Opinión

Factura custosa a domicilio

Susto, gran susto o que nos deixou esta xornada a tremenda imaxe do xeonllo retorcido de Germán Lux.

Susto, gran susto o que nos deixou esta xornada a tremenda imaxe do xeonllo retorcido de Germán Lux. Non semella que as probas traian boas novas e iso abre un novo problema para o equipo. A catro días para pecharse o mercado das fichaxes invernais hai que buscar porteiro se se confirman as peores sensacións. Pero, malia o tempo que poida quedar para reemprazar unha peza difícil de substituír, a análise que hai que facerse co Poroto é outra: cantos puntos salvou a este Depor? Cantas paradas de mérito fixo este porteiro ao que lle falla toda a sorte do mundo? Cantos artigos escritos aquí sempre loubando a Lux polas súas fantásticas intervencións? Vamos, que atopar substituto sempre é posible, pero para substituír o mellor porteiro da categoría con diferenza a tarefa que se encomenda non é materia de bo gusto.

Haberá que aceptar con rabia a lesión, se se confirma algo grave como semella. Queda a esperanza de que o xogador chegou á Coruña cun certo sorriso e tranquilo. Pode ser un bo sinal ou un espellismo? Sexa como sexa, desde xa hai que traballar co equipo para manter o mesmo nivel de imbatibilidade que mantivo toda a primeira volta. Fabricio estivo moi ben, malia collerlle a responsabilidade en frío. Mentres, chapeu para o gardameta reserva!

Marchena, Manuel Pablo e Lux

E menudo mes que leva Fernando Vázquez. Marchena primeiro, logo Manuel Pablo e agora Lux. Tres mancados de alcance en tres semanas. E por riba, tres homes veteranos, xusto o que escasea no Deportivo e o que máis se precisa nunha categoría tan dura e complicada coma esta. A isto se suman os lóxicos nervios dun novo equipo xestor, que xa ten bastantes cargas que levantar sen ter que coller novos pesos pesados. Axudou moito a alixeirar a carga o gol de Bastón.

Non sei se foi a carraxe polo infortunio, pero na segunda metade os homes de Fernando, con algún pico baixo, botáronlle peito ao partido. Tiveron máis control da situación que o Córdoba e buscaron con máis esforzo e acerto a portería. Cando Salomão fixo acto de presenza no Nuevo Arcángel veu a luz. O Dépor foi máis perigoso. Chegou máis. E atopou máis opcións para probar sorte co disparo a porta. Hai que engadir o excepcional estado de Luisinho. A banda esquerda do Dépor arestora é unha das mellores, se non a mellor, da categoría, aínda que o interior luso xogara pola dereita no seu regreso.

Na segunda metade os homes de Fernando, con algún pico baixo, botáronlle peito ao partido

Se non fose polo porteiro do Córdoba, Saizar, o encontro puido acabar con 0-3. Resultou descorazonador. Sacou coa punta das luvas dous goles que lle entraban pola escadra moi ben lanzados polos deportivistas. Ao final, unha filigrana de Luisinho con asistencia para Bastón, que recibiu todo o traballo feito, devolveu o Dépor pola senda da vitoria que tanto precisaba. Tres puntos que valen de novo a recuperación do liderado.

Esta vitoria compensa a inxusta derrota co Las Palmas e recupera a suma dos puntos que obtivo o equipo coruñés nas dúas primeiras xornadas da primeira volta.

Así é a Segunda. Un vai e ven. Qué sorte para o Dépor que sexa así, de momento.

Comentarios