Opinión

Deportivo: un líder empanado

Sen tensión, sen pegada, sen convencemento. Sen combater. Así saíu o Dépor a xogar ante a Ponferradina.

Sen tensión, sen pegada, sen convencemento. Sen combater. Así saiu o Dépor a xogar ante a Ponferradina. Por exceso de confianza? Contaxiados do ambiente de euforia xeral? Relaxados por falta de pagamento da extra da prima de ascenso? Cun resultado tan avultado, as preguntas, aínda que disparatadas, saen a relucir. Preguntas duras para unha temporada moi dura. Probablemente, a resposta a todas elas sexa que non. Un non rotundo. Pero os futbolistas branco e azuis tampoco fixeron moito para facer pensar o contrario.

O certo é que o Dépor xogou cunha empanada mental considerable. E a empanada debía ser de pasas, por certo, xa que o que se viu foi un equipo “pasando” de todo. Noventa minutos na verza, regalando cada pase ó contrario, perdendo un sinfín de balóns. Un equipo baleiro de contido e sin enterarse de nada, empanado, volta e volta, é dicir, tanto no ataque coma en defensa. Atorrado, mantecoso, pasteloso. Como un producto mal precociñado, sen ningunha graza e sabor.

Repaso soberano

A Ponferradina, apurada, necesitada, deulle un repaso soberano ó Dépor. Pasoulle, inexplicablemente, por riba. Os de Vázquez tiraban mal os pases, ou escasos, ou mal orientados, e sen forza, desganados. A Ponferradina chegaba a todas as accións, anticipouse en cada pase e roubaba cada pase que facían os deportivistas. Os leoneses xogaron ademais con máis iniciativa, como se foran o equipo da casa. Entregados ó ataque e ó contragolpe en canto se abría un pequeno oco.

O cadro coruñés xogou un partido impresentable, impropio dun equipo que vai ser campión da categoría con grande probabilidade. Non serve o argumento de que todo o mundo ten un día así, un “mal día na oficina” que dicía Toshack en tempos para poñer excusas. Un equipo campión tamén o ten que ser na casa. E, sobre todo, con otra actitude. Perder se pode perder, incluso ter un mal día, pero non así.  

Foi unha tomadura de pelo. Unha falta de respecto. O afeccionado branco e azul non merece este trato do seu equipo

Desta volta, como nas dúas últimas semanas, Fernando Vázquez puxo a xogar un equipo teóricamente máis ofensivo, ó que lle gusta ao público, cunha declaración de ataque, sen tupir de homes ó seu propio campo, adiantando a liña defensiva. Pero non vale só colocar homes sobre o campo, coma se foran figuriñas de chumbo, debuxando con claridade o esquelete do esquema táctico. Eses homes teñen que moverse, que ter actitude, demostrar que viven do fútbol por algo, que hai diferenza a que se poña a xogar un profesional do balompé a que o faga calquera afeccionado da bancada con vocación de futbolista.

Cabrea e moito ver como o teu equipo é quen de gañar con esforzo, con sufrimento, con tensión e traballo fóra da casa e encaixar unha derrota avultada coma a deste sábado en Riazor. Foi unha tomadura de pelo. Unha falta de respecto. O afeccionado branco e azul non merece este trato do seu equipo, unha afección que acode a cada cita coa ilusión de ver que os seus son o que di a táboa clasificatoria. Líderes!

Derrotas de Las Palmas e Tenerife

En definitiva, o Deportivo ascenderá aínda que non queira porque nesta categoría esta temporada triunfa o que menos mal o fai. E o rei de cometer menos erros é o Deportivo. A estas alturas de competición, onde todo se xoga, hai equipos como o herculino ó que case lle da igual gañar que perder porque nada ha cambiar, ou case nada. A derrota coa Ponferradina non ten significado algún grazas ás derrotas das Palmas e Tenerife e o empate do Eibar. A estrepitosa caída do conxunto branco e azul rompeu a cadea de vitorias que logrou na primeira xeira. Esta derrota, á vista dos resultados do grupo de perseguidores, non significa gran cousa aínda que supón que os homes de Vázquez asinan menos puntos na segunda xeira (27), comparandoos cós da primeira (29).

O Deportivo ascenderá aínda que non queira porque nesta categoría esta temporada triunfa o que menos mal o fai.

A derrota coa Ponferradina é un aviso de que non hai inimigo pequeno, que hai que respectar a todos os rivais por inferiores que poidan parecer, que non se gaña por baixarse só do autobús, pero sobre todo aos primeiros aos que hai que respectar son aos propios seareiros. As derrotas pódense perdoar, e esquécense, pero mellor cando se mostra actitude.

Visitas a Lugo e Alavés

O Deportivo xogará agora dous partidos fóra da casa (co Lugo e co Alavés). Probablemente, alí consiga os puntos definitivos para o ascenso. Pero a festa non estará completa sen un plan de vitorias nos partidos da casa. Pode ser un ascenso sen “chicha nin limoná” se en Riazor non se saborean os meles do triunfo. Ogallá que non.

Seguro que a semana que vén, recuperaremos un ton máis festivo. Alí estarán 3.000 afeccionados con ganas de vivir unha desas 11 vitorias no éxodo lonxe de Riazor

Comentarios