Opinión

Inxusto si, pero víase vir 

Resultado inxusto. Si, inxusto. Porque o Dépor tivo máis oportunidades e non as aproveitou. As Palmas apenas buscou a vitoria, pero chegou tres veces e marcou tres goles. Pero non nos quedemos na superficie.

O Dépor foi un penoso bolo durante toooooooda a primeira parte. Un bodrio. Nada que rescatar, salvo unha ocasión de Lucas clara. Unha primeira parte onde o Dépor entregou todo o xogo ó rival. Foi un “xoga ti que a min dáme a risa”. O equipo das Palmas puido xogar a pracer, sen desgastarse e sen que os herculinos ameazasen o marcador. O Dépor non quiso a responsabilidade da pelota, o peso do encontro. Concedeulle o mérito á visita, como bo anfitrión. O equipo canario non se poderá queixar do trato recibido en Riazor, un campo onde nin marcaba, nin gañaba desde os anos 70 en Primeira División.

Na primeira parte o Dépor entregou todo o xogo ó rival. Foi un “xoga ti que a min dáme a risa”

Na segunda parte, o equipo deportivista puxo unha marcha máis. E conseguiu un gol. O décimo sexto de Lucas. Pero cos trocos de Cani e Fede Cartabia (este último asubiado en Riazor), o Dépor non atopou a fórmula para pechar o partido. Foi xusto ó revés. Co 1-0, o Dépor botouse arriba. Sacou un dianteiro máis, para maior gloria, e atacaba con tres puntas. Ataques sen coidar da hortiña. Os erros, outra vez os erros, mataron ó Dépor. Primeiro un balón perdido no centro do campo sen marcar de preto ós rivais. Un pase de Momo colleu a todo equipo nas verzas e Manu en semifallo rematou o desastre. Pero esa non foi a peor. O segundo gol foi do máis absurdo. Un balón cedido cara atrás, sen perigo e que ben puido deixar saír pola banda, pero Navarro preferiu xogalo e cedela nun pase complicado ó porteiro Manu con tal potencia que finalmente foi córner. E completouse o naufraxio. Centro desde a banda, a bóla cae para un centro de Aythami e gol de David García, que estaba só. Logo chegaron as présas. Un balón á madeira de Lucas e a seguir, terceiro das Palmas.

O equipo de Setién leva semanas demostrando que xoga o fútbol. Que sabe xogar. Que toma isto do fútbol en serio. Leva seis vitorias nos últimos sete partidos. Setién resucitou este equipo, que estaba morto nas mans de Paco Herrera. Incrible Setién. Xa o demostrou en Galicia co Lugo. Que gran adestrador! 

O Dépor no ciclo de Víctor Sánchez del Amo á fronte leva 21 empates, 11 derrotas e 8 vitorias

O Dépor leva só un partido gañado en todo o ano 2016. Só un partido. Incapaces de ofrecer unha segunda vitoria consecutiva na casa en toda a temporada. Este partido coas Palmas era o propicio para a salvación case matemática, pero arriscar ten o seu prezo. Hai nove puntos de colchón para non precipitarse ó baleiro. Gracias que os rivais tamén fallan. 

Víctor Sánchez del Amo fai agora xusto un ano que chegou a Riazor. Coa derrota onte ante o cadro de Setién, o Dépor no ciclo de Víctor Sánchez del Amo á fronte leva 21 empates, 11 derrotas e 8 vitorias. Este ano 2016, o seu equipo só gañou un partido. Só conseguiu gañar a un dos colistas da tempada, o Levante. E nesta segunda quenda, o Dépor xa suma unha derrota máis que na primeira. Os números, visto o visto, sempre se poden mellorar.    

Comentarios