Opinión

Gafados ou disléxicos

O Dépor non sabe acabar ben os partidos. Ten un déficit de atención gravísimo. Os trucos realizados tampouco melloran a situación. Non sirven para deixar atado o que semellaba atado. O equipo, cando lle quedan poucos minutos para chegar ó final do encontro, vólvese disléxico. O diccionario da Real Academia Galega define a dislexia como «a incapacidade ou dificultade para ler por non asociar os signos gráficos cos conceptos correspondentes». Substitúan a palabra «gráficos» por «do partido» e os «conceptos» por «xogadores». O resultado é que o Dépor sofre unha nova remontada. No que vai de Liga son cinco as remontadas.  

Son moitas as veces que se repite este senfin que para o afeccionado resulta desesperante. As estatísticas non axudan. Poderíanse achacar ata 8 puntos os que perderon nos últimos dez minutos de xogo. O equipo de Garitano non gañou nin un só partido fóra da casa. Todo isto consegue contaxiar un gran desánimo. Xunto co Dépor, só Granada (cun partido por xogar este luns) e o Málaga son incapaces de sumar tres puntos lonxe dos seus campos.

Poderíanse achacar ata 8 puntos os que perderon nos últimos dez minutos de xogo. O equipo de Garitano non gañou nin un só partido fóra da casa

O equipo coruñés fixo un partido bastante correcto case todo o tempo. A defensa foi de novo sólida. Moi atenta na maioría das accións. Anticipándose sempre, cortando eficazmente cada embestida bilbaína. Case de sobresaínte. Ofensivamente, sempre dous homes principais: Andone e Çolak. O dianteiro, incansable, peleón, presente, buscando o gol. Dándoo todo. O turco demostrando unha vez máis que é o xogador con máis talento entre os branco e azuis. O único capaz de inventarse algo inesperado. Un pase filtrado eléctrico, unha carreira veloz co balón pegado e desbordando os defensas que lle saen ó paso, unha xogada enxeñosa. Ten un problema. Que o seu xenio tamén se esgota. Chega os minutos finais sen batería. Non é o caso de Andone. Pero Garitano protexe o seu dianteiro. É sempre un dos homes substituídos, a piñón fixo.

Kakuta, o francés, xogou pouco tempo con corrección. Fundiuse moi cedo na segunda metade e houbo que substituílo por Ola John. Non lle chegaban os folgos, nin as ideas. O holandés, tamén se atopa moi collido polos pelos. Físicamente fondón. Como pasou con Babel. A cuestión é se caerá a mesma breva co segundo tulipán que trouxo este mercado de recambios ó que teñen que acudir os branco e azuis. Sería demasiada casualidade. Pero haberá que darlle tempo. Carles Gil tivo algunha acción acertada, pero non estivo tan lucido como outras veces.   

Tamén preocupa o baixo rendemento, e sobre todo de eficacia goleadora, de Joselu

Tamén preocupa o baixo rendemento, e sobre todo de eficacia goleadora, de Joselu. O rapaz de Silleda non parece estar cómodo coa situación actual. Certo é que non lle chegan moitos balóns. Que nos minutos que xoga Joselu atópase cunhas axudas por bandas ás veces moi lentas e imprecisas, e iso inflúe. Cando xogou con Andone, Joselu tampouco semellaba combinar ben en parella. Isto é un problema para o Dépor porque se atopa cun serio problema ante o gol. A seca é perigosa porque a táboa por abaixo vaise xuntando. 

O deseño da temporada estaba preparado para non pasar apuros. Pero as cifras non axudan. A rabia é maior porque o equipo non é totalmente decepcionante, pero si insuficiente. É compacto defensivamente na maior parte do tempo. Non é un equipo tímido. Ofrécese en ataque. Non fai tolerías. Non vive colgado do pau da súa portería. As pezas son as que son, pero teñen un deficiente estado de concentración e falta de contundencia nos momentos clave. A secretaría técnica pensa que hai equipo para estar máis cerca do dez que do dezasete. A realidade é teimuda e o equipo navega entre augas turbias. E non parece que o décimo posto sexa unha realidade. Mais ben, cada vez se ve máis preto a cola vermella da clasificación. 

O Dépor precisa mudar de resultados. Saír do estado gafado no que se atopa. Preparar mellor os finais. Conservar o resultado sen relaxarse. Manexando con intelixencia o encontro. Ten que aprender a dosificarse, non pode ser que se caia físicamente como parece. E os trocos teñen que servir para aportar beneficios ó grupo e ó marcador final. Para baixar o nivel que presentaba o equipo -tanto nas ideas como no físico-, mellor non facer nada e continuar con todo como estaba. Principalmente con Adonde no campo ata esgotar os noventa minutos. Cantos menos riscos mellor. E como sempre se soe dicir, cos mellores no campo ata que todo remate, porque ata o rabo todo é touro. 

Comentarios