Opinión

Hora de reflexionar para cambiar

Vou comezar utilizando as contas que fago sempre. Se comparamos os mesmos partidos disputados na primeira volta cos que está a facer o Dépor, en canto a resultados, os números favorecen agora ós deportivistas. 

Vou comezar utilizando as contas que fago sempre. Se comparamos os mesmos partidos disputados na primeira volta cos que está a facer o Dépor, en canto a resultados, os números favorecen agora ós deportivistas. Na primeira volta, vitoria ante As Palmas e Sabadell, derrota co Córdoba, Murcia e Spórting. Na quenda de volta, o Dépor perdeu coas Palmas e Murcia, e gañou ó Córdoba e Sabadell e primeiro empate cos astures. É dicir, 6 puntos nos primeiros cinco partidos por 7 realizados nesta xeira. E ademáis, o cadro branco e azul é o menos goleado de toda a categoría. Segue a conservar con acerto a súa natureza de equipo case inexpugnable. Desde o punto de vista numérico, todo semella positivo. As cousas, numéricamente, incluso van mellor.

Pero, van mellor de verdade?

A estas alturas de temporada cabe esixir moito máis. Non me refiro aos resultados, que vistos en frío son tramposos e incluso bos. Pero que se fai para obter eses resultados? Sabemos a que xoga o Deportivo nas últimas semanas? Teñen claras as ideas os xogadores neste momento? Mellorou o equipo en algo da primeira á segunda volta? Axudan as incorporacións que foron benvidas e necesarias? Ten o control Fernando Vázquez da situación?

Lamentablemente hai que quitar panos quentes e chamar á revolución porque nin sabemos a que xoga o Dépor neste momento nin os xogadores andan coas ideas claras do que teñen que facer

Pois lamentablemente hai que quitar panos quentes e chamar á revolución porque a resposta é que non a todas elas. Nin sabemos a que xoga o Dépor neste momento. Nin os xogadores andan coas ideas claras do que teñen que facer. Nin se mellorou a imaxe do equipo, que comete todas as semanas os mesmos erros unha e outra vez. Nin as fichaxes de inverno están sendo o aporte a solidez organizativa deste equipo. E, por suposto, hai que mirar cara o banco técnico para esixir máis control de todas estas cousas.

Pode parecer unha visión tremendista e negativa das cousas pero non o é. Polo menos, non o fago con esa intención. É unha lectura de que os partidos, as xornadas serven para aprender, rectificar e mellorar. O equipo coruñés comete os mesmos erros unha e outra vez. Cóstalle un mundo xogar co marcador en contra. Perde eficacia ante a portería, simplemente porque nin intenta disparar á porta. Disparou por primeira vez á portería de Cuéllar, entre os tres paos, no minuto 75. E ten que resolver as situacións complicadas a base de impulsos desesperados.

Outra vez o maldito balón parado xoga en contra do Dépor. Cantas xogadas a balón parado fan falta encaixar para darse de conta que aí hai un serio problema que hai que arranxar? Como é posible que a estas alturas o equipo siga sufrindo o coste deste tipo de xogadas? Que é o que se adestra durante a semana para frear esta sangría?

E no senso contrario. Tampouco sabe o equipo sacarlle partido ás xogadas a prol, nas faltas e penaltis. Se o cadro técnico trae a Rabello para disparar faltas terá que ser o home que se  encargue de sacar as faltas e, porque non, os penaltis tamén. Suponse que é un bo tirador. Pero suponse só, porque en realidade, aínda non se viu se vale para estes menesteres. E Vázquez trouxo a este xogador con esa misión. Ou iso se di.

O equipo sae ben posicionado, ten un debuxo máis ou menos claro. Pero nas últimas semanas o que nos atopamos á hora da verdade un equipo descompensado, desaxustado, inconexo, ó que lle costa un mundo construir na zona ofensiva do terreo de xogo. O Dépor ten máis pelota, pero non sabe estar con ela e perdea tamén con moita facilidade. 

Que Juan Domínguez estea baixo de forma neste momento é un pesadelo para o equipo porque sen o canteirán os deportivistas están sen dirección e o equipo convértese nun fato de inocentes correteando polo campo como polos sen cabeza.

O equipo xoga andando, sen esforzarse. Ten moitas imprecisións en defensa, onde antes non as tiña

Tampouco está fino Fernando Vázquez cos trocos. Non aportan prácticamente solucións. Produce moi poucos efectos positivos sobre o terreo de xogo. Os cambios deben revolucionar un encontro, sobre todo, se o equipo precisa remontar. 

O equipo xoga andando, sen esforzarse. Ten moitas imprecisións en defensa, onde antes non as tiña. Marchena non estivo case nada atinado ante o Spórting. 

Xogar contra o marcador está sendo outro gran problema. Cando o Dépor encaixa o partido empínase e vólvese costeiro. Imposible remontar. Como moito sálvase un punto. Onte volveu pasar co Spórting e sucedeu tamén co Zaragoza e o Numancia en Riazor. 

Comeza a hora da verdade. Algúns equipos apretan. Aí está o Recre e o Spórting de Xixón e o Eibar amosando cales son as súas intencións. A cabeza está nun puño e calquera mínimo erro, calquera despiste, estúpido, fai que un quede descabezado do taboleiro de marcas. 

O Dépor salvou polos pelos, in extremis, un partido moi importante, pero perdeu o galaveraxe cos asturianos no caso dun empate para dirimir quen ascende directamente. 

E xa non hai vantaxe que xestionar. Agora hai que ir tirando co día a día. Por iso, a situación é de urxencia. Este equipo ten que abrir os ollos dunha vez. Ir cara abaixo custa pouco e vai demasiado rápido. A reacción é unha obriga antes de que sexa demasiado tarde para darse de conta. 

Comentarios