Opinión

“Déporbaguette”

Non está o forno para bolos. O Dépor só dura con certa consistencia 45 minutos. A medida que pasa o tempo, como as barras de pan francesas, o equipo perde a súa fortaleza.

No Calderón unha gran parte da culpa da derrota está na inexplicable entrada de Fayçal nunha zona na que non existía perigo para o Dépor, cando estaba a punto de rematar a primeira metade e cando o xogador marroquí acababa de ver un cartón amarelo. Unha acción sen sentido. Unha decisión grave, probablemente froito dun partido duro. En calquera caso, inexplicable desde o punto de vista da lóxica. 

De saída, o equipo sen Juanfran e sen Luisinho asombrou. Os dous laterais son dous puntais no esquema deportivista. Despois de ver o bo entendemento entre Çolak e Marlos, co colombiano xogando pola banda esquerda e o turco con máis liberdade por detrás, semellaba que Garitano atopara un esquema de traballo. Esa combinación de xogadores coa incorporación de Guilherme é unha opción a considerar. Pero o técnico vasco mudou por sorpresa o once. 

Tendo en conta o resultado final e como foi o partido non lle saíu de todo mal a experiencia. Pero, por outra banda, a derrota por mínima que sexa asombra un pouco máis o frío arranque deportivista. 

Garitano aínda non demostrou ser bo panadeiro por moito que enforne

No segundo tempo, con dez e algún cambio estrano, como renunciar a Andone, o único home de ataque claro que lle queda ó equipo, o Atlético foi un furacán. Lux tivo que empregarse a fondo. Pero cada segundo que pasaba se mastigaba a traxedia. O Dépor expúxose demasiado nos trocos realizados. Ao saír Guilherme era cousa de coser e cantar. E cantou.

Visto o visto queda clara unha cousa. Hai que enfornar mellor o equipo inicial, utilizar toda a materia prima de calidade e coidar do forno para que o pan non se queime e dure máis tempo fresco. E Garitano aínda non demostrou ser bo panadeiro por moito que enforne. De momento, ten tempo para deixar as “baguettes” e facer pan de Cea. Pero o tempo ten un límite. A clientela ten fame e pode cambiar de panadeiro. 

Comentarios