Opinión

Dépor: xa é primavera no Corte Inglés

En fútbol adoita valer o que vale o último resultado e ás veces a última vitoria

En fútbol adoita valer o que vale o último resultado e ás veces a última vitoria. Se temos que valorar o partido no Alfredo Di Stéfano en Valdebebas só se pode dicir que o partido foi unha aborrecible turrada.
Con todo, a vitoria dos deportivistas é moi importante por moitas razóns, pero sobre todo, porque demostra que é un equipo que se reinventa constantemente e que sae con ben, ata agora, das situacións difíciles.

A praga de lesións, as sancións, as dúbidas de última hora, e, xa que logo, con menos efectivos a disposición do técnico para configurar un once tipo fan que cada partido sexa unha preocupación. Marchena tomou da súa propia menciña este sábado, aínda que actuou con responsabilidade ó non xogar por non atoparse en condicións, malia estar previsto que xogase. Quizáis iso debera facer Insua a semana anterior. Iso complicaba as cousas para formar a defensa, a liña máis segura dos branco e azuis. Houbo que improvisar poñendo a Manuel Pablo no eixo da zaga, e por riba, a perna cambiada. O parche funcionou, pero seguro que non queren que se repita. Contou ó seu favor que o Castilla foi un rival cómodo, con escaso perigo en ataque. E iso que Lux tivo un día descoñecido saíndo a por uvas en cada lance. Aínda así, o equipo foi serio atrás, como sempre, e mantivo a porta a cero. Desta volta non houbo lugar a cambios de sistema porque non había elementos dispoñibles para facer outro tipo de combinacións, e os branco e azuis tiveron que apañarse coa liña de catro defensas.

Sissoko e Lopo, entre os destacados

Así pois, o Deportivo comportouse en Madrid como un equipo con moito sentido práctico. Onde Juan Domínguez retomou os galóns de mando que adoitamos recoñecer nel. Juan levaba demasiadas xornadas coas insignias de mellor xogador gardadas nun caixón. E cun Sissoko que confirma que ten calidade de sobra para este equipo, e para a categoría. Agora mesmo é un dos mellores xogadores do cadro de Vázquez xunto con Lopo, que volveu estar de dez. O que indica que as incorporacións de inverno foron axeitadas, coa tara lóxica das postas a punto. De aí as lesións. Pero, non viron como a estas alturas de ano comezan a caer tamén os primeiros espadas dos grandes equipos? Hai baixas en todos eles agora que afrontan a recta final de todas as competicións ás que se presentan. E aínda lles falta xogar o Mundial en verán. Case nada.

Juan Domínguez retomou os galóns de mando que adoitamos recoñecer nel

Así que as lesións preocupan, pero os rivais tamén están coa gasolina xusta. E, de momento, non hai sinais de maletíns, outra cruz por estas alturas de campionato. Semella que os resultados que se dan son os que son, sen aditivos económicos. Nótase que a crise económica afecta ós animadores da Liga das primas, a parte de que o control sobre eles debe estar funcionando, polo momento. Falta facía. Pero ollo, aínda quedan moitas xornadas e billetes nalgúns petos. Tampouco hai que fiarse moito.

Desde o peche do mercado de fichaxes de xaneiro, os herculinos marcaron doce goles en sete partidos. Oito goles desa docena corresponden a xogadores incorporados na quenda extra de fichaxes. E marcaron case todos: Salomao, Ifrán, Lopo (2) e Toché (4). Quedan Rabello e Sissoko por seguir coa mesma sorte ca eles.

A importancia destes resultados é que o Deportivo segue a meter puntos a quen lle estaba a pisar os talóns, como As Palmas ou o Spórting de Xixón. Ademáis, consolídase nos postos de ascenso directo nunha semana na que volve ó liderado. Cada vez queda menos para conseguir o obxectivo do ascenso, o único importante esta temporada incluso por riba de ser campión do campionato. Vamos, que se adiantou a semana fantástica do Corte Inglés. Debe ser que xa é primavera.

O cadro de Vázquez está a piques de alcanzar os números de Oltra fóra da casa, xa que conseguiu o ano do ascenso once vitorias a domicilio. Os de Fernando Vázquez xa levan 10 e teñen marxe para superar aquela xeira. O equipo coruñés segue a mellorar os números dos primeiros partidos desta temporada. Agora suma un punto máis que daquela, igual que a semana pasada.

Resultados 2014

De tódolos xeitos, sempre se pode mellorar os resultados porque o Dépor non é o equipo máis destacado deste ano 2014. Barça B e Tenerife son os que máis suman cun total de 25 puntos. O Eibar é o segundo mellor, con 24. Os branco e azuis con 23 puntos son o cuarto conxunto que máis suma no 2014.

O Deportivo non collera o liderado do campionato por primeira vez esta temporada ata a xornada 15. Esta xornada que se acaba de disputar, na primeira quenda, equivalería á decimosegunda, polo que desde este punto de vista os herculinos asaltan a cabeza da clasificación tres xornadas antes.

Os próximos tres partidos do Deportivo, xunto co do Castilla, son os da mellor xeira do cadro deportivista. Será quen de repetilos? Recreativo en Riazor, viaxe a Mallorca e outra vez na casa contra a Ponferradina son os próximos compromisos. A todos gañoulles pola mínima, salvo o Mallorca de Oltra.

Boten contas e froten as mans se os números son tan bos como os desta semana. Pero non se confíen. Lembren que co Deportivo sempre se sofre. Pase o que pase e se xogue o que se xogue.

Comentarios