Opinión

Un líder dos pés á cabeza

Estaba eu no Incio, concello fermoso onde os haxa, esta fin de semana. Cadroume participar nun curso sobre redes sociais


Estaba eu no Incio, concello fermoso onde os haxa, esta fin de semana. Cadroume participar nun curso sobre redes sociais e, tralo curso, na sobremesa, con vistas á montaña, tiñamos un xigantesco plasma que mostraba imaxes dun partido de fútbol da Premiere inglesa (Everton, 3 - Liverpool, 3). Fútbol de ida e volta, vertixinoso, incansable, con moitos goles, talento e atrevemento. E todo iso acontecía con intensidade ata o último suspiro do encontro -desta vez xogaron ata o minuto 94-. Que envexa! E que ben o pasamos vendo o encontro!

24 horas máis tarde, atopámonos co fútbol do Toralin. E, sinceramente, que queren que lles diga. As comparacións son odiosas, pero, claro, xogaban os nosos! E atendendo ás necesidades do equipo e á realidade que vivimos no fútbol español, a análise ten que realizarse con outros parámetros.

O máis sobranceiro do partido non ofrece dúbidas a ninguén. Que luxo ter a Lux baixo os paos. Xa lle adiquei un comentario esta temporada pola importancia capital noutra vitoria coruñesa. Lux é un valor enorme para este Deportivo. O porteiro arxentino pon en valor, e de que xeito, os escasos goles dos seus compañeiros. As paradas que fixo Lux onte, ata catro providenciais!!!, son de grande trascendencia para un Dépor en apuros nos despachos. Lux salvou sobre a liña de meta dúas ocasións clarísimas, e grazas ao seu enorme estado de forma os afeccionados herculinos deitáronse agarrados ao taboleiro de marcas, felices, orgullosos, sorrintes. O Dépor é líder de  Segunda! Quen o diría o 31 de xullo ou o 31 de agosto pasado.

O máis sobranceiro do partido non ofrece dúbidas a ninguén. Que luxo ter a Lux baixo os paos!

É máis, haberia que preguntarse…

A Lux hai que facerlle un monumento polo seu traballo deste ano. Porque foi un home calado que agardou con moita paciencia pola súa oportunidade, que soubo xogar con moita humildade os minutos da copa e porque sempre sumou no grupo e nunca restou. O valor do Dépor comeza pola porta. Non hai mellor porteiro ca el na categoría.

O encontro resúmese nunha posesión escandalosa do equipo local. Unha posesión que non serviu para case nada, ou si se Lux non estivera de luxo, pero o certo é que a pelota enmarañouse na tupida defensa branco e azul, o segundo valor engadido deste bloque de xogadores. Conseguiron formar un selo identificativo… matan o rival por aburrimento. Os futbolistas de Vázquez funcionan con pensamento único. Xogan de atrás para adiante, pero xuntos e sen permitir que o sistema teña furados.

Os futbolistas de Vázquez funcionan con pensamento único. Xogan de atrás para adiante

E algo semella que mellora co balón parado. Onte pitáronlle máis de 20 faltas en contra e soubo manter a porta a cero, defendendo o único gol de Culio marcado de penalti na primeira metade.

E o fin, no Toralin todos felices. O Dépor porque levou os puntos e o liderado e a Ponferradina porque quedou cos cartos da venda de miles de entradas de afeccionados coruñeses que soñaban co momento de ver de novo o seu equipo no máis alta da categoría, como nos vellos tempos.

Comentarios