Opinión

Deportivo: salvados do descenso!

Pois si, facer contas é o que ten. Que se pode ver todo como a un lle veña mellor. E coa vitoria de Mallorca, afeccionados deportivistas, estean todos tranquilos

Pois si, facer contas é o que ten. Que se pode ver todo como a un lle veña mellor. E coa vitoria de Mallorca, afeccionados deportivistas, estean todos tranquilos. O Dépor este ano xa non descende á Segunda B. A permanencia está asegurada. E non se rían, porque se botan unha ollada atrás lembren que había apostas a que este equipo non soportaría un ano así. Só hai que lembrar que cando comezou a competición Vázquez tiña un equipo limitado e de escaso percorrido.  

Agora, esa permanencia pode durar… catro semanas máis, xa que todo apunta a que o cadro herculino vai ascender en breve. Se é quen de acadar dúas vitorias máis e puntuar nun terceiro partido será case matemático. Se os rivais non logran rebaixar a diferenza de 9 puntos entre o Dépor e As Palmas, que marca a liña da promoción, o ascenso produciríase na xornada 39 en Riazor, co Eibar.

Clavar os resultados da primeira quenda son unha referencia perfecta, a nivel de resultados, para evaluar o estado dos equipos

O cadro coruñés, en Mallorca volveu confirmar que é o equipo máis regular da categoría. Fiable. Superou a un equipo que nos primeiros minutos de xogo transmitía fortaleza. Achegouse á porta de Lux con moito perigo, pero as decisións arbitrais, acertadas, a boa man de Lux e a solidez defensiva resolveron cada situación de risco. Despois, co primeiro gol e, definitivamente, co segundo o partido estaba máis que resolto.

Pero especialmente é destacable a valentía e acerto do colexiado andaluz Melero López que invalidou tres xogadas que acabaron en gol ós baleares. As tres decisións correctas. E sinalou un penalti a favor do cadro branco e azul que foi, malia ser moi protestado, e non concedeu outro ó Mallorca que non foi, pero moi dificil de acertar. “Castigar” con ese nivel de acerto ó equipo de casa merece o aplauso e o recoñecemento do trencilla e os seus auxiliares. Con outros colexiados igual falabamos dunha derrota.

Segundo 0-3

Esta é a segunda vez na temporada que os coruñeses vencen a domicilio por 0-3. Nesta ocasión, o Dépor mellorou o resultado da primeira volta ó deixar a porta a cero. A comparanza que tantas e tantas semanas levo repetindo nos meus comentarios en Sermos vaise confirmando. Clavar os resultados da primeira quenda son unha referencia perfecta, a nivel de resultados, para evaluar o estado dos equipos. Este domingo en Mallorca caeu a terceira vitoria consecutiva de serie de 4 triunfos que conseguira o equipo deportivista entre as xornadas 12 e 15. Se cae a cuarta vitoria, é unha zoupada case irremontable para os seus perseguidores. Agora mesmo, o Dépor consolídase como líder sólido de Segunda. Quen o diría hai nove meses! O inicio da temporada semellaba que a competición se convertiría nunha procesión embarazosa, e de prognóstico reservado. Pero a realidade ensinounos que outro camiño é posible, malia as dificultades e as circunstancias.


Así que o vindeiro sábado prepárense para animar un equipo que está cun pé en Primeira. Chega a Ponferradina. Alá, os de Vázquez gañaron por 0-1. En Riazor hai que repetir.

Comentarios