Opinión

Incapaz, de incapacidade

Chegados a este punto pouco hai que dicir. O Deportivo meteuse el soíño neste problema. Poñer tantos panos quentes e non recoñecer desde o principio que hai un problema de perda de identidade acaba pasando factura. E si, o Deportivo ten un problema moi importante. Está perdido. Non sabe a que xoga. E hai algo peor: é incapaz. Pero incapaz non porque non consegue un resultado positivo, senon incapaz por incapacidade colectiva. Comezando polo técnico.

Todos os implicados no descenso, cando estaban en situación de descenso pasaron por Riazor e resucitaron. Só un segue penando pola clasificación: o Levante. O Raio, tamén implicado no descenso, empatou en Riazor e, de momento, está salvado. 

Incapaz non porque non consegue un resultado positivo, senon incapaz por incapacidade colectiva. Comezando polo técnico

O equipo de Víctor vén dando sinais moi preocupantes desde hai meses. O seu esquema colapsou cando empezou a remexer nel. Os xogadores perderon a confianza e a eficacia, que é o peor. Ante o Xetafe, Sidnei e Arribas (unha defensa sobria na primeira volta) pareceron dous xeados postos ó sol. Borges estivo torpe coas faltas e deixou o equipo con dez no peor momento. Foi a sentenza. Víctor tampouco tivo reflexos para acompañar a Mosquera con Álex Bergantiños trala expulsión do tico. Ao non facelo o equipo pareceu un queixo de gruyere. De que serve sacar só dianteiros á desesperada? O Xetafe deuse conta a impotencia do cadro herculino 
 
Cargarán as tintas contra Manu, pero, curiosamente, foi un dos poucos que estivo máis atinado do encontro. Pero non pode facer milagres. Non é Lux. E iso que fixo unha parada a boca de xerro que evitou o segundo gol moito antes de que chegase. 

Os datos non menten. O equipo foi incapaz de acabar un partido sen goles nos últimos 19 encontros. En 20 partidos, o Dépor só gañou un partido. Se este luns gañase o Levante, que o dubido, os coruñeses serán o equipo con menos vitorias de categoría. En todo caso, xa son xunto co Levante o equipo que menos gaña da categoría.

Este grupo ten que ser capaz de conseguir cando menos o que mellor sabe facer: empatar un partido máis. Villarreal é unha final. Si ou si

Díxose se o Dépor deste ano non sería o Eibar do ano pasado. Pois o Eibar, a temporada pasada gañou 9 partidos. Tamén é certo que os vascos perderon 21 partidos. O Dépor xa vai por 11 derrotas, a falta de dúas xornadas. Non parecen moitas derrotas, de feito, só Barcelona, Atlético de Madrid, Real Madrid e Villarreal perderon menos partidos que os herculinos. Pero que derrotas! Xusto cos equipos implicados no descenso, perdendo incluso o gol-average.

Vendo o equipo morto como se viu en Riazor ante o Xetafe, impotente, sen ideas, brando, sen gol só quedan dúas posibles solucións: un motivador discurso ou adestrador que sexa quen de facer valer o partido de Vilarreal. Este grupo ten que ser capaz de conseguir cando menos o que mellor sabe facer: empatar un partido máis. Villarreal é unha final. Si ou si. E as finais hai que gañalas ou xogalas como se se gañaran. A outra solución que queda é dirixirse á divina providencia esperando que os equipos que están por baixo do Deportivo esvaren nos seus partidos. 

Pero coidado con fiarse coa divina providencia. Hai moitas interferencias. Hai moito demo solto!     

Comentarios