Opinión

A dupla Lucas-Andone xa é rendible

Reflexionando sobre o partido do Deportivo [vitoria 2-1 este domingo pasado en Riazor contra o Getafe] emerxe un dato positivo. Que o equipo de Pepe Mel foi capaz de remontar un partido que afrontou, como case sempre, co marcador en contra. Tendo en conta como foi a semana previa ó partido, co técnico semidestituído, a remontada servirá só para unha cousa: salvar a cabeza do técnico, que xa estaba pendurada dun pau de camiño a Riazor. 

A Mel só lle salvaba unha vitoria, e non unha vitoria calquera. Tiña que ter certa épica. A remontada foi a táboa de salvación do adestrador. Serviulle para conseguir 15 días máis dirixindo ó seu equipo. Pero a desconfianza segue presente.

Non houbo moitos trocos en canto a xogadores. Repetiron os mesmos salvo Arribas que deixou o seu sitio a Sidnei, após semanas de castigo. Ese once non aliñaba de inicio Andone. Lucas tivo que traballar sen compañía. Un excesivo desgaste para o coruñés que aínda está en proceso de coller a forma física. ademais de entender o sistema co que quere xogar. Enviarlle balóns a el só e deixarlle metros para que se escorne é un gravísimo erro que só conduce a desleixar ó futbolista.

Durante o partido viuse que a orde, desta vez, non era xogar ó pelotazo. O equipo estivo máis xunto, máis unido. O primeiro efecto de ter o equipo así foi observar o sacrificio dos futbolistas que desta vez si amosaron ter capacidade para xogar solidariamente. Sen facer guerras por conta dun. 

A nova foi que o Dépor acabou a primeira metade sen goles encaixados na primeira metade. Manter a porta a cero é un reto que semella misión imposible. A ledicia durou pouco porque nos primeiros minutos despois dos quince de descanso chegou o gol do Xetafe. A vantaxe do equipo madrileño non fixo xustiza ó visto. Porque o Dépor, sen estar billante, foi superior. Se os locais non foron por diante no taboleiro de marcas foi porque o Xetafe ten un porteiro de verdade, non como o cadro de Mel. Guaita converteuse nun auténtico heroe en Riazor. Chapouno todo ata o gol do Xetafe. Sacou unha dobre parada espectacular. Na primeira xornada de Liga, Mel dixo ó remate do encontro que a diferença estaba nas áreas. Dicíao pola calidade dos dianteiros. Pero onde realmente hai diferenza é na portería. Os herculinos non teñen un porteiro de nivel para a Primeira División. Tíñano o inicio do verán con Lux, e deixáronno ir. Un fracaso tremendo. Para o nadal urxe pedir un porteiro, aínda que se recupere Rubén. 

Se os locais non foron por diante no taboleiro de marcas foi porque o Xetafe ten un porteiro de verdade, non como o cadro de Mel

 

Aínda que o Dépor tivo más iniciativa, porque mandou máis sobre o terreo de xogo, o equipo non xogou con excesiva alegría. Custoulle moito entrar no partido, con demasiado nerviosismo e con repetidas imprecisións.

O Dépor reconstruíu o partido a base de individualidades e mediante un inspiradísimo Cartabia. Çolak apenas apareceu porque o técnico madrileño ordenou poñer un can de presa sobre o turco todo o partido. Foille fiel e anulou o xogador con máis fantasía dos branco e azuis. Cartabia, con outra liberdade de movementos, puido crear perigo e disparar a porta con moita intención. Por fin conseguiu conectar un pase a Lucas e, nunha maxistral acción individual, resolveu a xogada para empatar. 

Chamou a atención que Mel, cando o equipo encaixou un gol, decidise deixar as cousas igual, sen facer ningún troco. Andone quecía na banda. Dez minutos despois de que recibise un gol ruborizante para a defensa e o porteiro, Mel moveu banco. Cando o rumano saíu, con Lucas de acompañante, e ben servido por Cartabia, resolveu o partido xustamente. 

A vitoria ten que servir para que o equipo gañe confianza e creer nas posibilidades propias. Pero segue a ter que pulir o seu xogo e as súas ideas.

Comentarios