Opinión

Era visto!

Quen lea habitualmente esta columna non estará sorprendido coa derrota do Dépor ante o Raio Majadahonda. Un bo lector deste xornal, seguidor destas liñas, amigo e veciño, dicíame camiño do estadio de Riazor que estaba “confiante” para este partido. Eu mostreille o meu pensamento  contrario. As razóns xa estaban expresadas. 

O asunto é que o Dépor leva máis de dous meses amosando preocupantes síntomas de esgotamento. Unha perda de gas abraiante. Cada semana que pasaba o Dépor era menos Dépor. Falta de liderado en ataque e no centro do campo, un técnico que xa non convencía á tropa e que enraizara un claro episodio depresivo. O mal está instalado hai excesivo tempo, pero o temor a aplicar unha cirurxía alargou a agonía do que se vía vir a leguas. 

Cónstame que diso se deron conta na cúpula directiva hai tempo, pero Carmelo del Pozo parou todos os arrebatos e freou unha decisión que estaba cantada. Realmente, a destitución de Natxo chega tarde. A Carmelo cáeselle o escudo protector. Có despido de Natxo, Carmelo queda ó descuberto sobre a xestión realizada co cadro de futbolistas que confeccionou, pero, sobre todo, pola pouca cintura que amosou co mercado invernal para tapar algún furados que estaban abríndose desde decembro, como a marcha de Carles Gil ou a lesión de Carlos Fernández. 

Dani Giménez, con alma de líder, pero moi lonxe de onde se poden tomar decisións sobre o terreo de xogo, dixo en zona mixta á pregunta de se continuaría o mister que “algo hai que facer”. Iso, os panos brancos, os apupos contra a directiva eran unha mestura que Carmelo del Pozo non podía defender. Malia todo, tratou de facer a última defensa para parar o impulso da destitución inmediata, sabiendo que realmente xa era unha situación inevitable. Se Carmelo seguía defendendo o indefendible… a cabeza a cortar sería a do director deportivo, para logo, salvado o atranco, dar finiquito a Natxo.

Natxo perdeu en inverno a boa colleita da primeira quenda. Entraron as dúbidas, os cambios de sistema e con eles a perda na confianza e da confianza no xogo e nas ordes técnicas. Logo, xogadores que ían de ida e volta do equipo titular á bancada. Perdeu as referencias de homes da casa, como Mosquera. E no medio de tanto disparate, unha infinidade de ocasións erradas, cuxos efectos non foron peores gracias ás excelentes actuacións do gardameta branco e azul. 

O partido ante o Raio foi un espello deses disparates, principalmente, do descontrol do adestrador sobre o equipo. Volveu a tirar do rombo cun teórico once de bos xogadores sobre o papel, pero deixando na bancada, non no banco técnico, a homes como Mosquera, Cartabia e Álex Bergantiños. Valle quedou no banco. No rombo, o eterno problema que tivo sempre o técnico vasco coa elección dos homes e dos postos onde tiñan que ser colocados. Volveu ter lagoas de funcionalidade e de funcionamento. Por exemplo, Nahuel de media punta. Nunca tivo un once claro. Nunca escolleu ós seus once favoritos. E para terlle tanta fe a un sistema, como é no caso de Natxo, o certo é que non lle deu a rendibilidade esixida, polas súas dúbidas, tantos cambios realizados, e por cómo montou ese rombo.

Si, porque diso vai que falar. De esixencia. Tamén se escribiu por aquí, ó inicio desta temporada, que as mensaxes que se lanzaron, tanto desde a dirección deportiva como desde o propio adestrador, tiñan unha preocupante carga de timidez. O técnico nunca estivo realmente convencido de que podía coa situación e que levaría ó equipo á Primeira División. 

Pero do desastre da segunda quenda non se poden librar tampouco os futbolistas. Moitos, por unha baixa forma alarmante, porque foron perdendo o fútbol que saben facer -algo que recoñecen eles mesmos-, e a incríble perda de oportunidades falladas -incluso baixo paus- e por non atopar un líder que levase o peso nos peores momentos.

O Dépor só xogou dez minutos ante o Raio. O resto do partido, desapareceu. Cos goles, baixou os brazos. A sensación de impotencia é desoladora porque aínda quedan moitos partidos para engancharse ós obxectivos. As sensacións non son boas, pero co cambio de técnico hai que ver se esas sensacións mudan e se pode activarse unha dinámica positiva. 

Agora chega Josep Luis Martí. Un técnico que non traerá un fútbol moi brillante, con moi pouca experiencia como adestrador, pero con catro ideas moi claras e sen facer inventos. Din que como futbolista era un gran motivador e un gran capitán. Moi respectado nos vestiarios. Ten un reto moi complicado. Hereda un equipo roto, cheo de dúbidas e que necesita atoparse interiormente. Recuperar a credibilidade e a psicoloxía como grupo é o primeiro e, a seguir, recuperar un bo nivel de xogo e vitorias. A Marí váiselle esixir ó ascenso. Probablemente, será tarde pedirlle o ascenso directo, pero terá que buscar a forma de conseguilo na promoción, se non é quen de dar alcance ó Granada ou a Osasuna, o próximo rival herculino. 

Comentarios