Opinión

O derbi que perdeu Mel no autobús do Dépor

Convén saber e lembrar que Riazor sabe e entende de fútbol. Riazor é un dos estadios con maior entrada dos estadios en Primera División. O gusto polo bo fútbol tamén é algo que destaca no estadio deportivista. Na Coruña pasaron futbolistas como Bebeto, Djalminha, Tristán, Makaay, Rivaldo, Mauro Silva, Valerón ou Fran; e outros menos presentes na retina polos anos que pasaron como Amancio, Luís Suárez, Chacho, Acuña, Veloso, Manolete, Pellicer, José Luis, Moll, Corcuera, Oswaldo, Tino ou Franco. A bancada gozou con eles e demanda fútbol como o que eles practicaban sobre o céspede herculino. A Coruña é unha cidade de fútbol que coñece ben este deporte.

Os bos resultados das últimas semanas e a vitoria ante o Barça facían que o clima fose moi propicio co equipo. Incluso para perdoar un tropezón. E así foi. Malia a derrota co Celta, o ambiente vai seguir sendo propicio. Caer co Celta na casa, despois da xeira positiva de Mel, será só un accidente. Pero un accidente moi caro e que ademáis terá que rumiar durante dúas semanas. 

De entrada, o plantexamento de Mel, con toda unha semana para preparar o encontro, a primeira vez que o adestrador tiña unha semana enteira para traballar, resultou ser incomprensible, medoso, decepcionante. Deixar no banco de suplentes Andone, o xogador máis perigoso do equipo ante o gol, e Çolak, o futbolista máis desequilibrante e capaz de enviar un pase mortífero a Andone, foi unha temeridade por parte de Mel. Os mellores teñen que estar no terreo de xogo sempre. E nun derbi, teñen que estar con máis obriga. E senón por que se sacrificou Andone, forzando o quinto cartón amarelo ante o Betis para que chegase limpo de tarxetas a este partido, perdendo o do Barça para cumprir sanción? 

Caer co Celta na casa, despois da xeira positiva de Mel, será só un accidente. Pero un accidente moi caro

A aliñación de Pepe Mel foi un erro. Un despropósito. Unha declaración anticipada de inferioridade incomprensible e incluso extraña. Mel perdeu o partido antes de que o balón comezase a rodar. No autobús. O mesmo que plantou logo sobre o céspede, con resultado nefasto. E non só se pode xulgar pola aliñación que elixiu, tamén pola proposta que deseñou con esa aliñación. Un Dépor agochado. Poboando o campo deportivista, esperando o Celta. Facendo unha falsa presión, para manter o coiro só no centro do campo, lonxe das áreas. Ineficaz. Deixando a pelota os olívicos, que viñan de xogar en Europa o xoves. A estratexia de toda a primeira parte, a que se viu porque de intencións non falo, foi esperar o Celta para ver se xurdía unha contra. Así o dixo Aspas nada máis rematar o encontro que tamén tivo a mesma sensación sobre o terreo de xogo. A opción de Mel foi un fiasco. Totalmente errada. Porque o Celta onde é forte é do medio do campo para adiante. Sábeo calquera que vexa un pouco ós vigueses. Ademais, se a estratexia era á contra o máis rápido, o máis vertical, o máis listo para esa especialidade era o romanés. O turco nese tipo de xogo é o complemento ideal para Andone. Pero Mel preferiu tirar dun trivote, colocando Borges case en posición de mediapunta detrás de Joselu e dándolle ao tico a responsabilidade de filtrar algún pase, se cadraba, para o de Silleda. 

A aliñación de Pepe Mel foi un erro. Un despropósito. Unha declaración anticipada de inferioridade incomprensible e incluso extraña

Acertou Mel en darlle a Luisinho o peso de perseguir a Iago Aspas. O portugués fixo unha grande tarefa marcando o de Moaña. O que non se esperaba Mel é que Albentosa, especialista no centro da zaga, se durmise nunha xogada servida desde un centro que o dez do Celta resolveu con máis  intelixencia que beleza. O remate a porta non foi ortodoxo, pero sí dun pillabán. 

Antes desa xogada produciuse outra que foi a clave do encontro. Se no erro de Roncaglia, no primeiro minuto da segunda parte, está Andone no terreo de xogo hai gol para o Dépor case seguro. Andone está sempre moi atento a ese tipo de situacións e busca sempre a xogada do despiste dos defensas. Presionando a zaga. Provocando o erro e pendente de cazar calquera situación que lle caia en bandexa. Esa xogada, de transformarse, cambiaba o partido tal e como foi concebido. Porque o propio adestrador deportivista cría no 0 a 0 como resultado deste encontro. Así o manifestou en rolda de prensa. Pero iso son contas da leiteira. Mel, mellor ca ninguén, porque vén de Sevilla, sabe o valor dun derbi, a importancia dun clásico.   

A semana pasada quedou demostrado que todos os partidos son da Liga. Que calquera partido é unha boa oportunidade. O Dépor gañoulle ó Barça xogando de cara, non agochándose, sen refuxiarse, sen poñer un inaudito autobús en propio campo. Mel explicou que non houbo diferenzas co partido que lle deu a vitoria ó equipo coruñés ante ó Barça. A realidade, diga o que diga Mel, é que non hai nada que se lle parecese entre un partido e o outro.

O Dépor gañoulle ó Barça xogando de cara, non agochándose, sen refuxiarse, sen poñer un inaudito autobús en propio campo

Agradécese que Mel quixera colocar o equipo máis galego dos posibles do Dépor para o derbi, pero non a costa de renunciar a xogar con valentía este partido. Entregar a pelota ó Celta foi un erro que non ten que volver a pasar para o resto da Liga. Á vista está o resultado. Quen sae a non perder, perde.  

O drama da derrota non é tanto porque o balance desde que chegou Mel é moi positivo, aínda que o Sporting de Xixón recurtou dous puntos aos coruñeses nos postos para o descenso. O Dépor está a tres vitorias da permanencia. No derbi, os herculinos estragaron unha das oportunidades de asegurar outro ano en Primeira División. 

Comentarios