Opinión

O equipo céltico 

Será porque está moi extendida a orixe e a conexión galega coa cultura celta, ou porque nalgunha viaxe a Coruña turistearían polas fantásticas excursións de Suso Martínez imbuido na personaxe de Mil, neto do rei céltico Breogán, sobriño de Ith, ou porque como todo o mundo sabe A Coruña é Brigantia, ou quizáis tamén sexa porque por Madrid -en realidade Barcelona donde está a sede das retransmisións deportivas do fútbol de hoxe- caeu por algures o díscolo -como dirían Os da Ría- “Extra Mundi” de Luar na Lubre, onde Bieito Romero e o seu grupo investigan e musicalizan as misteriosas historias, cantigas e escritos que deixaron os celtas en Galicia… ou, o mellor, por unha mestura de todo o anterior. O caso é que o narrador do Espanyol-Deportivo, Josep Lluis Merlos, tivo unha probable perturbación no jerolo porque o jicho confundiu durante dúas horas ó equipo da cidade herculina, que estaba a xogar contra o cadro españolista. Cabe tamén a teoría dunha sobredose, froito de fumar paquetes e paquetes de Celtas sen filtro. Menos mal que o simpar lingoreteiro non foi máis aló no seu ridículo, e mentres repetía o seu indocumentado lapsus lingüe, non lle deu por xogar cos xentilicios e, para non repetir céltico, non pasou a tirar de “equipo olívico”. Por certo, Vigo, outrora gran capital das olivas de España, debe o seu título como cidade olívica ós romanos que foron os que introduciron a cultura do olivo en Galicia, ata que os Reis Católicos decidiron centralizar a produción do aceite e pasar a “desbrozadora” por canto olivo había nas terras galegas, acabando daquela coa súa próspera economía gracias a este singular e tan saudable árbore. En fin, sería ben que alguén informe o “puril” narrador futbolístico que se quedou ancorado no pasado, e tamén un pouco “desnortado”, e convén que repase o libreto da Liga Marca, que no da toponimia e os sinónimos futbolísticos anda máis actualizado, malia a súa “centralidade” galáctica. 

Non foi o único que me chocou da retransmisión deste partido. Porque antes de comezar puidemos ver rotulado en pantalla, supoño que para para os catalanofalantes, que podían escoller entre dúas emisoras de radio catalanas -RAC1 e ComRadio- para seguir a narración do conto balompédico. De escoitar o encontro en galego, nin rastro. E iso que desde hai un mes xa non hai que andar buscando no dial a Radio Galega Música porque agora, por fin, o fútbol de Primeira División tamén está na programación da canle principal da primeira emisora galega na voz do gran Xavi Torres.

Xa vimos na Copa que o Dépor de xaneiro non era o de decembro, nin vai ser. Garitano ten que buscar novas fórmulas para atopar de novo un fútbol coherente entre defensa e ataque, a poder ser con gol. Na primeira metade do encontro viuse que só a defensa cumpría. Nesa parcela o narrador ben se puidera dar de conta de que o equipo que estaba vendo non era o céltico, que no de defender anda máis xusto. Seguindo o mesmo criterio, otra pista para non insistir no de equipo céltico era ver que o Dépor en ataque non furula, xusto o contrario que o equipo orixinal -no de ser céltico digo-, que aí si anda ben, pero que moi ben.

O equipo “brigantino”, como caracteriza a histórica caste dos celtas, foi guerrilleiro, ás veces duro, porque os periquiños máis que andar voando polo campo se despregaban por Cornellá a base de Guilherme zascas e golpes. O Dépor non lle andou a zaga no de poñer a contenda igualada. Claro que levou a peor parte, porque antes do final do partido perdeu un home no camiño, inxustamente a xulgar polo primeiro cartón amosado. Garitano insiste con Bruno Gama -hai cousas que non mudan nin que cambiemos de ano-, que desta vez como novidade, xogou pola esquerda. Sorprende. Porque para fozar con perigo por este carreiro ten, por exemplo, a Luisinho. Estivo ben Tyton para evitar algunha que outra situación realmente perigosa e Andone que é un gladiador vestido de branco e azul. 

Sentou ben o descanso, porque no segundo tempo atoparon a maneira de marear ó “papagaio”. O “cetreiro" foi Borges. Primeiro deu un aviso acertando co pao. Despois, aproveitando un saque desde o curruncho, elevouse a un lugar seguro para rematar a gol. Borges leva cinco goles case tantos como o máximo goleador do equipo, Andone con seis tantos. A temporada do tico é para enmarcar, sobre todo agora que ten a Guillerme apuntalando o seu traballo. O que non estaba previsto no guión é que o único que nunca erra nesde equipo, Sidnei, en mala hora foi pisar un balón que o derribou como se o esférico fose unha pel de plátano. E de aí ao gol, un paso, porque Gerard estaba ó seu par.

Pasou algún apuro o equipo coruñés, pero conseguiu defender un puntiño para seguir acumulando, a contapingas, a suma que asegure a permanencia e, xa que logo, outros 42 millóns de euros ó zurrón. Nunca estivo tan cotizado o empate. A este paso, vai valer máis un empate que unha vitoria nas casas de apostas. E todo, gracias ós equipos do furgón de cola da Liga que levan a marcha do descarrilamento. E vaia… se o han lamentar.

Comentarios