Opinión

Equipo BB+

Un golpe de fortuna. Esa é a distancia que hai entre os tres puntos que mereceu o Deportivo e o punto definitivo, froito do empate a cero. Andone e Joselu puideron marcar nas dúas únicas ocasións do partido. O Villarreal nin o intentou. Non tirou unha soa vez a porta.

Segue habendo diferenzas, e estas son insalvables, entre o equipo que dispuña Garitano no mes de decembro e o do mes de xaneiro. O técnico tivo que ir adaptándose, e facer remendos por aquí e por alá ata dar con seu equipo AAA -triple A-, como se diría no argot financeiro. Cando xa o tiña, o seu equipo volveu descoserse coa lesión de Carles Gil e a espantada de Ryan Babel que foi tralas liras turcas. Para o Dépor foi como se lle tocaran o violón. Só coa perda desas dúas pezas, a solvencia do equipo en ataque baixou moitos enteiros. A Garitano tócalle seguir sacando a agulla de xastre e continuar zurcindo remendos. 

Con todo, o Dépor tivo dúas oportunidades decisivas para desequilibrar. Non acusou nesas accións falta de calidade, máis ben de sorte. A de Andone, unha chilena espectacular, foi o pau -a segunda que se lle vai á madeira esta temporada-; a de Joselu, un testarazo xenial que non foi gol só pola brillante parada de Asenjo que acertou coa traxectoria do balón nun escorzo imposible.

O equipo herculino foi serio. Toca ben, manexa ben o encontro, controla os tempos, non se pon nada nervioso

O partido foi entretido. Mantivo ben o suspense. Sempre houbo a sensación de que se tiña que haber algún gol sería do lado deportivista. O equipo herculino foi serio. Toca ben, manexa ben o encontro, controla os tempos, non se pon nada nervioso. Nese sentido si hai un Dépor moi distinto entre o que comezou a manexar Garitano en agosto e o actual. Atopou a maneira de darlle creto ó equipo. Tardou tempo en encontralo ou en dar pasos máis firmes e contundentes. 

Garitano ten armado o equipo defensivamente. Semella ademáis que se dá conta de que non hai volta atrás co centro do campo. Borges está imperial con Guilherme ó seu carón. O brasileiro dálle moita tranquilidade ó internacional tico. O centrocampista brasileño ten unha gran calidade e achega moita orde á columna vertebral do equipo. A parte que volver fallar está na construcción do ataque. Marlos non segue a evolución positiva do resto de futbolistas. Non acerta nas decisións que toma, está lento, non desborda e apenas ofrece asistencias perigosas. Çolak está só nesa parcela e o turco non o pode facer todo. De aí que a conexión con Andone teña intermitencias e lle coste máis ofrecerse para conectar un pase en condicións que lle permita golear.

A esperanza do Dépor está agora en Kakuta e Ola John. Os dous veñen para remendar o descosido. Se funciona o zurcido, o equipo, na situación actual que non é outra que a de asegurar a permanencia, volverá a recuperar a solvencia da triple A.

Comentarios