Opinión

Lázaro apoderouse do Dépor

O inicio macabro da segunda volta do Dépor podería propiciar convulsións no equipo nas vindeiras horas ou días. O 7-1 do Bernabéu volve ser outra derrota catastrófica. Insoportable. Decepcionante. E a sensación, tras os fallidos disparos a porta de Cristiano Ronaldo e Mayoral, de que puido ser moitísimo peor, igual que secedeu no Camp Nou a temporada pasada. A imaxe dos dous partidos é desoladora. O Real Madrid destrozou o Dépor por impotencia. A defensa deportivista é un absoluto desastre. Sorprende a alguén a estas alturas? É una das claves da temporada. A falta dun defensa que realmente dea seguridade e que sexa un verdadero mariscal na área. Ese tipo de futbolista non existe no Dépor nin na defensa, nin no centro do campo. Se ademais dun mariscal falta un líder, a descomposición que hai no equipo é de grandes proporcións. 

Ramis dicía onte na Radio Galega que era imposible ver unha baixada de brazos no equipo porque Mauro Silva só coa mirada ameazaba a quen se lle pasara pola cabeza tal idea. Ao Dépor faltoulle competencia 45 minutos de partido. Se competise, non sairía do Bernabéu coa faciana pintada. Pero é espantoso que suceda por segunda vez en menos dun ano. 

A defensa deportivista é un absoluto desastre. Sorprende a alguén a estas alturas? É una das claves da temporada

 

Nesta columna, na segunda xornada desta temporada, titulei: “O sistema de Mel é un equipo “gruyere””. E desde a segunda xornada, pasaron 18, o equipo segue sendo o maior coador da Liga, só superado polo Las Palmas. As consecuencias son dramáticas porque vai camiño de romper estatísticas negativas en toda a historia, se miramos os números do paso do equipo branco e azul pola Primeira División. Se iso sucede, este equipo sería a maior vergoña que pisou Riazor en todos os seus anos de existencia.  


“O fútbol que gaña”, frase que usou o ex director técnico do Dépor no día da súa despedida, volveu fracasar de forma estrepitosa. Só ante o Barça, Español, Real Sociedade e o Real Madrid os deportivistas apañaron 19 goles. Terrible. O Dépor desángrase sobre o verde coa mesma facilidade que un porquiño no día seu día de matanza.   

A sangría produciuse noutro partido onde o Dépor, outra vez, foi quen de ofrecer dúas caras. Mesmo chegou a poñerse por diante no marcador, malia que o Madrid xa estaba a acosar a porta de Rubén sen éxito e sen acerto. A vitoria inicial pagouna o equipo de Parralo cun final de filme “gore”.

O Dépor vai camiño de romper estatísticas negativas en toda a historia, se miramos os números do paso do equipo branco e azul pola Primeira División

 

Ensaiara Parralo durante a semana unha defensa con tres centrais. Pero chegado o día, coas lesións de Albentosa e Sidnei, o técnico xogou como sempre. Tivo que tirar do futbolista do Fabril One, que non o fixo mal na primeira metade, como acompañante de Schär cun sistema de catro. O de sempre. Non se atreveu a plantexar sobre o Bernabéu unha defensa máis poboada. Probablemente, a falta de efectivos impediulle dar o paso ao técnico, se ben é certo que non é do gusto dese tipo de fútbol máis “reservado”.

Para o Dépor o traxe comezouse a descoser co primeiro gol. De novo, os erros defensivos individuais son a causa. Luisinho quedou facendo a estatua no lugar de perseguir a Nacho antes e depois de que o defensa do Real apañase o balón para acadar o seu primeiro gol. A pasividade de Luisinho é grotesca, excesivamente groseira. E como sempre sucede, unha vez que reciben un gol en contra, o equipo sofre.

A pasividade de Luisinho é grotesca, excesivamente groseira

 

O Dépor fixera un partido correcto durante 30 minutos. A falta de acerto do Real foi asentando o equipo e dándolle posibilidades de que podía crer que polo menos podía asinar unha boa imaxe. Un espellismo. O gol do Dépor enfureceu aínda máis o equipo branco, ansioso de facerlle pagar os pratos rotos o primeiro pardal que se puxese a tiro.

O resto da goleada non ten interese para a análise porque os problemas están sobradamente sinalados, se ben cabe destacar as actuacións de Rubén, que evitaron que a goleada fose máis histórica aínda e o papel decente de One. O pobre rapaz até tiro que dar a cara ante os medios ó final do partido, nunha clara mostra de que no vestiario actual sobran covardes e faltan valentes que dean a cara pola camiseta.

O pobre rapaz Ono até tivo que dar a cara ante os medios ó final do partido, nunha clara mostra de que no vestiario actual sobran covardes e faltan valentes

 

Da análise non se pode obviar a lesión de Mosquera, que en Madrid fixo un bon papel. Tivo que suprir outro fabrilista, polo que dous xogadores do equipo B se viron co peso de ter que aguantar o Dépor no templo merengue nunha das súas peores épocas como competidor.

Chegados ata este punto, ao equipo de Parralo, se é que se segue a fronte do equipo ante o Levante, non lle queda máis remedio que afrontar como auténticas finais o calendario que vén por diante. Quede claro que con Parralo ou sen el, non é unha cuestión de adestrador e si de cadro de futbolistas, a situación esixe un revulsivo no interior do vestiario. A urxencia e a necesidade dun lider, tan importante como as fichaxes que xa se incorporan esta semana. Se os futbolistas actuais non toman en serio este momento, non se unen, e non se comprometen verdaderamente non hai nada que facer. O Dépor está como Lázaro. Quen o vai resucitar?      

Comentarios