Opinión

Doce nadal

Fai un ano que o Deportivo non acababa un partido oficial sen goles en contra. Por fin chegou ese día, 364 días despois. Ese dato ratifica que a progresión do equipo segue en alza. É un indicador máis da recuperación. Desde o partido do Sevilla, aínda que o Dépor perdese o encontro, o equipo comezou a súa fase de transformación. Atopou un modelo. De xogo. Pero ollo, tamén de xogadores. Non é unha cuestión menor. É a cuestión. 

Hai que poñer o acento sobre este punto, agora que chega o mercado de inverno. Á marxe das rumoroloxías sobre se vén tal ou cal, xa se verá, o que está sobre a mesa son dous nomes: Ryan Babel e Álex Bergantiños. O primeiro ten unha oferta de Turquía -o Besiktas- e semella, semella, que está máis aló que acó. Preocupante. Álex Bergantiños, que ante Osasuna nin sequera estivo no banquiño, ten ofertas para marchar. O canteirán é o xogador máis polivalente do equipo, o capitán, o máis sacrificado deste cadro de xogadores, e tamén está máis fóra ca dentro. Preocupante, outra vez.

Resolta a cuestión, poderemos saber cómo vai ser o mes de xaneiro, un mes que só terá un partido en Riazor. Nada máis e nada menos que vai ser contra o Vilarreal

Ryan Babel e Álex Bergantiños están máis fóra que dentro

É importante resolver este futuro inmediato que lle espera, porque o Dépor ten xa un once modelo. Un once onde a parte ofensiva do equipo funciona perfectamente. Nesa parte creativa  hai unha peza clave: Babel. Como din os seus compañeiros, o dianteiro "entende o xogo". É un excelente comodín. Un futbolista que sabe estar en todas as fases do partido. Traballo en defensa e aporta en ataque. Veu fondón, pero, desde o primeiro partido, foi un exemplo sobre o terreo de xogo. Aporta xogo con e sen balón. Parece sinxelo, pero hai que lembrar que Babel só fala inglés - e holandés- e por tanto hai evidentes problemas de comunicación. Haberá quen pense que o fútbol manexa un idioma internacional, pero non é así. E vese que así é aínda que os once futbolistas sexan dun mesmo país. Non é tan importante saber falar como entender de que vai isto do fútbol. Babel si que sabe. 

O que más brillou no Dépor-Osasuna foi Guilherme. Exhibición tremenda a que despregou este futbolista brasileiro. Desatasca, axuda, está sempre presente, apoia, recorre unha amplísima parcela do campo, un pulmón para o equipo. Foi o xogador clave do partido. E, por diante, fantasía. Çolak está medio camiño entre Valerón e Djalminha, salvando a diferenza entre ambos, pero o turco ten algo diferente a calquera outro futbolista sobre o terreo de xogo. Carles Gil, Babel e Andone completan e complementan ese once tipo que por fin se entende e que é capaz de facer gozar os seareiros.

Tiveron que pasar tres meses para esperar a que este plantel lograra ensamblarse. Esa confirmación devolve tranquilidade e confianza. Incluído o cadro técnico, sobre o que había dúbidas. Os resultados que o estaban condenando pararon a palanca de acción da guillotina. Desta volta, non houbo cambios defensivos sobre os que facer segundas lecturas. Trocos normais. Trocos aplaudidos. E, finalmente, resultados. Así si.

Comentarios