor Sánchez del Amo, 5 puntos; e, Gaizka Garitano, 5 puntos. Pepe Mel só obtivo un penoso punto. É xa o peor adestrador de Tino Fernández, con diferenza. Históricamente no Dépor habería que viaxar até 1968 para atopar una estatística tan lamentable e desastrosa. Moi previsible que o vindeiro mércores, volve a Liga co Alavés, o técnico sexa recibido cunha sonora sinfonía de asubíos.   

O equipo de Mel non ten un plan A axeitado. Nin sequera se pode dicir que está traballado. A sensación de que se fixo unha pretemporada como se se seguisen de vacacións estivais é un feito. Non hai unha idea. Non hai un grupo ben dirixido. O caos, a desorde, apoderáronse do equipo branco e azul. Menos mal que os afeccionados se ían enterar do que vale un peite en canto o técnico tivese tempo abondo para traballar. Como siga así una semana máis, ante Alavés e Espanyol, o que se vai enterar vai ser Mel, sen dúbida.

A sensación de que se fixo unha pretemporada como se se seguisen de vacacións estivais é un feito. Non hai una idea. Non hai un grupo ben dirixido

 

Este Dépor de Mel xa comeza a parecerse ao de Oltra, aquél que acabou co equipo en Segunda División. Presenta un equipo totalmente partido. Só pensando no ataque, pero sen ningunha tarefa defensiva. Nin defenden os defensas, nin defenden os homes de medio campo, nin defenden os homes de ataque, estes últimos para frear o rival desde o inicio da súa construción de xogo. Como consecuencia, o equipo sofre. 

Dicía Mel ó inicio de temporada que quería ter o balón, xogar con el. Ter iniciativa. Ser protagonista. O problema é que Mel non ten equipo para xogar así, desde o planeamento que manexa. Como lle pasou a Oltra, o adestrador madrileño confunde os ideais coas ideas. Os equipos de fútbol son empresas. Queren resultados. E os adestradores non están para morrer coas botas postas. O fútbol romántico hai tempo que non existe.

Dicía Mel ó inicio de temporada que quería ter o balón, xogar con el. Ter iniciativa. Ser protagonista. O problema é que Mel non ten equipo para xogar así, desde o planeamento que manexa. Como lle pasou a Oltra

 

É certo que Mel, descontento co inicio de campionato, sobrepasado pola Real, humillado polo Levante, e derrotado ante un desganado Real Madrid, esta cuarta xornada quixo remexer, sinalar, mudar e buscar un equipo con máis gas. Pero o resultado foi similar ó visto.  O problema do Deportivo, neste momento, non son as derrotas, tampouco os nefastos números. O que realmente é un desastre é que o Dépor desafina como orquestra. Non hai un só instrumento que siga o compás. Xa que logo, o director de orquestra é un desastre.

Só o director de orquestra? Evidentemente, non. Que un porteiro non saiba chapar un balón inocente, semellante ao que tivo Tyton a semana pasada, é moi preocupante. A responsabilidade desa parcela apunta cara ao director técnico. Deixou marchar un bo porteiro, Lux, e preferiu quedarse cun baúl. Fichar a toda presa un porteiro, ante a lesión de Rubén, pedindo un favor, non semella profesional.

Fichar a toda presa un porteiro, ante a lesión de Rubén, pedindo un favor, non semella profesional

 

Na defensa, que Sidnei non estea co ton axeitado é responsabilidade dunha cadea, preparadores físicos incluidos. Físicamente non está ben e houbo un verán para que o estivese. Tivo que ir á bancada porque o merecía. Aí Mel estivo correcto. Se Schär ten que facer de Sidnei, é dicir, xogar pola esquerda cando o suízo é destro -o brasileiro tamén, por certo- quere dicir, probablemente, que ó equipo lle falta un central zurdo de calidade. Unha cuestión que xa na temporada pasada se vía. Nin Albentosa, nin Arribas parecen sentirse cómodos como centrais zurdos. Iso é un gran problema para este técnico e o que poida vir no futuro de o desastre do Dépor non se amañar.

En canto ó centro do campo, Guilherme, que ten a misión de ser o pivote contundente e o destructor de xogo dos rivais, non ten a talla esperada para ese compromiso. Afoga no mar de traballo que se lle presenta. O medio do campo fáiselle un oceáno. Precisa máis axuda. El só non pode. Os mediocampistas que se moven por banda non son homes con sacrificio suficiente, polo que a Guilherme se lle ven todas as costuras.

Con todos os problemas que se están a ver, xornada si e outra tamén, o caos e a desorde do cadro branco e azul son froito dun debuxo táctico sen sentido

Adrián e Andone necesitan sustento. Non poden lucirse se non lles chega un balón en condicións. Borges foi o mellor. O único que ten as ideas claras. Pero non é un xogador que se bote o equipo ás costas. Con todos os problemas que se están a ver, xornada si e outra tamén, o caos e a desorde do cadro branco e azul son froito dun debuxo táctico sen sentido. O equipo non está xunto. As liñas están moi separadas e vese totalmente partido. De aí a desconexión. 

O Dépor, dígase o que se diga, é, por agora, un equipo feito para tratar de manterse en Primeira División. Sen un equipo que xogue xunto, unido, arroupado, moito máis solidario en todas as liñas, o resultado vai ser un naufraxio seguro. Os números xa cantan cara á apocalipse.

Comentarios