Opinión

Limpar, fixar e dar esplendor

Antes de falar do de Pamplona, merece un pequeno comentario o meu último artigo, que deixei en branco. Un está farto de ter que porse a escribir para falar de vergoña, de falta de respecto, de inoperancia, de escasa concentración, de insistencia, da necesaria intensidade para xogar un partido de Primeira División. Xa está ben de ter que aplaudir uns señoritos que non a rascan, que deixan moito que desexar como grupo. Inadmisible comportamento. Xa que logo, non foi unha faltada, nin preguiza, a crónica en branco é un texto protesta, o primeiro da miña vida, e espero que o último. Esta xeración de futbolistas do Deportivo non merece o esforzo da afección, nin tampouco de quen lles escribe.

Con todo, non vai repetirse unha crónica en branco. E non é polas ganas. O que sucede esta temporada é inexplicable, salvo que se conclúa, como conclúo, que o Deportivo ten esta temporada un horroso cadro de xogadores. Así é como se xustifica o novo sufrimento agónico deste equipo. Hai que dicilo. Non están a cumprir o obxectivo. É falso dicir que o obxectivo da temporada é a permanencia a secas. A meta final era salvarse con folgura, con diferenza sobre o resto en postos e en puntos, sen ter que esperar ás tres últimas xornadas para andarlle poñendo as velas ós santos.

Non foi unha faltada, nin preguiza, a crónica en branco é un texto protesta, o primeiro da miña vida, e espero que o último

A falta de concentración das últimas semanas é exasperante. Incomprensible. Que traballa esta xente antes de saír ó terreo de xogo? Fala Mel cos futbolistas cinco minutos antes de que arranque un partido? Que lles di? Como é posible que saian desenchufados, inoperantes, despistados, descontrolados, véndoas vir, desorganizados, sen sangue?

É inadmisible que o Dépor volva poñerse co marcador en contra antes de chegar o minuto 5 do partido. Esta situación con Mel repítese desde hai catro semanas. Que pasa coa concentración? Están os futbolistas propoñendo algo sobre o futuro do adestrador? Este vestiario tampouco se pode converter nun come técnicos.

Visto o visto, a este grupo fáltalles alguén que os dirixa tipo Simeone. Alguén que recorde dentro da caseta que foi este equipo. Para estar no Deportivo non se pode estar por que si. Non é só dicir si ó Deportivo e punto. Hai que empaparse de historia. Coñecela. Vivir o sentimento de ser deportivista. Saber que en Riazor caeu o Milan, un dos mellores Real Madrid da historia. Aquí axeonllouse ó equipo de Cruyff. O Dépor fixo xestas en Alemaña, Italia, Francia e Reino Unido. Marcoulle un 7-0 ó Bayern, nun torneo de verán. A estes futbolistas hai que facelos pasar diante das vitrinas. Porque a sala de trofeos do Deportivo non está baleira. Os deportivistas non hai que explicárllelo, pero aos xogadores, si. Terían que entrar cada mañá no vestiario entre as réplicas da Copa, da Liga e da supercopa. E entre pantallas de televisión onde se lles lembre as épicas vitorias de Tristán, Pandiani, Makaay, Fran, Bebeto. Só coas vitorias en Europa abondaría. Este grupo de Mel, antes de Garitano, non sabe nada. Esquece a historia. Non sabe a que xoga nin que representa.

Visto o visto, a este grupo fáltalles alguén que os dirixa tipo Simeone. Alguén que recorde dentro da caseta que foi este equipo

Por iso, a afección está farta. Van igual ó estadio, pero os que realmente están frustrados son os seareiros. E chegou a hora de berrar basta xa! Todos entendemos as limitacións do club, de feito, o club no ten culpa, pero isto non pode seguir así. As últimas semanas, os homes do Dépor son a imaxe dunha necesaria e imprescindible limpeza de vestuario. O Deportivo non pode contar con xogadores sen compromiso, sen valores. E menos agora, cando se fan esforzos infinitos para que os xogadores cobren soldos millonarios con puntualidade inglesa. 

Non se libra nin o Tato. Xogadores e adestrador, xa que Mel tamén está a demostrar unha nula psicoloxía cos futbolistas. Encaixar 4 goles nos primeiros cinco minutos, un deles no primeiro minuto tras saír do descanso é absolutamente impresentable. Xa o di todo sobre a intensidade, a concentración, a motivación. Os afeccionados e o club non teñen culpa diso. Imaxinen que o club non lles pagase o seu salario puntualmente, a que os xogadores correrían a protestar? Pois iso, a protesta é de quen cumpre coas súas obrigas, os donos do club, xa que estes futbolistas non están a altura, nin teñen o comportamento que se obriga. Quen berra aí para que o equipo deixe de facer parvadas? Que se di no vestiario para evitar ridículo tras ridículo?

As últimas semanas, os homes do Dépor son a imaxe dunha necesaria e imprescindible limpeza de vestuario. O Deportivo non pode contar con xogadores sen compromiso, sen valores

O partido resúmese cun Osasuna, descendido esta mesma semana antes de comezar o partido co Dépor. Pero o equipo de Pamplona saíu a pelexar, a dar a cara. E marcou un gol no minuto catro aproveitando que o Deportivo saíu durmido. Tras o gol, Osasuna seguiu atacando, tentándoo. Tras un minutos nos que se viu ós de Mel contra as cordas, unha contra ben combinada atopou un centro que conectou coa testa Guilherme para empatar o partido. O gol serviu para poñerlle calma ó ataque de Osasuna. Na segunda metade, Guilherme foi máis listo co defensa que o marcaba para poñer o pé no sitio xusto e marcar. O lóxico é que o Dépor, co marcador xa favorable, controlase a situación, pero non. Osasuna foi a polo partido, e os branco e azuis apenas fixeron nada para evitalo. Noutra xogada a balón parado, Osasuna atopou un Juanfran mal colocado, igual que no primeiro gol encaixado. En segunda xogada, o equipo rival tivo premio. De salvado matemáticamente a estar de novo na situación de ter que esperar outra semana. Si, outra semana, porque aínda que quedaban doce minutos, ao Dépor, de forma miserable, serviulle o empate. E non fixo nada máis. E de non facer nada máis, na última xogada do partido, un ataque de Osasuna case remonta o encontro para o 3-2 e deixar sen puntos ós de Mel. 

O técnico dixo que non tiña nada que reprocharlles ós xogadores. Se le esta crónica ten unha listaxe de reproches que facer. Intolerable Mel. Intolerable equipo. E a afección cansa de aturar isto. Cando se consagre a salvación matemática dos herculinos, que chegará cando perda ou empate ó Spórting de Xixón o próximo partido, haberá que pasar polo vestiario unha vasoira de cerdas ben gordas.

O técnico dixo que non tiña nada que reprocharlles ós xogadores. Se le esta crónica ten unha listaxe de reproches que facer. Intolerable Mel. Intolerable equipo

Un apuntamento máis. Granada descendeu e marchou con enorme elegancia ante o seu público. As declaracións pospartido dos nazarís foron impecables cara os seus afeccionados. Osasuna despregou unha pancarta de agradecemento, malia descender. Un público que correspondeu agradecendo o esforzo do cadro navarro. Pregunto, merecen parabéns estes futbolistas cando se salven? Lembraranse de dar as gracias a unha das afeccións que máis acompañou este bodrio de plantel?

E a pregunta é: para cando unha oportunidade para Manu Mosquera ou Tito Ramallo? Para sufrir isto mellor cun da casa.     

Comentarios