Opinión

Lux vale un “Porotosí” 

Poucas, moi poucas, decisións de Víctor Sánchez del Amo son discutibles ó longo da temporada.

Poucas, moi poucas, decisións de Víctor Sánchez del Amo son discutibles ó longo da temporada. E cando se trata de ler un partido o nivel da crítica redúcese porque soe facer moi ben este traballo á hora de retocar ó equipo. Pero en Anoeta…, en Anoeta Víctor pinchou precipitadamente e deixou dous puntos, sen pretendelo, obviamente, pero deixounos por un erro técnico-táctico. Ou polo menos favoreceu que chegase o empate. Por que? 

O troco de Jonás, quitando a Luisinho, que salvo estraño cansazo repentino do portugués, non ten excusa é a causa de que o Dépor, que ata daquela aguantaba como podía, logo do troco, se descompuxera. O que se ve de Jonás, desgrazadamente, e que está moi lonxe de poder aguantar a esixencia física dun partido en Primeira División e moito menos se a tarefa encomendada é estar en zona defensiva. Ofensivamente aínda pode aportar algo, pero sempre e cando xogue pouco tempo, porque físicamente anda escaso, moi escaso de fol. Jonás é neste momento e, se non mellora o seu nivel físico, un xogador de refresco, puro e duro, e punto. Pero Jonás non está para pisar área en zona defensiva porque trae máis perigo que seguridade. Onte, en  3 minutos case monta unha lea insoportable, que puxo no aire o enorme traballo de todos os demais compañeiros. Un inocente penalti, que foi, por moito que se discuta o contrario, foi penalti. Un penalti impresentable, bisoño, raro. A reacción de tirar do brazo na área dun xogador que se escapa denuncia a falta de concentración que se espera dun futbolista dos seus galóns. Un xogador que sae fresco, coas neuronas a pleno rendemento, con vigor, non pode reaccionar tirando do brazo a pescar un rival que se lle escapa por velocidade ou por un lixeiro movemento coa coxa. A imaxe foi a da impotencia dunha xarda fuxindo do corricán. Tras o penalti de graza, e convertido pola Real, outro estrago de Jonás case volve montar un barullo onde a Real non sacou petróleo porque Lux ten un anxo da garda baixo os paos e porque lle vixía as catro esquinas da porta. A Real só puido marcar de penalti, porque do resto xa se encargaron Poroto e o seu anxo. Haberá que preguntarlle a cal lle reza…

E aí está o gran talismán do Deportivo esta temporada. Lux está pletórico. De dez. Non falla. É un seguro.

E aí está o gran talismán do Deportivo esta temporada. Lux está pletórico. De dez. Non falla. É un seguro. Futuro distinto lle esperaría ó cadro herculino se o pasado martes xogara o partido de Copa, porque hoxe estaría en cuartos. Lux é colosal. Sempre ben colocado. Sempre sacando unha parada incrible. Sempre atento. Sempre en forma. Canto vale Lux? Xa llo digo eu: un “Porotosí”.

O punto de Anoeta vale moito, si. Pero ollo, un punto que denuncia moitos problemas. O Dépor foi un coador. Brutal. Os realistas entraron como quixeron. Os de Víctor Sánchez del Amo teñen que recuperar a orde e seguridade defensiva que deixaron perdidas entre as grilandas do Nadal. Se non chega a ser polas enormes paradas de Lux, os paos (dous), os fóras de xogo (ben vistos, que serviron para anular tres goles) e o negadísimo que estivo Jonathas de Jesús e Carlos Vela, e incluso Oyarzábal, os coruñeses tiñan que voltar de San Sebastián cunha goleada de escándalo.

Se o Dépor recupera os seus sinais de identidade pronto a temporada será prácida. Se non o consegue, voltará o tormento e a emoción ata a recta final. Un sino deportivista, por outra parte. 

Comentarios