Opinión

Derrotados dúas veces en Madrid

Complicado escribir hoxe nada. Poucas gañas. Cando unha camiseta queda tinguida de sangue por culpa dunha maldita pelexa que nunca debeu existir, que dicir? 

Complicado escribir hoxe nada. Poucas gañas. Cando unha camiseta queda tinguida de sangue por culpa dunha maldita pelexa que nunca debeu existir, que dicir? Toda pelexa revolve as tripas. Sexa cal sexa a desculpa, quedada ou emboscada, só pensar que hai xente disposta a manchar o bendito nome do deporte, e a súa nobreza, só queda condenar estas actitudes e afastarse o máis posible delas. 

Agora só nos queda rumiar con dureza, unha vez máis, aínda que menos mal que son poucas, que hai que sumar unha nova morte estúpida froito da barbarie sin sentido, inexplicable, polo menos ante ollos e cerebros racionais. Nunca debeu producirse esta derrota da vida. Nunca debeu permitirse que tal sucedese porque é unha derrota social, a perda da condición racional que din que nos distingue dos animais. Non o parece. 

Non podo esquecer que detrás deste crime queda un neno que queda orfo de pai porque un descerebrado non reflexionou nas consencuencias de machucar e tirar ao río un ser semellante

Feito este apunte do que quero pasar de puntillas, non podo esquecer que detrás deste crime queda un neno que queda orfo de pai porque un descerebrado non reflexionou nas consencuencias de machucar e tirar ao río un ser semellante. Vaian por diante as miñas condolencias para os que senten a dor desta morte inútil. Que a memoria nos lembre as cousas que se deixan atrás por non ter atendido á chamada da cordura. E atrás queda un pai con ese neno xogando posiblemente a darlle patadas a un balón na Praza de María Pita -o falecido vivía a escasos metros dela-. Atrás queda a forte aperta dun pai o seu fillo con cada gol. Atrás quedan os aloumiños que seguro recibía ese pequeno dun pai racional. Atrás quedan os bicos dun esposo. Atrás, as complicidades dun pai con “bo rollo” cunha filla maior de idade, agora tamén orfa. Unha mágoa. Que triste. Por que había necesidade de deixar atrás todos eses bos sentimentos? Alguén pode dicir agora que o de onte merecía a pena? Alguén vai ter valor de xustificar por que pasan estas cousas? Alguén vai ter peito suficiente para explicar por que unha mañá de domingo, tres horas antes de comezar un partido de fútbol, alguien decide acodir á chamada dunha malleira?

Nunca debeu producirse esta derrota da vida. Nunca debeu permitirse que tal sucedese porque é unha derrota social

Coa dor punzando sobre os afeccionados que non entenden a miseria da violencia entre afeccións radicais, comezou un partido xa sen rumbo feliz desde o minuto 1. Imposible que o día, pasase o que pasase, rematase ben. Daba igual que fose onte ou que fose dentro dun mes. Fose cando fose a ferida estará aberta por moito tempo. E ha picarnos na pel moitos anos. Cada aniversario. Cada san Andrés. A razón chamará á memoria. E a memoria lembraranos a febleza da razón.

Na análise do partido, pódese destacar que o Dépor mellorou en defensa. Semella unha contradicción porque perder 2-0 non é signo para falar de mellorías. Pero non, é motivo para loubar. O equipo xa sabe cortar a hemorraxia de goles ante equipos de maior calidade ca el. Iso é un avance. Non chega, claro, pero é un avance. Malia todo hai axustes por facer. Diakité non superou a segunda proba de confianza de Víctor Fernández. Sabendo que un central está a punto de chegar co mercado de inverno, non fai falta pensar moito para darse de conta que a Diakité lle quedan pocos días na Coruña. Que a disfrute. O autogol condenouno definitivamente. E no primeiro gol tampouco estivo acertado elixindo a posición defensiva. Con todo, a liña defensiva está máis centrada, algo máis segura, un signo do que hai que felicitarse. Pero a zaga está moi lonxe da zona ofensiva. Hai moitos metros ata conectar con algunha posibilidade de gol. E ademáis aí a pólvora está mollada cando xorde algunha ocasión máis ou menos clara. Balóns chegan moi poucos e así é case imposible invertir o polo positivo das estatísticas. Existe unha escaseza de recursos ofensivos alarmante. Apenas hai centros. Apenas chegadas. Tiros a porta brillan pola súa ausencia. E tampouco se explota o balón parado. O Dépor segue sen tirar faltas desde o borde da área rival porque nin as consegue nin se move por esa zona para conseguilas. Tampouco hai explicación para a pouca rendibilidade entre os homes atacantes. Aínda que o seu favor se debe dicir que se non lles chegan balóns, as súas posibilidades cara <o gol redúcense considerablemente. 

Agora chegan dúas semanas cruciais. Dous partidos na casa. Primeiro Málaga, logo Elxe. Dúas citas que marcarán seguro o vindeiro futuro do Dépor. As miradas estarán no banco do técnico. Os resultados teñen a palabra.

Comentarios