Opinión

Un derbi galego diferente e moi divertido

Dépor e Lugo deixaron bo sabor de boca aos seareiros.

Dépor e Lugo deixaron bo sabor de boca aos seareiros. Ambos os dous presentaron en Riazor dúas propostas, dous estilos, que lles funciona ben e son, á vista da clasificación, dúas fórmulas de éxito na categoría de prata do fútbol español neste momento. O Dépor, consciente das súas limitacións, non arrisca. Concéntrase en ser forte atrás e que ninguén o sobresalte, sexa quen sexa. O Dépor non cae en trampas, é parsimonioso, busca a oportunidade agochado e nunca se complica a vida. O Lugo pon máis carne no asador. Ten máis iniciativa, gústalle ter o balón nos pés, sentir que ten a posesión da pelota, combinar e mover todo o equipo cara ao ataque. Pero ao mesmo tempo, o conxunto de Setién non arrisca innecesariamente, sabe gardar as costas e protexer ben a súa meta.

E malia que o equipo da casa ten un sistema máis reservón ou de menor risco do que o lucenses, os de Vázquez plantáronse con moito perigo. Até en seis ocasións pisaron a liña de fondo, a cada cal máis perigosa. Pero as botas dos branco e azuis desta vez non ían cargadas de pólvora, e o gol non puido chegar nin en diferido, que tan de moda está. Só un par de acertadas ocasións foron as que ergueron ós deportivistas dos seus asentos.

Foi a filosofía de Setién a que estivo máis perto do gol se non fose polo pau da portería do fondo de Pavillón

O Lugo, cando xa se acostumou ao campo, foi máis valente na segunda metade e comeuse todo o balón. Dominou case todo o segundo tempo, parecendo os lugueses os que xogaban na casa. O seu fútbol máis alegre e máis descarado a piques estivo de estragar a ledicia caseira do liderado. Foi a filosofía de Setién a que estivo máis perto do gol se non fose polo pau da portería do fondo de Pavillón que devolveu con forza un duro disparo de Seoane. Naturalmente, o pau era da casa e rexeitou a bola ben lonxe do perigo ante un Lux totalmente vencido.

Foi un partido equilibrado en todos os aspectos. Até na polémica arbitral. Os penaltis claros, dous, a partes iguais… pero quedaron sen pitar.

Onde o encontro gañou peso foi nas bancadas. Case 30.000 afeccionados mesturados por todo o estadio e desfrutando da festa do fútbol. Até O Miudiño entoado polas dúas afeccións soou a derbi emotivo. Que ben que as afeccións se unan arredor do fútbol amosando que o deporte se concebiu con bos propósitos, apartando o rancor e a xenreira que tan acostumados andamos a ver no fútbol. Mesmo houbo momento reivindicativo entoado como unha soa voz, fundindo as cores branco e vermello co branco e azul para pronunciar con forza que Nunca Máis nos tomen o pelo no mar cun novo Prestige, aínda que en terra nolo tomen a cotío.

Comentarios