Opinión

A media “esco-cesa”

Que non, que iso non se fai. Señores programadores da televisión.

Que non, que iso non se fai. Señores programadores da televisión. Non volvan facer iso. Poñer un clásico Barça-Madrid diante dun Tenerife-Deportivo, home por Deus... Que queren? Que apaguemos a televisión? Polo menos, mentres o equipo coruñés non retome os seus anos de esplendor consideren esta proposta para evitar suicidios colectivos. Despois de ver o partido dos mil millóns de euros, como ver o encontro de dous equipos concursados onde todo o seu activo é máis dos seus acreedores que dos afeccionados?

Evidentemente, como isto do fútbol nos move polo corazón, como atolondrados, e mais se o Dépor está en xogo, acabamos por velo e sufríndoo. Que remedio! E vímolo nós, os da península porque a xulgar polas imaxes da televisión no Heliodoro Rodríguez, ese estadio mítico de Primeira que lle birlou dúas Ligas ao Madrid para dárllelas ao Barça, non había nin Dios. Ben, si, un puñado de almas insulares... e non sei se habería máis camisetas de seareiros branco e azuis ca tinerfeños a xulgar polos planos cortos. A fe move montañas... e charcos. Ou iso, ou xa se nota que coa crise, máis ca nunca, hai moito galego emigrado. Pero deixemos a política e pasemos ao políticamente correcto.

Estatísticas a exame: 5 dos 7 goles encaixados polo Dépor, chegaron a balón parado.

Como sempre acontece nesta xeira, a cada xogada a balón parado só cabe persignarse. Á primeira, foi. Foi por fóra. Na segunda metade, o curruncho non debía ter carga suficiente de allos porque foi. Foi por dentro. Saque de esquina e o coiro chega á cabeza de Carlos Ruíz que, sen práctica oposición, tras un leve peiteo, marca gol.

Estatísticas a exame: 5 dos 7 goles encaixados polo Dépor, chegaron a balón parado. Terrible. Menos mal que malia todo, o equipo dirixido por Vázquez é un dos menos goleados da categoría. Propoño que Vázquez adestre os seus pupilos para que non fagan faltas nin boten o balón fóra, salvo que saiban con seguridade que vai cara ao saque de banda. Señores, con esta sinxela fórmula o Dépor deixará de encaixar, non si? Ou iso ou pasarse ó fútbol indoor...  

Non me esquecín, non. Xa sei que desta o cadro coruñés xogaba fóra da casa e debía ser favorito. Por riba xogaba cun dos equipos en postos de descenso. Xa dixen nalgunha ocasión que gañar fóra da casa sempre ía ser complicado. O preocupante é que esta ruptura estatística fai que o Dépor perda até a media escocesa da que falamos nesta columna -xa saben, vitoria fóra da casa e puntuar en Riazor-. E o de media escocesa, como siga en progresión negativa, a cousa vai quedar en panty (ou o que é o mesmo, unha media esco-cesa, ou o que é o mesmo o cesamento dunha boa media). E ogallá que a xeira negativa non continúe até o calcetín á altura do nocello.

Comentarios