Opinión

Do lecer á taquicardia

Sacrificou Vázquez a respecto do derbi ante o Lugo dous peóns para enfrontarse ao Alavés: Manuel Pablo e Seoane.

Sacrificou Vázquez a respecto do derbi ante o Lugo dous peóns para enfrontarse ao Alavés: Manuel Pablo e Seoane. Tirou nesta ocasión de dous puntas, xuntando a Borja Bastón e Luís Fernández no ataque. Así Vázquez cumpriu a súa promesa ao xogador canteirán de darlle estabilidade no once e maior confianza. O ciclo está cumprido. A nova é dobremente feliz, porque se ben Luís encaixa no once, Borja tamén é unha peza fundamental deste taboleiro branco e azul, porque, entre outras cousas, é o máximo goleador do equipo, e iso que as anteriores cinco xornadas foi sacrificado do once, precisamente, para beneficiar a Luís. Quen sabe se para motivar máis aínda a eficacia goleadora de Borja!

Con estas decisións, o debuxo táctico do equipo coruñés semellou mudar sobre o papel, pero a filosofía do adestrador continuou, como cabía esperar. É dicir, manter o cadro herculino forte na zaga, tapando calquera burato. Devolveu a Luisinho ao seu posto natural, como lateral esquerdo, e recuperou a Laure para que fixese labores no carril dereito, dándolle toda a banda. E viuse un Dépor máis vivo, con maior mando, fabricando algo máis de perigo... algo case inédito en Riazor esta temporada. E o primeiro gol chegou nunha xogada pola esquerda cun centro franco para Juan Carlos.

En Riazor non hai partido sen tensión. E se a cousa se tranquiliza, normalmente, acaban aparecendo os apuros e os nervos

E non fixo máis que comezar a segunda metade e Borja fabricou o segundo gol para darlle tranqulidade a un partido cómodo e no que o Deportivo por fin deu sensación de ser un equipo máis perigoso que inocente, un cadro que deu sensación de mesmo ser goleador. Algo axuda que o Alavés é o equipo máis frouxo que pasou por Riazor desde que comezou a temporada. Equipo o que non lle valeu o dito xeralizado de trocar de adestrador para gañar, porque Mandiá non invertiu na súa estrea no banco técnico a sorte alavesa.

As paradas imposibles de Lux

Pero en Riazor non hai partido sen tensión. E se a cousa se tranquiliza, normalmente, acaban aparecendo os apuros e os nervos. Primeiro foi por mor dun penalti que subiu ao taboleiro de marcas, e despois un remate de cabeza que foi salvado in extremis por un Lux que xa acostuma a facer paradas imposibles, e que as siga facendo. Debeu entrar o canguelo no banco técnico, e Fernando Vázquez armou a defensa cun peón máis. Kaka formalizou unha zaga de cinco e o Dépor manifestou á bancada que pactaba o 2-1 como un resultado mási que sobrado, a quince minutos do final. O Alavés cheirou sangue e co novo sistema do Dépor, máis defensivo, o equipo de Mandía colleu ás e onde había un gatiño inofensivo apareceu un felino de maior graduación na familia dos parentes superiores os miquiños, e xa que logo, apareceron os temores. O Dépor descompúxose, apareceron ocos onde nos había, contras onde apenas había iniciativa visitante, e “uffffssss” desde as butacas onde só había aplausos e “uys”. Ou sexa, taquicardia pura para non perder o costume das boas e as más épocas de Riazor.

Os branco e azuis pasáronse todos os minutos finais achicando auga, sen dianteiros, e cos defensas con máis apuros do esperado.  

Finalmente, o equipo coruñés conseguiu o seu propósito. Defendendo, até o límite, como lle gusta a este Dépor de Segunda. O premio é ser de novo líder. O risco mereceu a pena, pero e se chega a empatar? Mentres siga aí, líder, merece a pena, pero ollo coa segunda volta cando todos teñan que facer contas.

Comentarios