Opinión

«Lázaro», salvado por Iago Aspas

Ridículo. Ridículo espantoso. Desastre. O Deportivo de Garitano chegou descontado a Leganés. As ideas do adestrador vasco estaban esgotadas incluso na elaboración do plan A, o único no que acertaba a medias Garitano antes de comezar un partido. A aliñación do once titular foi toda unha declaración de intencións sobre o estado de presión do técnico e a súa capacidade para xestionar unha crise de resultados. Sentou Adone, converténdoo da noite para a mañá nun suplente de luxo. Joselu, que non demostrou nada en todo o 2017, substituíu ó romeno. Un premio excesivo. Unha titularidade incrible. Non contar cos futbolistas que sempre dan batalla, como é o caso de Luisinho, foi outro síntoma da descomposición do técnico. Darlle a Mosquera unha titularidade queagora mesmo lle vén grande tamén semella excesivo. Esquecer unha vez más Álex Bergantiños en favor de Mosquera. outra decisión imposible de explicar. Decisións tomadas o día que o técnico se xogaba o finiquito do seu posto. Si, iso era seguro.  O ultimato en Leganés sobre Garitano estaba cantado. Por iso, non contar cos xogadores que son capaces de sacrificarse por un é como facer unha declaración suicida. En todo caso, Garitano pensou que para conservar o seu posto tiña que plantexar unha revolución no equipo. E o vasco toleou, algo que non fixera en toda a temporada. O seu discurso perdeu toda a coherencia xusto no partido máis importante da súa carreirra como adestrador. 

De feito, Garitano púxose en evidencia dúas veces en Butarque. Primeiro na confección do once titular. Despois rectificando o seu evidente erro cos trocos de saída na segunda metade. Foron trocos, tanto os do once titular como os das correccións posteriores, dun adestrador que perdeu o compás, absolutamente desquiciado, sen saber xa que facer co seu grupo. Esta cuestión é moi grave porque esta situación na que o adestrador se mostra en fóra de xogo. Tiña que ser detectado desde a dirección deportiva antes de que Garitano chegase a Leganés. E evitalo, lóxicamente.

Garitano púxose en evidencia dúas veces en Butarque. Primeiro na confección do once titular. Despois rectificando o seu evidente erro cos trocos de saída na segunda metade

A fotografía do naufragio branco e azul non pode fixarse únicamente no adestrador. Aínda que os números de Gaizka son deplorables, un penoso currículo para seguir buscando traballo neste mundiño tan competitivo. Cando menos, unha mala carta de presentación. Co Dépor non gañou un só partido fóra da casa. Só foi capaz de sacar 19 puntos en 23 xornadas. Dos últimos 21 puntos só sumou tres. Os últimos catro encontros foron catro derrotas consecutivas. Na curta experiencia de Gaika como técnico, nos últimos 57 partidos só en nove conseguiu unha vitoria. A destitución, xa que logo, era un feito. Cantada. Os números non entenden de traballo. Non entenden de complicidades. O club valoraba positivamente o esforzo de Garitano. As gañas que lle poñía. O control que tiña sobre o vestiario.Os futbolistas respetaban ó vasco. As crises do grupo pecháranse en positivo. Esa era a forza de Garitano. Pero os números… os números. As cifras sacan as vergonzas fóra de calquera. 

A imaxe do Dépor neste momento si é preocupante. Éo porque en Leganés o equipo baixou os brazos. Caeu rendido. Xa nada saíu. Como se xa non merecera a pena loitar polo imposible. Nin o salvavidas de Garitano aboiou: a boa imaxe do equipo que durante 50 minutos maquillaban cada cita. En Butarque, o cadro branco e azul saíu derrotado. A defensa, que perdera consistencia semanas atrás, en Madrid volveu a estar fóra de si. Descolocada. Deixando espacios. Sen defender correctamente, incluso nas xogadas a balón parado. Sidnei semella unha caricatura, un defensa fake. Albentosa tamén está de comparsa. Non demostra estar a nivel, e o peor é que está sendo o futbolista máis caro do Deportivo. Non só polo que cobra, que tamén, senon pola indignante e merecida expulsión coa que foi castigado. Unha agresión de xogador impotente, desconectado, egoísta. A maiores, dous penaltis en contra. Os dous, evitables. 

En canto a capacidade do equipo para marcar, nula. En ataque non se viu ningún recurso útil. Joselu non aproveitou o caramelo da titularidade, nin só nin acompañado.

Como conxunto o equipo vai a menos. Perdeu a estrutura. Gañou en insolvencia. Fortaleceu a vulnerabilidade. Está nun bucle negativo. En total retroceso. O equipo desinflouse. 

O dato alarmante, e que queda como tarefa máis importante para o novo técnico, é que as únicas vitorias deportivistas viñeron da man de futbolistas que non están na Coruña: Lucas Pérez, na primeira xornada co Eibar; e Babel, marcando os goles nas vitorias ante o Sporting, Real Sociedade e Osasuna. O Dépor non foi capaz de gañar un partido sen eles. A dependencia en 24 xornadas arrepía, e volve a plantear se todo o que está pasando é só un problema exclusivamente de técnico. 

O dato alarmante, e que queda como tarefa máis importante para o novo técnico, é que as únicas vitorias deportivistas viñeron da man de futbolistas que non están na Coruña: Lucas Pérez e Babel

A imaxe do equipo é mala, moi mala. Minguou cando tiña que medrar. As últimas incorporacións, en estado de preforma, chegaron apenas hai un mes. A semana, que xa non foi sinxela para Garitano, tampouco o foi para Juanfran inmerso en rumores sobre a súa posible marcha ó F. C. Barcelona esta mesma temporada. Como mínimo para desestabilizarr ó xogador foi suficiente. 

Se este equipo, como se pensa no clube, ten un cadro de futbolistas para estar entre o dez e o quince, é hora de demostralo. Finiquitado Garitano, non hai excusas posibles. Agora é cousa de futbolistas. Dise que Pepe Mel é o home elixido para erguer a «Lázaro», este morto vivinte, porque o Dépor é iso, un peso morto só salvado porque por baixo os rivais non levan pedriñas de chumbo no cinto. Levan quilos de ferro. 

É curioso porque se os deportivistas non comparten puntos cun dos equipos en descenso é grazas a Iago Aspas. O dianteiro do Celta salvou ó equipo coruñés de durmir baixo a guillotina do descenso. Ca desastrosa xeira do Spórting, o Granada e Osasuna, que a estas alturas podían estar desafiuzados pero seguen con vida e fortalecidos porque o sangue da vítima propiciatoria xa cheira. O Dépor estase a desangrar cada fin de semana, tanto ten se sae a escea en Riazor ou fóra. A ferida semella fonda, moi fonda. E ollo, que en caso de supervivencia, se hai que desatar o cinto de ferro e poñerllo a outro, faise.
 

Comentarios