Opinión

Folgar un domingo en Riazor

Pouco, moi pouco destacable do partido. Só a vitoria e que, por fin, marcou Luís Fernández, o canteirán deportivista

Pouco, moi pouco destacable do partido. Só a vitoria e que, por fin, marcou Luís Fernández, o canteirán deportivista. Xa daba a impresión de que había que acudir ao bote do vips vaporub (perdoen a publicidade de emprazamento deste comentario de opinión, pero hoxe vai patrocinado) para abrirlle os pulmóns antes de saír ao terreo de xogo para axudarlle a cheirar un gol. Pero xa dixo Lendoiro ao rematar o encontro que non se lle pode esixir máis da conta aos rapaces, así que loubemos o gol do canteirán co Deportivo despois de 235 minutos disputados na Segunda División. É o seu primeiro gol en Segunda e ben merece un cartón amarelo para celebralo. Co gol de Luís -en tempo engadido- desapareceron os temores dun posible empate.

Antes diso, a película de Riazor podería responder ao guión de “Los lunes al sol”. Vamos que traballar, traballar, os protagonistas non traballaron moito. Un golazo de Carlos Marchena e unha expulsión dun xogador do Castela son case o único destacable. A raíz da expulsión, o partido botou o cancelo. No medio de todo isto vin como abanaban un bebé no colo de menos de seis meses -que frío facía para levar un neno tan pequeno ao fútbol!-, consultar nun móbil os resultados dos partidos da Terceira galega, ou afinar o oído para escoitar os cánticos dos Riazor Blues, xa que desde Tribuna son imperceptibles cando se saen do guión prestablecido...

Ás veces dá a impresión que os espectadores que asistimos a Riazor vemos o fútbol co retardo propio dun sinal de televisión por satélite

Volvendo ao fútbol, hai que aledarse de ver a Marchena en forma. O golazo de chilena pola escadra da portería merengue foi antolóxico. Digno dun campión de Europa e do mundo! Ou é que non nos acordamos dos tremendos galóns deste fantástico central? Seguir a Marchena nun partido é xenial porque un se da conta do pequena que se lle queda a categoría. Xoga cunha calma pasmosa. Semella que se ten o balón non vai pasar nada, que está seguro baixo a súa custodia. E sobre todo é máis seguro aínda con ese fútbol a ralentí ao que xoga o Dépor. Si, porque ás veces dá a impresión que os espectadores que asistimos a Riazor vemos o fútbol co retardo propio dun sinal de televisión por satélite. É dicir, agora vén o baaaalóóóón polo arrrr....., chegaaaaaaa aaaaaoooooo peitooooooo de Marchenaaaaaaa, queeeeee baixaaaaaa o coooooiro aaaoooo céspede e... acaba de esmagar unha xoaniña que pasaba por alí..... Perdón, xa volvo ao fútbol. Fútbol. Fútbol. Ah, si, fútbol. Uhmmm....

Canto tempo dos 90 minutos xogaron realmente? Bah! É o mesmo. O Dépor gañou, non...? Pois, que máis queremos? Tres puntos máis e a dar caza ao Lugo, que ninguén o toma en serio!

Por certo, para os nostálxicos e amantes das estatísticas. Hai cousas que non mudan en Riazor, e para ben. O Dépor segue dándolle duro ao Real Madrid, aínda que sexa ao equipo B. Pobre Florentino Pérez. Vai acabar fichando a Lendoiro para que mude a marca.

Comentarios