Opinión

Inadmisible falta de respecto!

Poñerse de vacacións é unha actitude que non está permitida no fútbol de alta competición. Sobre todo porque os obxectivos aínda non están matematicamente conseguidos e por riba porque quedan moitos partidos de Liga. Vale tanto, economicamente, unha entrada de fútbol na xornada un que na xornada trinta e tres. Por iso, xogar á nada, non facer nada de nada, é unha absoluta vergoña, aínda que sexa fóra de casa. Iso dá igual. O partido feito polo homes de Mel, e non é o primeiro desta temporada, nin da xeira co novo técnico, é, simplemente, impresentable.  
 
Hai unha razón fundamental, que está por encima de todo, para ser tan duro coa crítica. O respecto ós afeccionados. Porque ás veces convén lembrar aos xogadores e tamén ao técnico por se non o teñen claro ou non se lembran suficientemente na caseta, que o público segue a comprar entradas para ir a un estadio de fútbol a ver espectáculo. Hai moita xente que colle un coche e fai unha morea de quilómetros polo seu equipo e espera del que se comporte e lle corresponda no esforzo. Non se esixe que fagan de globetrotter, nin moito menos, pero si que se pide un equipo mínimamente competitivo. 

Poñerse de vacacións é unha actitude que non está permitida no fútbol de alta competición. Sobre todo porque os obxectivos aínda non están matematicamente conseguidos

Por que se non, a que vai ir o público a Riazor o próximo partido? Como se vende? Que se vende? Cal é a xustificación para «perder» o tempo da familia e ir a Riazor a ver un equipo que apenas ten ganas de competir? Porque esa é a sensación xeral que percibiron os que se molestaron en perder hora e media do seu tempo vendo o Dépor en San Sebastián. 

Os síntomas da semana xa non foron moi bos. Mel non ten a desculpa do tempo, porque tivo sete días para preparar o encontro. E tamén a motivación extra de tratar de dar a puntilla á Liga, sabendo xa da derrota do Granada e o empate do Sporting co Osasuna. Detalles como estar centrados na desculpa interna de vestiario de Joselu polos seus xestos tras o primeiro gol ante o Málaga, e posterior recriminación ó tecnico ó ser substituido, ao que hai que engadir a non desculpa de Joselu polos seus acenos ante os afeccionados, que era obrigada e debida, é unha mala xestión de vestiario. Tampouco foi acertado que Juanfran saíse públicamente facendo soar tambores de despedida. Son mostras de que o equipo, os xogadores, non estaban ó que tiñan que estar nin se estaba a preparar o partido coa mentalización coa que tiña que afrontarse. 

A salvación está case feita, certo, non parece que vaia haber perigo, pero obxectivamente non está feita. Por iso, a semana estivo horrorosamente traballada. No plano das declaracións e os xestos debidos e non saldados. O mal traballo semanal acabouse reflictindo sobre o terreo  de xogo. 

O único potable do Deportivo foron Lux, Álex Bergantiños, Borges e Luisinho. Os únicos que deron algo a cara. Pouco ou nada ofreceron os demais xogadores do equipo de Mel. As dúas bandas do Deportivo non foron realmente dos branco e azuis en ningún momento do encontro, a Real tivo dous carrís libres para penetrar en terreo branco e azul. A Real fixo o que lle deu a gana sen facer case nada. Porque o que máis desanima é que a Real Sociedade non fixo tampouco un grande esforzo, nin un partido moi superior ó do Dépor, o que apunta a desastrosa imaxe do equipo herculino en San Sebastián. Se Mel dixo despois do partido do Granada que o Deportivo sesteou media hora, como se lle chama ó que fixo en Anoeta?

O único potable do Deportivo foron Lux, Álex Bergantiños, Borges e Luisinho

En situacións de tranquilidade, sen o perigo do descenso á vista, con marxe suficiente, o Dépor está liberado das ataduras dos nervios para poder mostrar algo máis. Sobre todo porque é o momento para mostrar iso que din que tiña este equipo e que aínda non lle vimos despois de 33 partidos. A conclusión é que a temporada do Deportivo, deportivamente falando, aínda que se salve, que se salvará, é mala, horrorosa, difícil de dixerir. Porque está sendo unha tónica. Cando un equipo perde pero compite ten todas as desculpas. E non hai desculpa non só polo que fixo en Anoeta, noutros moitos partidos ademáis do de San Sebastián foi así tamén. A imaxe, o fútbol plantexado polo Dépor foi nulo en moitas ocasións, moi a conta pingas. Os números da clasificación son a mostra, non son un invento. Por iso, hai que concluír que o cadro de futbolistas non resultou. É moi mellorable. E hai que facer fincapé no compromiso, na intensidade, nas ganas de xogar, na actitude. Non é todo calidade. A xogadores que cobran unha media superior ós 400.000 euros se lles supón que están cualificados técnicamente. E seguramente o están. Pero o seu rendemento está moi lonxe da media deses salarios. Sobre todo, non se corresponde nin co esforzo que se fai desde a xestión do club para pagarlles, e, por suposto, co excelente compromiso que os seareiros demostran cada partido en Riazor. 

A permanencia está case, si, pero hai que certificala.

Comentarios