Opinión

Mel contra as cordas

Diciamos onte que o Dépor non ten un planeamento A. Esa sensación confírmase cada vez que arranca un partido dirixido por Pepe Mel. Se non ter planeamento xa é grave, o de que non sexa quen de que os seus pupilos manteñan a porta a cero nos primeiros quince minutos de cada partido convértese nunha eiva que produce un enorme rubor.

O partido en Barcelona resultou ser un fracaso total polas innumerables sucesións de erros defensivos. Excesivos erros individuais que penalizan o escaso traballo de todo o colectivo, que traballa ben pouco, todo hai que dicilo. Se a zaga non é segura, a porta non ofrece mellores sensacións. Malia que todos os goles non son achacables a Pantilimon, a imaxe que deixa o novo gardamallas é que baixo os paus hai un meta sen garantías, incapaz de facer unha boa parada.  As alternativas na portería do primeiro equipo, polo visto até agora, son moi frouxas e resultan inválidas para un equipo que quere competir en Primeira.

Só coa situación actual das dúas liñas do equipo, considerando os resultados e a imaxe que están a ofrecer, comeza a verse que non todo este equipo é una cuestión só de adestrador. O tema do técnico é sen dúbida un asunto moi preocupante. Se Mel perde o sábado co Xetafe non resistirá un día máis a fronte do equipo, porque sería destituido con case total seguridade. A miragre é que aínda siga no posto.   

Se Mel perde o sábado co Xetafe non resistirá un día máis a fronte do equipo, porque sería destituido con case total seguridade. A miragre é que aínda siga no posto

 

Mentres ese partido non chega, o Dépor vai preparar outra semana cos mesmos problemas das últimas xornadas. Un equipo inconsistente, moi brando en defensa, incapaz de ofrecer sacrificio. Con serios problemas de organización no centro do campo. A sala de máquinas do equipo está absolutamente gripada. Só rende vinte minutos. Por momentos semella que xoga a algo, que o fai ben, e que ten algunha idea. Pero en canto comete un erro, ese tropezo é tan grave que lle custa un gol e, a partir de aí, todo o equipo se desafai como un castelo de naipes. 

Outra vez a estatística é fatal. 15 goles apañados en 6 partidos. Ningún dos últimos 5 adestradores do Deportivo ten uns números tan vergoñentos. Uns números que parecen inconcebibles se damos por bo que nos últimos tres anos o equipo foi mellorando pouco a pouco. Non o parece. Non por quen dirixe o equipo, nin polos xogadores.

15 goles apañados en 6 partidos. Ningún dos últimos 5 adestradores do Deportivo ten uns números tan vergoñento

 

Esa circunstancia é a que fai pensar que as responsabilidades levan unha dirección vertical e van máis alá da caseta do técnico, pero tamén co técnico incluido nelas. Que nos últimos partidos, Real Sociedad, Betis e Español teñan gañado o partido ós vinte minutos de xogo, por non tirar de partidos do ano pasado, é una circunstancia que non é achacable a fatalidade. É unha falta de concentración, e de non saber estar no sitio, insultante. 

Hai moitas críticas para Lucas sen entender que Lucas non está ao cen por cento. As circunstancias non axudan. Se non está en plena forma, darlle a responsabilidade de ser o único punta, sen unha soa axuda, e sen ter un plan de xogo para Lucas é como abandonalo á súa sorte. En Barcelona xogou unha primeira parte infame. Só. Illado. Deixando que o xogador deportivista se desgastase para nada. Lucas tivo que baixar para ter contacto co balón, estivo por todas as zonas do campo, dun lado a outro. Consumido. Desesperado. 

A crítica sobre Mel tamén é xusta porque non achegou ningunha solución. Ningunha válida. Os seus planeamentos ranxen. Fallan. Fan auga. O seu discurso non coa.  

Hai moitas críticas para Lucas sen entender que Lucas non está ao cen por cento

 

Como tampouco coa o lamentable estado de varios futbolistas. Sidnei por baixa forma e por non estar centrado, de aí que fose merecidamente á bancada. Que foi de Sidnei? Por que está fatal? E Arribas? O domingo volveu marcar en propia porta. E xa van cinco goles, igualando o rexistro de futbolistas que máis goles marcan contra a súa porta en toda a historia da Liga. Se por riba comete un penalti infantil no momento en que o equipo semella estar recuperándose, o desafío é imposible.  

Con 9 Luisinhos, un bo Borges e un Lucas este equipo sería outra cousa. Ata hoxe un suspenso total. A tensión está servida o vindeiro sábado en Riazor. A ver cómo acaba. Os presaxios non son bos.

Comentarios