Opinión

O Dépor xa non namora

Outro empate. Outro resultado positivo. En Sevilla. Gran resultado. Pero pouco, moi pouco fútbol. Grazas, seguramente, ao cansazo dos xogadores de Emery. O Dépor está máis para presentar un bo balance ó final do curso no que as contas se reflicte, que polas alegrías que dá no terreo de xogo. Que o Dépor se consolide un ano máis en Primeira División é unha gran nova, sen dúbida. Pero atrás quedou o equipo que brindaba titulares de solidez, sobriedade, xogo seguro, un modelo identificativo. Daquelo, nin rastro. E non hai indicios de que volva o fútbol que soubo xogar o Dépor e do que agora xa non se lembra. 

Víctor apostou por unha defensa de cinco. Conservador. Amarrategui. O 0-0 era un resultado que de partida valía. Partido plantexado apostando por un seguro cansazo dos rivais que chegou, por certo. Os branco e azuis especularon á defensiva, con cinco homes muro. Pero esa muralla defensiva tiña demasiados buratos, sobre todo polas alas. O xogo áereo fixo un dano tremendo. Eran cinco defensas, si, pero mentres o Sevilla se adicou a atacar, a zaga coruñesa non se enteraba de por onde lle viña o conto. E iso que case sempre insistía polo mesmo lado. Pronto se viu que con esas intencións non se podía ir a ningures. Despois de tres ou catro avisos serios, comprobouse que o muro defensivo deportivista era de area. E á quinta marea hispalense o inconsistente plan quedou ó descuberto. Gol de Iborra.

Víctor apostou por unha defensa de cinco. Conservador. Amarrategui. O 0-0 era un resultado que de partida valía

Co gol, o Sevilla botouse a descansar. A salvación dun Dépor que non xogou a nada. Aí atoparon respiro e a oportunidade de sorprender. Estaba cantado que o Sevilla non ía xogar este partido a todo pulmón e que renunciaría a boa parte do encontro. Motivos ten. 

Entón, por que o Dépor saíu a non xogar? Por que, pese a xogar con cinco defensas, manifestou unha gran debilidade defensiva? Por que se xogan partidos como se non fosen da Liga do Dépor? Non merece a pena reencontrarse co Dépor que comezou a temporada? É unha cuestión física? U-lo Álex Bergantiños?

Non merece a pena reencontrarse co Dépor que comezou a temporada? É unha cuestión física? U-lo Álex Bergantiños?

Síntoo, pero con este Dépor non se pode sacar peito. 

Pode estar o seareiro contento co resultado porque o equipo suma, porque a Primeira División veu para quedarse, porque, probablemente, este ano aforrará un infarto. Pero a miña pregunta é: está realmente satisfeito co que ve?

Por certo, este mércores en Riazor… Tremendo partido!!! Será da Liga do Dépor? Tal como está o Barça podía ser.

Comentarios